venres, 1 de outubro de 2021

OS VINTOS. UN XOGO POPULAR NO SÉCULO XXI. SAN MARTIÑO DOS PEROS. CONCELLO DE BALTAR.

O día oito de agosto de 2021 fomos invitados por Enesio Fidalgo Nocelo a presenciar o Xogo dos Vintos en San Martiño dos Peros, concello de Baltar. Unha linda aldea da raia seca. Portugal está a 500 metros. Aos Vintos só se xoga en dúas aldeas da parroquia de San Paio de Abades: San Martiño dos Peros e San Paio.

A tarde de calor non empediu que se xuntaran no campo de xogo novxs e vellxs. Todxs dispostxs a disfrutar unha vez máis do seu exclusivo xogo. É día de festa para xs xogadorxs.


Os peros que lle dan nome a San Martíño.

Os Vintos, en tempos, era un xogo de homes adultos, Xs nenxs e as mulleres non xogaban. Iso na teoría. Na práctica xs nenxs xogaban cando ían coa facenda ao monte. O propio Enesio cóntanos que él aprendeu o xogo da súa avoa. Ás escondidas xogaban os dous. Os tempos mudaron e a xente desapareceu da aldea. Como moitas outras aldeas, ten algo de vida no verán cando retornan os que buscaron a vida fóra. Pero os netos dos que marcharon non queren volver a aldea. Non teñen elos que os una a ela. É un adeus.

Para que non desaparecera o xogo, os veciños de San Martiño dos Peros crearon a Asociación Cultural Penacurva. O nome dallo un penedo do monte que é peculiar pola súa forma. Os veciños saben que debaixo da parte esqueda do penedo, a que fai de telladiño, era onde os lobos ouveaban. 

No logo a asociación temos o penedo.


No mes de agosto, antes da pandemia, a Asociación Cultural Penacurva organizaba unha xornada festiva para os veciños. Ben cedo preparaban o campo de xogo, comían todos xuntos, xogaban as cartas, xogaban aos Vintos e finalmente na fonte do pilón que está no medio da aldea facían unha guerra de auga. "Na raia, moita metralla"

Pero o protagonista da xornada era o Xogo dos Vintos.


O Vinto.

O Vinto é unha cana de árbore que se colle no monte. Córtase e prepárase para que teña un diámetro duns 10 cm. e de alto uns 20 cm. Como se olla na foto o Vinto vaise traballando coa navalla para que a parte de arriba sexa máis estreita.

 O XOGO.

Para xogar son necesarios dous Vintos e cada xogador ten que levar unha pedra que se chama barla. 

Parella de xogadores coas barlas na man.

A barla é unha pedra lisa de granito, xisto ou un coio duns tres ou catro centímetro de ancha e uns quince centímetros de diámetro. Non ten porque ser redonda e cada xugador ten a súa porque para lanzar é fundamental coñecer o peso e a forma de agarrala.

O xogo dos Vintos é un xogo de puntaría. Consiste en derrubar os paus de madeira (Vintos) tirándolle coa pedra (barla). Os madeiros colócanse un do outro a uns 16 pasos, 14 metros máis ou menos. Para facer máis dificil acertar no Vinto vimos como a parte de arriba é máis estreita.


Distancia entre os vintos.

Xógase por parellas. Unha vez colocados os Vintos, os xogadores de cada parella lanza por turnos. Cando lanzan os catros xogadores calculan a puntuación. Como collen as pedras que quedaron ao redor do Vinto, xa están na zona de lanzamento para intentar tirar o Vinto que acaban de deixar no outro extremo do campo de xogo.


As dúas parellas competindo e a barla no ar.

Podemos dicir que existen dúas tácticas de lanzamento. Unha consiste en darlle moita parábola ao lanzamento co que a barla cae a "cachete" sobre o Vinto e o derruba. Na outra táctica a barla vai máis rente ao chao para que caia antes do Vinto e o derrube por arrastre. Senón o derruba o que se asegura son os tantos. Para conseguir que a barla arrastre polo chan os xogadores tallan a pedra.

 Antes de lanzan os xogadores intentan concentrarse todo o que poden. As bromas e brincadeiras son constantes entre os participantes.




Como se olla nas fotos o pé de apoio queda detrás ou a altura do Vinto, non debe sobrepasalo. Fanse excepcións coas persoas maiores e cos nenos que poden lanzar dende máis adiante.

