sábado, 27 de febreiro de 2021

OS SONS DA MÁSCARA DE XINZO DE LIMIA. (SEGUNDA PARTE)

A transformación que supón o vestir unha máscara, neste caso de entroido, significa varios cambios no comportamento da persoa que leva esa máscara.

Un dos cambios máis importantes é perder un dos atributo que nos fai humanos: a fala.

As Pantallas de Xinzo de Limia non falan, non teñen esa facultade. Pero non son mudas. Emiten uns sons guturais que amplificados pola propia forma da máscara as separa aínda máis do humano e a levan a outra dimensión.  

Tampouco falan os animáis, pero en ocasións chegan a comunicarse sen palabras. Relacionado con esta animalidade, escoitei un día a uns rapaces novos que comentaban que ao día segunte, domingo de entroido, querían poñer "A BESTA" referíndose a Pantalla. Que esclarecedor.

Quero dar a coñecer que segundo a situación coa que se atopa a Pantalla pode variar o son gutural en lonxitude, en rapidez, en entoación... O normal é que cando remata o son gutural batan das vexigas.

Eu sempre escoitei e sempre fixen o son gutural coa letra O

Cando a Pantalla se bota a rúa faino trotando e cando ve unha persoa ou grupo de persoas achégase faecendo un Oooooó, ooooo, o-o-o-o. E bate coas vexigas. Este son é repetido varias veces, cambiando a orde (é aleatorio). É o normal nos desplazamentos e no lucimento.



Pantalla trotando na Rúa dos Viños.




Cando interactúan as Pantallas (BAILAN AS PANTALLAS) cambia a lonxiatude do son. Repítese varias veces a primeira parte: Ooooooó o-o-o-o - Ooooooó - Oooooó o-o-o-o. Baten as vexigas, saltan, deplázanse a dereita, esquerda, xiran, etc. (A convinación de sons non ten que levar esa orde cando se repite, muda ao gusto ou ao que está acostumada a máscara. Ao que escoitou dos maiores).


Dúas Pantallas bailando.



Pantallas bailando.





Cando se localiza un coñecido que non vai disfrado, iniciase unha especie de caza. As Pantallas roldan o coñecido intentando non ser descubertas. Se non se dá conta as Pantallas cólleno e van cara unha tasca. Se se dá conta iniciase unha persecución. No extase da persecución gana moita intesidade e repítese moi rápido o son: Ooooó, Ooooó, Ooooó así repetido ata que é collido o coñecido. Durante o acompañamento á tasca, repítese o son de camiñar e lucir e baten as vexigas. 


Pantallas cun coñecido.




Antes de descubrirse na tasca, a Pantalla executa un baile no que volve a emitir o son e bate as vexigas como cando baila con outras Pantallas. Neste caso o baile é adicado ao coñecido por convidar a uns viños e participar da súa parte da festa.


Baile de recoñecemento a quen convida a uns viños e participa da festa.


Logo saca a carauta dándose a coñecer e empezan a diversión, coméntanse a carreira, por onde escapou, cóntanse contos, cántase, bébese, é a festa no seu máximo nivel. Todos cumpren, todos están cheos de contento e orgullo por facer a súa parte. É único.


Dentro da tasca a festa da risa e da diversión.

Cando se encontra cunha muller, e o enmascarado ten interese en achegarse a ela, entón o son e máis meloso, quere enfeitizar. Repítese varias veces o Ooooooó mentras se arrodea a muller e inténtase levantarlle a saia coas vexigas (Cando leva saia). As vexigas baten moi amodiño. É un namorar é o SUFALDREO.



 



Cando a máscara se dirixe a un neno ou unha nena o son é tenro, baixiño e bátese coas vexigas moi amodiño. Ooooo, Ooooo. É normal que o neno ou nena colla medo e chore. Non pasa nada a Pantalla marcha facendo movementos lentos sen facer moito ruído. O pequeno ou pequena tense que ir acostumando.

Cos familiares ou cos amigos a máscara achégase e saúda emitindo un son suave e batendo as vexigas como saúdo. O familiar ou amigo detense diante da Pantalla e observa o baile que lle adica.  

Moitas veces crúzanse cuadrillas de Pantallas, saúdanse emitindo o son como cando están en grupo e baten as vexigas. É o recoñecemento a un igual. É unha mostra mutua de respecto.


Grupo de Pantallas.

Grupo con Pantallas infantís.

Algúns dirán que non é así como eu digo porque el ou ela fai de maneira distinta. É normal, cada un fai como entende. Todo o que rodea á Pantalla xera polémica. Eu mostro o que eu aprendín. No xeral penso que é así e no particular cada un a súa maneira.

Nos días de entroido este son forma parte da conducta da Pantalla e é inseparable da máscara. Teño visto bailes de Pantallas que non emiten este son gutural. Normalmente son persoas que veñen a Xinzo a poñer unha máscara que non sinten e non entenden. É mellor que deixen o espazo ás verdadeiras Pantallas e que non intenten imitar o que non nace con eles. Así é. 

Quero agradecerlle aos meus amigos e amigas Pantallas o tempo que compartiron comigo, tempos nos que vivimos uns momentos inesquecibles. Eles e elas saben o que eu digo.


Arriba empezando pola esquerda: Begoña, Arturo, Porto, Zalo, Urones, Lito, Rudi.
No medio empezando pola esquerda: Paco Chispa (finado), Pepe Calleja, Miguel, Moreiras (finado), Odilo, Eduardo Mangao, Teresa, Lisardo e Chus.
Abaixo empezando pola esquerda: Kiko, Edesio e Loli.
1985.