sábado, 6 de abril de 2024

ENCALADOS NA ANTIGA ESCOLA DE SAN MARTIÑO DOS PEROS, CONCELLO DE BALTAR.

A visita a San Martiño dos Peros, Concello de Baltar, foi no mes de agosto de 2021 para documentar o "Xogo de Os Vintos".

Aparcamos en fronte da Casa do Boi. Un pouco máis arriba, pasada a fonte, está a casa que foi a antiga escola e que rematou sendo vivenda particular. 

Nesta antiga escola é onde están os encalados que aínda perduran.


Encalado con data.

O encalado é unha data. Nun rectángulo cos lados curtos rematados en dous semicírculos aparecen as letras e os número en negativo. Empezando pola esquerda aparecen dúas letras. Primeiro unha "B" en maiúscula seguida do que pode ser unha "J" maiúscula. Poden ser as iniciais do nome do dono da casa. Despois un rombo marcado con liñas sobre o encaldo. Ten buratos nas catro puntas e un no centro. Sigue unha "A" maiúscula que é a inicial de ano. Despois está a data "1932". Á dereita, separada, aparece dentro dun círculo a flor da vida que tantas veces se usa como decoración dende tempos recuados na nosa cultura. 


Encalado circular.


Temos á dereita do encalado con data, un encalado círcular que eu penso que representa o sol. O círculo ten restos de encalado. Ten un burato central. Ao redor do burato temos un círculo marcado cunha liña negra. Marcando un círculo máis grande temos outra liña negra. Sobre esta liña temos o encalado que pecha o círculo e que é o que mellor se conserva. Na parte de arriba aparecen unhas pequenas "V" en negro que poderían ser os raios do sol. Ten resto de policromía vermella na parte superior. Un tubo do desaugadoiro colocado por diante impide a observación con comodidade.

Desboto a posibilidade dun reloxo de sol porque está moi alto e as propias tellas fanlle sombra.

Por último aparece un encalado antropomorfo composto por dúas figuras que teñen entre elas unha planta ou árbore. Usan o encintado de abaixo como chan.


Encalado de Adán e Eva e a árbore do ben e do mal.

Eu penso que son Adán e Eva e a árbore da sabiduria do ben e do mal. As figuras son moi básicas. Están cos brazos abertos. A da esquerda ten o nariz e un ollo que se distinguen perfectamente. A man esquerda, dereita según se mira, ten intención de coller algo. Penso na mazá que podería ser ese pequeno encalado redondo que ten a uns centímetros ao alcance da man. A figura da dereita non ten o rostro definido. O que ten é unhas mans enormes e restos de policromía en vermello en brazos e peito. Normalmente na iconografía relacionado con este tema, a figura da esquerda é o home e da dereita é a muller. No centro teríamos a árbore dentro dunha pía. (Na pía é onde se bautizan con auga bendita aos nenos católicos que precisan purificar este primeiro pecado orixinal). Dende esta pía arrancan dúas pólas cara os lados con dúas follas cada unha. Aparece tamén unha póla central que ramifica tamén en dúas follas que deixan un espacio central que é ocupado por unha cabeza de serpe en vermello. A serpe que incitou á parella a comer da mazá e así segundo as crenzas cristiás comezou o pecado no mundo. Para outros comezou o libre pensamento. 


No retábulo da Igrexa de Laroá temos o desenlace da desobediencia divina. O Anxo San Uriel (Lume/luz de Deus) expulsa a Adán e a Eva do paraíso. 


 Retablo da igrexa de Laroá.

O meu agradecemento á familia de Enesio Fidalgo Nocelo por tratarnos tan ben cada vez que nos invitan a visitar San Martino dos Peros.

sábado, 30 de marzo de 2024

A PANTALLA DO PEPUCHO. ANO 1945-1946.

Achegarse a unha máscara con moitos anos, e tamén con moitos anos de uso, é entrar na mística que nos leva aos enmascarados ter empatía cos nosos devanceiros. Esta Pantalla luce nos fondos da Asociación a Pantalla que gracias ao seu presidente, amigo e compañeiro de tambor Carlos Valle, podo observar de preto.


