martes, 2 de julio de 2019

O GERINALDO.



O Gerinaldo é un dos romances máis estendidos e coñecidos do Romancero Tradicional. Encontrámolo en case tódalas recompilacións ao longo da península e fora dela no romancero marroquí, no serfadí, no americano, etc. 
A enorme difusión indica que foi moi famoso, posiblemente porque é unha delicada peza de amor e picardía dentro dun Romanceiro cheo de mortes e desgrazas.

O Gerinaldo fala dos amores dun paxe do rei Carlomagno e dunha filla deste. Os namorados impoñen o amor a diferenza social que os separa e que fai moi difícil un final feliz.

Si sucedeu o que se relata no romance, o caso acontecería nun dos castelos do emperador Carlomagno no tempo que dura a vida do imperante, entre o ano 742 e o ano 814. Carlomagno tivo moita descendencia, en total 18 fillos e fillas coñecidos de cinco mulleres oficiais e catro non "oficiais". Os nomes das fillas reais non coinciden co nome que aparece nos romances. Este detalle non lle quita crédito, o argumento non necesita de tanta precisión.


Torre de A Forxa. Porqueira.

OS PROTAGONISTAS.

O protagonista masculino é Gerinaldo, un paxe persoal do emperador que ten como tarefas fundamentais axudar a vestir ao rei e darlle de beber aos cabalos. A protagonista feminina chamada nuns casos Emma e noutras Enilde é a filla do emperador Carlomagno. A moza cae rendida ante os encantos de Gerinaldo. Estes debían ser moitos. Nun romance satírico do século XVI dedicado ás bodas do Cid, para decir que o noivo viste moi elegante di: "Máis elegante que Gerinaldo"

A Historia danos uns datos cos que podemos coñecer algo do personaxe real. O nome de Gerinaldo ven de Eginhaldo que foi paxe de Carlomagno. Pasado o tempo chega a ser o secretario persoal e cronista oficial do rei. Por Eginhaldo sabemos, deixouno escrito nunha biografía do rei, como era físicamente Carlomagno, como era o seu talante, os costumes diarios, incluso transcribiulle o testamento.
O máis antergo documento que existe sobre os amores do paxe e a infanta debémosllo á crónica do Mosteiro de Lauresheim (Alemania) que máis ou menos ven a decir:
Eginhaldo, secretario de Carlomagno, era moi estimado na corte e espcialmente pola filla do imperante que estaba namorada do rapaz. A moza estaba comprometida co rei de Grecia. Unha noite, cando saia do apousento da súa amada, o precavido Eginhaldo nota que o chan está cuberto de neve e polo tanto poden coñecer polas pegadas de onde ven. A doncela, animada polo amor, carga a Eginhaldo ás costas e lévao a un lugar onde non levante sospeitas. Logo ela volta sobre as súas propias pegadas. O emperador que non durmía, descubre dende a ventá aos amantes. Decide, de momento, deixalo correr e meditar sobe o asunto. Eginhaldo, desconfiado e temeroso, e quen dá o primeiro paso. Pídelle ao emperador un aumento de soldo ou deixa a corte. Antes de respostar, o rei pide a opinión dos conselleiros persoais, dándolle a coñecer os amores da filla e do secretario. Os conselleiros, moi diplomáticos, respostan que debe ser o rei quen tome a decisión final. Carlomagno, propenso á misericordia, casa aos amantes.

Torre de Pena. Xinzo de Limia. 

Existe outra narración que aporta elementos mi interesantes: o poema de de Amis et Amiles. Este conta que Belisant, filla do monarca está namorada de Amiles, tanto que lle ofrece gozar do seu corpo. Amiles contéstalle que é pouca cousa para ela e que o que sí pode ser é o seu fiel servidor. A moza non queda moi convencida e cando pola noite ve espido ao namorado nun leito de cristal, decide cumprir o seu desexo. Meteuse no leito sen ser vista e sen descubrir a súa condición. Amiles acepta de grado a compañía pondo como condición que si era a filla do rei que marche, pero que si é de baixo linaxe que se quede. Hardred, un enemigo de Amiles, descubre o suceso e amenaza con delatalos. A doncela descóbrese como a filla do rei e tanto ela como Amiles
préganlle a Haldred que non os delate. Este, no seu papel de malo, denunciaos pese aos rogos. No xuicio posterior, e dado o parecido entre Amiles e Amis, preséntase este último no xuicio, impedindo que o seu compañeiro incorra en falso xuramento.