O lanzador colle impulso co brazo nun movemento pendular cara atrás e acto seguido cara diante intentando combinar forza e puntaría para derrubar o Vinto.


Collendo impulso. O compañeiro anima ao lanzador.

Lánzase a barla.


O lanzamento.

A barla caindo cara o vinto.


A barla cara o Vinto.

A barla impacta no vinto.


A barla impactando no Vinto que no vocabulario do xogo é matalo vinto.


O que derruba o Vinto ten que colocalo outra vez para que continúen os lanzamentos dos outros xogadores.


Colocando o Vinto derrubado.


Nos vintos gaña a parella que primeiro chega a 24 puntos. Puntúan os que acertan a derrubar o vinto co que consiguen 8 puntos. Consigue catro puntos a barla que queda máis cerca do vinto. Despois de que lancen os catro xogadores, todos se achegan a comprobar cal é a barla que está máis cerca do Vinto. Pódese facer a ollo pero cando existen dúbidas mídense as distancias a pés. Un xogador pode ter unha puntuación máxima de 12 puntos nunha tirada: derruba o Vinto e a súa barla é a que quedou máis cerca do Vinto. O propietario da barla que quedou máis cerca do Vinto é o que empeza a seguinte rolda. Aos Vintos gaña a parella mellor de cinco partidas de 24 puntos.

O xogo ten un bocabulario especial. Cando derruban o Vinto din matar. Cando a parella que vai por debaixo na puntuación quere animar ao seu compañeiro antes do lanzamento dille: mata, mata!
Tamén empregan a expresión: tiralos puntos cando a intención do lanzamento é que a barla quede máis cerca do Vinto que a barla do adversario. (E se acertas ao vinto, lanzamento perfecto). Os xogaodres piscan o ollo cando seguen coa ollada a traxectoria da barla. Ten a doble función de ollar a barla cara a puntuación no xogo e por ter a seguridade de que non manque a ninguén.


 
Neste video ollamos o lanzamento de dous opoñentes no xogo e como o segundo que lanza "mata" o Vinto.

Os veciñxos de San Martiño dos Peros viven con orgullo a peculariedade que ten poseer un xogo tan especial e único na Limia. Queren que se conserve, que se trasmita e que non se perda este legado dos antepasados que moitas horas pasaron no monte xogando aos Vintos, ao tempo que coidaban da facenda. O meu máis sinceiro recoñecemento pola laboura feita e por non deixar que morran os Vintos.


Apredendo a xogar.

Con esta foto quero homenaxear as persoas de San Martiño dos Peros por entender que a trasmisión dos saberes teñen máis dun camiño e que o contacto de nenos e de maiores é a base para que as tradicións perduren no tempo.

O meu agradecemento a Enesio Fidalgo Nocelo e a súa familia por que nos trataron de primeira. Aos veciñxs de San Martiño dos Peros por soportar a nosa presenza e as nosas preguntas. 

Ás persoas coas que compartín a laboura de tomar notas, sacar fotos e gravar imaxes:

Justo Gude, Ana Parada e Raúl Mera. 

Quero deixar unha entrada que o indispensable Estraviz ten no seu dicionário. Muda algo do que nós ollamos pero paréceme moi interesante a súa lectura.

      vinto

      s. m.
       
      Pedra de uns 7 a 10 centímetros de largo e uns 35 de longo que se coloca de pé no chão para o jogo dos vintos.
       
      s. m. pl.
       
      Jogo que se faz com pedras. Procura-se uma pedra alongada (7 a 10 centímetros de largo e uns 35 de longo), bem estilhada, que se tenha de pé, ainda que haja que espetá-la um pouco. Os jogadores lançam contra o vinto outras pedras chamadas malras. Cada jogador tem as suas próprias malras. A distância entre o lugar de lançamento e o vinto, nos adultos varia entre 8 e 12 metros. Ganha-se cada jogo a 24 pontos. As tiradas são 4 jogos. Se ninguém deu no vinto, a malra que ficou mais perto obtém 4 pontos. Com a tua malra podes afastar outra e tirar-lhe o triunfo. Se alguém tirou o vinto, esse anota 8 pontos. E se tirou o vinto, e a malra fica tocando o vinto, nesse caso são 12 pontos (8 do vinto e mais 4 da proximidade da malra a ele). Ganha quem chegou antes a ter 24 pontos. Para ganhar a tirada há que ganhar 4 jogos de 24 pontos, com o qual uma partida ou tirada pode durar bastante tempo.