Pantalla do Pepucho dos fondos da Asociación A Pantalla. 

A Pantalla é obra do Pepucho, José Taboada, veciño de Xinzo que tivo tenda á beira do albardeiro. Naceu nos comezos do século XX. A Pantalla levouna, como se ve nas fotografías, o seu sobriño Tucho, Augusto José Carballo Taboada. Supomos que a mediados dos anos coarenta do século pasado o Pepucho fíxolle unha Pantalla a cada sobriño, o Tucho e ao seu irmán Luis.


Os irmáns Augusto José, Tucho, e Luis. (Foto facilitada por Justo Gude)

O Tucho con 12 ou 13 anos sairía de Pantalla. Por iso datamos a Pantalla nos anos 1945-1946. Unha Pantalla moi peculiar con casi oitenta anos de antigüidade.


Fotos de Tucho coa Pantalla feita polo seu tío Pepucho. (Fotos facilitadas por Justo Gude).


O perímetro da cara é de 33 cm. Da fronte ao queixo ten 22 cm.

 A cara é de cor rosa. 

A BARBA.

Nace da parte inferior das orellas. Son tres ondulacións a cada costado da cara e unha central no queixo. 
A barba é de cor negra.

BARBA LADO ESQUERDO.

De longo mide 10,30 cm. A altura máxima que alcanza dende o floco é de 3,80 cm. A parte pegada ao corno mide 1,80 cm. A parte que está no queixo mide 1,20 cm.

BARBA LADO DEREITO.

De longo mide 11,50 cm. A altura máxima que alcanza dende o floco é de 3 cm. A parte pegada ao corno mide 1,90 cm. A parte que está no queixo mide 0,70 cm. 

BARBA DO QUEIXO.

Mide de longo 8,90 cm e de alto dende o floco 2,70 cm.

Polas fotos en branco e negro vemos que tivo outra barba. Todo fai pensar que tería dous medios circulos na metade de cada costado da cara, digo supoño porque a do costado dereito da máscara non se ve, e un medio círculo no quiexo.

 A BOCA.

A boca é de cor vermella. De longa ten 5,90 cm e de ancha 1,30 c. 

O labio superior ten de ancho 0,80 cm e o inferior 0,90 cm.




O BIGOTE.

O bigote está feito de papel e pegado a máscara. Ten forma de U e é de cor negra.

Mide 7,90 de punta a punta. De ancho 2 cm.

Tanto o lado dereito como o lado esquerdo do bigote miden 5,10 cm e de ancho teñen nas puntas 1cm.

COLORETES.

Os coloretes son de cor vermella de 1,85 cm de diámetro o do lado esquerdo e de 1,80 o do lado dereito.

O NARIZ.

O tabique mide 6,10 cm. De alta mide 4,20 cm e de ancha 3,70 cm. O espesor da capa de papel do lado dereito é de 0,70 cm e do esquerdo 1 cm.

O nariz non acaba onde comezan os ollos como nas Pantallas actuais, continúa ata a fronte.

OS OLLOS.

O ollo dereito mide de longo 3,90 cm. De alto mide 2,50 cm. Na parte de arriba mide de ancho 0,80 cm e na de abaixo 0,60 cm.

O ollo esquerdo mide de longo 3,20 cm. De alto mide 2,80 cm. Na parte de arriba mide de ancho 0,90 cm e na de abaixo 0,50 cm.

Os ollos están pintados de vermello e non ten pestanas. 

CELLAS.

Cellas non ten.



AS ORELLAS.

DEREITA
ESQUERDA
ALTOANCHOALTOANCHO
Punta negra3,94,3Punta negra4,43,7
Vermello0,74,5Vermello0,64
Zona pintas4,77,7Zona pintas4,74,2
Vermello0,94,6Vermello0,83,8
Negro0,74,9Negro0,63,7
Vermello0,94,9Vermello0,83,6
Zona pintas5,34,5Zona pintas6,73,7
Vermello0,83,9Vermello0,93,3
Negro altura barba2,93,1Negro altura barba2,13,6
20,821,6

ZONA PINTAS:

Na dereita abaixo ten tres filas de tres puntos de cor vermella.