Estes antecedentes fixeron que o romance chegara despois de varios séculos ata nós así:

Mes de maio, mes de maio, mes da calor,
É cando os enamorados usaban do amor.
Mentres os cabalos beben, Gerinaldo bota un cantar,
-Se foras rico nacendo, segundo es galán pulido,
ditosa fora a dama, que se casara contigo.-
-Como son o seu criado, estase burlando de mín.-
-Non me burlo, Gerinaldo, que cho digo de certo,
tan só quixera eu durmir dúas horas contigo.-
-Dígame vostede a ocasión, digame vostede, Dios mío!.-
-Ás dez deitase o rei, ás doce está durmido,
ás doce é a ocasión, cando canta o galo pinto.-
Deu tres voltas ao pazo e outras tantas ao Castelo;
así que non veu a ninguén, subiu pola escaleria.
No último chanzo Gerinaldo votou un suspiro.
Quén rouba nos meus pazos? Quén rouba nos meus castelos?
-É Gerinaldo, miña dona, que ven ao prometido.-
Levantouse da cama e colleuno pola man,
deitáronse como muller e marido.
O rei de noite soñaba un soño, que moi certo lle saíu;
que lle durmían coa infanta ou que lle rouban no castelo.
Calza zapato de seda, para facer menos ruído.
Encóntraos, como muller e marido.
Para matar a Gerinaldo, criouno de pequeniño.
Para matar a infanta, queda o reino perdido.
-Aí vos queda a espada, que vos sirva de testemuña.-
-Levántate, Gerinaldo a espada do meu pai,
que aiquí a trouxo, Dios mío!.-
-Vai por ese xardín, collendo flores e lirios,
se encontras ao rei, meu pai, cóntallelo prometido.-
De ónde ves Gernialdo, coa cor desmaída?-
-Veño de xogar aos naipes con quen os xoga comigo.-
-...……………………. déame vostede o castigo.-
-O castigo que che vou dar xa o teño prometido-
Mandou vir un batallón de Francia para Portugal,
e a Gerinaldo meteuno de Teniente Xeneral.

(A Ponte, Agosto 1999).

A APARICIÓN DO ROMANCE

As primeiras versión conservadas do Gerinaldo datan do século XVI, concretamente dos anos 1537 e 1551, nas que os romances comezaron a ser recollidos e pasados a escritura en "silvas" e "flores" de romances. Está catalogado dentro do Romancero Histórico ou no chamado Romancero Vello. Dentro deste na subdivisión do ciclo Carolinxeo (por estar polo medio Carlomagno) e dentro deste ciclo nos romances cabaleirescos. Viría, en teoría, de Francia como tódolos deste ciclo. Posiblemente da man de peregrinos do Camiño de Santiago, inmigrantes, soldados, políticos, etc., e que co tempo pasou a formar parte do romanceiro da península.

Podemos considerar esta versión cos que se consideran máis antigos. Algúns dos motivos son: a aparición do galo pinto, que o rei teña un soño revelador, que comece por "mes de maio, mes de maio" e un final que non remata coa morte do protagonista, nin coa queixa deste polo enlace matrimonial.

O romance garda relación con otros dos que está contaminado ou que contamina. Así acontece co romance do "Conde Niño" ou  "Conde Olinos" que como Gerinaldo leva aos cabalos a beber e ponse a cantar. Tamén comparte comezo co "Romance do Prisioneiro" con aquello de "mes de maio, mes de maio". (Esta dobre repetición é moi típica do comezo no romanceiro). Incluso mestúranse os dous para facer un só romance. No romanceiro novelesco concretamente en "La bastarda y el segador" emprega como remate do suceso ao Gerinaldo. Pero seguramente é co "La Candesita" onde a simbiose é máis completa. Comezo de Gerinaldo e desenlace de La Condesita, facedo un romande dobre moi estendido.

Se miramos a métrica e a estructura do romance, vemos que normalmente ten oito sílabas, asonantado e a rima nos versos pares. Esta forma é a herdanza dos "cantares de gesta". Estes cantares eran recitados pro xuglares que explotaban aquelas partes que eran do agrado da xente. Para memorizalos mellor, partían en dous os versos de dezaseis sílabas dos cantares.



(Na publicación de X.L. Saburido Nóvoa e D. Blanco Salgado, Tradicións da Comarca da Limia. Literatura Popular. Ed. Lea, S.L. (1998) está recollido unha versión do Gerinaldo dos que mezcla o "Gerinaldo" e "La Condesita")
(Engádese o final de "La Condesita" ao desenlace do Gerinaldo. Cóntanos que Gerinaldo cando marcha co exercito esquece á infanta co paso do tempo. A infanta cansada de esperar decide poñer un traxe de peregrina e sae a buscar a Gerinaldo. Un día chega a unha vila na que se están preparando para unha boda. Ela achégase ata a casa onde se vai a celebra a boda a pedir esmola e encóntrase con Gerinaldo. Cando se recoñecen volve a xurdir o amor e Gerinaldo ao momento decide regresar coa infanta).



O Gerinaldo campou nas xuntanzas lúdicas da Limia, como en moitas outras partes. Grazas ás persoas que o trouxeron ata nós.

Aquí tendes un exemplo do Gerinaldo na Limia recollido en é-romance de Remedios Santana de Piñeira Seca. Consultade porque ten información moi interesante.

https://youtu.be/bUgSEUiWNP0