Na dereita arriba ten tres filas de tres puntos de cor vermella.

Na esquerda abaixo ten dúas filas con catro puntos a de arriba e tres puntos a de abaixo. Son de cor vermella.

Na esquerda arriba ten tres filas de tres puntos de cor vermella.


O CORNO.


Lado demo.


De alto mide 44 cm. De ancho 26 cm e o triángulo de atrás mide 4,70 cm. O ancho da parte inferior mide 14,90 cm. O groso é de 0,20 cm. Por último o rizo por riba da cara mide 9,30 cm.

LADO DEMO.

O fondo é prateado e ten no contorno unha liña de cor vermella que se ve truncada pola pintura prateada máis recente. Por riba do trapo ten unha liña negra de 0,90 cm. Por riba desta temos unha liña que acaba facendo unha filigrana cara arriba.

O motivo principal é un demo con levita vermella e botóns en negro. Con rostro feroz e uns dentes ameazadores. As asas son de cor negro como as pernas e o rabo. 


Demo.


Dos cornos aos pés mide 19,30 cm. De ancho mide 7,90 cm. O alto da cabeza son 3,80 cm, de ancha 3,30 cm e da distancia entre os cornos é de 3,50 cm. O que se ve das asas miden 4,10 cm as dúas.


Detalle da cara do demo.


Temos ademáis no corno por riba da cara un rombo de cor negra de 2,50 de alto por 2,80 de ancho nas puntas.


Rombo no rizo.


Por riba dos cornos do demo temos unha estrela de cinco puntas de cor negra de entre 3,80 e 3,30 de lado. Ten pintado en azul ollos, nariz e boca.


Estrela por riba dos cornos do demo.


A altura da asa dereira do demos temos outra estrela de cor negra de cinco puntas máis pequena que a anterior pois miden os lados entre 1,90 cm e 2,30 cm. Ten pintada en azul cellas, ollos, nariz e boca.


Estrela con cara pintada.


Na parte inferior ao carón do demos aparece unha lúa de cor negra con cara humana. Mide de punta a punta 6,70 cm e de ancho incluíndo o nariz 3,10 cm.

Lúa.



Lado galo.


LADO GALO.  

O fondo é prateado e ademais do deseño principal presenta varias filigranas de cores.


Galo.

 
O motivo principal é un galo. O galo mide de alto 19,50 cm. vai de traxe de cor marron que mide 7,80 cm. A camisa é branca e a gravata de cor vermella con lista marróns. A gravata mide 4,30 cm de longa e 1,20 de ancha. Tamén é vermello o que parece un pano de peto. Ten no pescozo unha bufanda de cor marrón que mide 6,10 cm e que lle dá catro voltas ao pescozo. 


Cabeza do galo.


A cabeza mide 2,30 de alta. A crista mide de alta 1,90 cm. A cabeza de ancha mide 3,10 cm. O peteiro mide 1,90 de longo e 0,90 de ancho. A crista e as carúnculas son de cor vermella. Usa lentes negras. 

Ten na parte traseira unha palma de cores verde e vermella que pasa por riba do galo e do rizo. Tres liñas que baixan á cara de cor negra, verde e vermella. A altura do pescozo do galo fai un remuíño de cor verde e vermella. Outras liñas da mesma cor descenden ata a base do corno que se atopan con outras da mesma cor en horizontal. Pegada oo borde do corno na parte inferior temos unha liña negra que ten unha base e unha ondulación.


Remuíño de cores.


Vou facer unha pequena interpretación dos deseños da Pantalla e perdoade o atrevemento.

O galo en moitas culturas é o que anuncia a chegada do sol, da luz. O galo é metaforicamente o sol. O sol e a luz representa o ben. Por outra banda temos o mundo da escuridade coa lúa e as estrelas, pero temos tamén a representación do mal co demo. Temos na Pantalla do Pepucho representados os protagonistas do ben e do mal. Os protagonistas da incansable loita que os homes protagonizamos dende tempos remotos e na que seguimos e seguiremos ata o fin dos días. 

O FLOCO.

O floco é dourado e ten 10,50 cm de longo, 2,50 cm na parte pegada ao queixo.


Trapo.


O TRAPO.

O trapo é moi longo, mide 70 cm de longo e 40 cm de ancho. Ten ao longo18 buratos en dobre fileira. Na parte de abaixo tamén ten os buratos en dobre fileira, 16 buratos na superior e 21 na inferior.


Parte inteior.

A cara por dentro ten un corte en triángulo na parte superior. Está moi remendado e ten varios cachos de feltro cosidos para evitar que se esnaque a cara. Como curiosidade vemos que ten un cordel para pasar por debaixo do queixo da persoa para que non se mova a Pantalla.

 A Pantalla pesa 735 gm.


Tucho e Pepucho. (Foto facilitada por Justo Gude).


O meu agradecemto á directiva da Asociación A Pantalla. Ao seu Presidente Carlos Valle.  

Gracias especiais ao meu amigo Justo Gude por ter tanta documentación e saber todo o que sabe do Entroido de Xinzo, e sobre todo por compartilo comigo.

Abrazo aos "Penitentes" por vir e facerme compañía, Pulgui, Xoan, Conchi, Sonia.  

xoves, 15 de febreiro de 2024

O SIL 2024. REVISTA DO ENTROIDO 2024

 Outro ano máis a miña participación no especial ENTROIDO 2024 de O SIL.






Mercade a revista!!!


Gracias a María por acordarse de min.

luns, 1 de xaneiro de 2024

DO FAMOSO TESTAMENTO DA BURRA DO BREA. CONGOSTRO.

De Congostro chéganos outro testamento do burro/burra. Débolle a Carlos de Congostro este texto que me deixou nos anos noventa. É un intento dos mozos de recuperar unha tradición que sabían que existía entre os seus maiores. No último verso do testamento é onde pon que é dos anos noventa do século pasado.

Os veciños cando se enteran da morte da burra corren a pedir unha parte. A outros veciños o reparto da parte de burra venlles por obligación. Neste reparto tamén hai quen pregunta polas partes dos elementos de amarre das bestas como o albardón ou a cabezada.

Como en outros testamentos, ainda que neste timidamente, inténtase que os veciños non se enteren da morte da burra. No presente testamento é unha recomendación dunha veciña. 

Congostro. Setembro do 1996. Sacando o estrume da corte.


Como estamos no entroido
unhas festa tan invernal
falamos da burra do Brea
que non lle pareza mal.

Hola Sr. Brea!
A que xogamos, os dados ou o parchis?
ou millor miramos as noticias,
ue veñen hoxe no pais?

Subindo por San Miguel
na entrada desta grande ciudad
está a familia do Brea
que moi disgustada está.

Na primavera pasada a burra púxose mal
medráronlle os cascos, hincharonlle as tripas
e morreu a moi famosa burra
sen acordar o carnaval.

A burra era moi xeitosa
non era nada alocada
solo en cierta ocasión
sein que nadie se enterse
apareceulle preñada.

Para que a burra non sufrise
non a levaba a ferraña
arreaba cos feixes o Bres
e a burrica na cabaña.

Carmen querialle moito
e coidaba ben coidada
según dixo Vicenta, lavalle as orellas
e hasta os dentes lle limpaba.

A mañá ás nove e media
dáballe unha auguiña quente
e a unha, antes da comida
dáballe unha fariña cunhas pingas
de augardente.

Entrou Manolo o curral
decindo; Hai Carmen, a miña Carmiña!
a burra de salud pouca goza
trai ese xarabe que trouxo Enriqueta
de Zaragoza.

Chegou Conchita de Ourense
correndo e decindo:
ca autopsia non hai problema
xa falei co forense.

Mais tarde chegou Maria Dolores
viña a muller toda disgustada,
Que recuerdo me deixou a burra?
será o albardón ou será a cabezada.

Estando a burra difunta
apareceu Pepe Ogando
chegou caido do cielo
pa axudar a botala o carro.

Subín Benita de Santandré
apoiada no pau dun toxo
pa que non cheire mal a burra
enterrámola no barroso.

Subiu rápido Francisca de Santrandé
chorando desde o salgeuiriño
pa pedirlle a piel a Carmen
pra facer un abriguiño.

Díxolle a súa sobriña Concha
tu sempre andas dando a alborada
pídelle as tripas a burra
pra facer unha callada.

Antes de todo esto díxolle Carmen a Manolo
E millor ir avisando os veciños
como a carne vai ser pouca
vaille repartinto o fuciño!.


Congostro. Aira da Moa.


Enterouse Maruja a de Clarita
unha rapaza estudiada e lista
co asunto da dentamia non teñades problema
daimo a min que estudiei para dentista.

Soupo o tío José Braulio
e mandou ala todo disgustado
quero facer unha brocha de afeitar
por favor deixaime o rabo!.

O seu cuñado Celso de Reboreda
home iste moi divertido
pediulle o sarrizo da burra
para facer un tiroliro.

Eduardo e Francisca
chegaron alá con todo apuro
mentras non compredes burra
deixamosvos o noso burro.

A noticia tamén chegou onda Benito e Clarita
que subiron por ahí arriba a paso lento
se non tendes sitio na Brea
levámola nos para a Plaza do Axuntamento.

Por medio do teléfono chamaron a Florita
e con esta noticia agarrou unha pesadilla
non lle encargou outra cousa as primas
que lle gardaran os cascos para facer
unhas zapatillas.

No medio de este entroido
e desta moi grande algarabía
quixeronlle examinar o cerebro da burra
e déronllo a José Antonio do Revira
que estudiou Psicoloxía.

La burra murió de joven
no llegó a ser abuela
aunque Rosita la de Angelita
quiso aprenderla a reir como
ella en Venezuela.

Como o Brea ten tres mozas
e queren ser costureiras
cas costeliñas da burra
van facer unhas tiseiras.

A máis novas das tres irmás
que ela é a máis coqueta
cando a burra suspirou
despediuse de Enriqueta.

As mozas do pueblo
miraban o Brea de lado
como a burra non se pintaba
ise era un recuerdo moi apropiado.

Cando a burra morreu
bateu ca cabeza no chao
como é cousa que non se derrama
mandáronlla ás rapazas de Manolo e Felisa
pa que a comeran en Bilbao.

Enterouse a Rosa Braulia
que a Carmen lle é tía
Ai Carmen miña Carmiña
esto había que calar o pico
que a desgracia xa pasou
dame as orellas da burra
pa facer un abanico.

Como esto é unha desgracia
e a burra xa non ten cura
dámolle a lengua da burra
a Carliño do señor Rúa.

Estando lendo o testamento
chegou o home de Lina
Eu, tal cousa nunca vin
daime a vexiga da burra
para inflala en Verín.

Roda de carro en Santo André.



Chegou a Concha de Vicenta
que a Manolo lle é afillada
A burra tiña bos xamós
quixeronnnos vender no Porriño
deronllos a José Primitivo
por aquelo de veciño.

A burra orneaba ben
orneaba que era unha delicia
deixanlle de recordo
a garganta de Felicia.

A burra orneaba como unha sirena
tamén facía o contrabaixo
Felicia non lle gustou
por eso escapou pra baixo.

O home da Concha de Santrandé
é moi formal
deronlle os tetos da burra
que non lle pareza mal.

Como o Brea é matachín
dividiu a carne da burra en trozos
meteu os osos na nevera
pra repartirllos os mozos.

A burra tiña as uñas grades
cousa que é sin razón
a última vez que llas cortou
arrendondoullas Manolo Cardón.

Despedimos a burra do Brea
esta foi unha grande historia
que Dios a teña no ceo
eternamente na gloria.

E como a carne da burra era moi boa
non se come con polenta
este foi, o primeiro testamento
da década dos noventa.

Vello candil en Santo André.