domingo, 10 de abril de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN CORTEGA. A LIMIA. (REPORTAXE FOTOGRÁFICA).

No verán do 2021 achegueime ata Cotegada da Limia procurando os encalados e os encintados.

No centro da aldea atopei unha casa cun encalado semellante ao de Seiró, Vilar de Barrio. (Artigo neste mesmo blog). A parte positiva do encalado, próxima ao tellado, aparenta derramarse nos cálices que están debaixo. Entre cáliz e cáliz un círculo. A parte negativa ten a forma de seteiras pero non tan marcada como en Seiró.


Casa con encalado.

O cáliz está composto por un medio círculo. Debaixo un pequeno círculo e finalmente unha peza triangular que fai de pé do cáliz. Como a pedra é de perpiaño, con corte regular, debaixo do cáliz aparece unha liña do encintado.


Detalle do encalado con cálices e círculos.

O Encalado continúa polo balcón. Como ollamos, a porta do balcón ten un encintado ancho.


Encadado no balcón.


O encalado percorre os catro muros da casa. No balcón e nos cuñais da casa o encalado fai unha figura de "columnas" que lle dan moita máis beleza a construcción. No encalado superior permanece o medio círculo pero perde o resto das figuras que forman o cáliz. Complétase o conxunto engadindo uns círculos entre o encintado superior e o inferior. Se coincide o círculo nas esquinas das dúas paredes, o círculo dóblase adaptándose ao cuñal.

As columnas son dúas, unha para cada cara do muro. Cando chega á altura do encintado a columna estreitase con dous semicírculos en negativo. Xorde, entón, un capitel que chega ata o encintado do tellado. Este encintado superior faría a función de arquitrabe.



Detalle das "columnas" do balcón.



Detalle do cuñal dos muros cun dos círculo dobrado.


Noutra das construcción da aldea atopamos tamén o encalado ancho debaixo do tellado. Aparecen medios círculos sen as outras partes da figura do cáliz. 

Encintado con medos círculos.


Unha pequena fiestra da mesma casa presenta un encintado ancho ao redor que se perdeu na parte inferior. Temos uns medios círculos: catro debaixo do encintado do tellado e catro por riba do encintado da fiestra. Non están simétricos, existe unha pequena desviación debida ao encintado.


Pequena fiestra con encalado e medios círculos.


Outra das casas ten o encalado superior pero faltan os cálices. Ten ademais un encalado ancho na fiestra. Na fachada principal tamén ten un encalado ancho que enmarca a edificación.



A vivenda conserva os encintados e encalados na parte superior do paramento.


O máis interesante dos encalados de Cortegada é o encalado xeométrico na fachada principal da casa que vemos a continuación. Está ao lado da porta da corte.
Na fachada lateral vemos o encintado que está ben conservado, só perdeu na parte de abaixo. 


Casa con encalado xeométrico na fachada.


O encalado xeométrico son dúas Rosas. O encintado foi sustituido por cemento e parece que ao facelo quixeron respectar as rosas pero en xeral o conxunto perdeu moito. Non sabemos como sería enteiro porque quedan restos dun encintado groso descendente.


Rosas.

Nun detalle máis cercano podemos observar os restos do encintado e do encalado xeométrico.


Detalle do encintado e do encalado.


Nesta foto podemos ollar en detalle a feitura do encalado. Ainda se observan os riscos feitos para encadrar os círculos.  Supoño que as dúas flores estarían rodeadas dun encintado ancho como mostran os restos en tres lados, faltando case todo na parte dereita. Podemos pensar na posibilidade de que houbera máis rosas.  

As flores están en positivo. Debuxaronse sobre o cal e despois con moito tento foise quitando o cal ata que quedou a figura.

Encalado xeométrico en positivo.


Na cercana aldea de Meilás tamén encontrei algunha casa con encintado moi vistoso. 

Casa en Meilás.


Unha das edificacións ten unha fiestra coa decoración de cálices e círculos. O cemento desluce o conxunto pero supoño que rematou cos problemas de humidade.


Decoración na parte superior da fiestra en Meilás.


Nunha casa deste lugar atopamos debaixo do balcón da fachada principal, nun dos paramento laterais, un encalado de círculos e medios círculos.


Encalado xeométrico en Meilás.


No detalle podemos distinguir que é un conxunto de columnas formada por uns círculos centrais e medios círculos laterais. Están debaixo dun encintado ancho. Non quedan restos que nos indiquen que este encalado xeométrico tivese continuidade. 


Detalle do encaldo con círculos.

Os circulos centrais son tres ainda que o de abaixo é máis pequeno. Na parte superior e inferior presenta medios círculos. 
No lateral dereito ten dous semicirculos centrais e na parte superior e inferior temos cuartos de círculo. Tamén na parte inferior vese un arranque de encintado groso.

No lateral esquerdo adiviñanse a mesma cantidade e forma que no lateral dereito, mas están máis esnacados.



Como curiosidade, en Cortegada, unha casa ten un encalado lateral no balcón que presenta unha fita de cor vermello composta de flores vermellas e azuis. Esta fita enmanrca todo o encalado polos laterais. Quedan resto do encalado que cubriría a fachada frontal do balcón.

 
Lateral de balcón con encalado e policromía xeométrica.


 
Detalle da fita coas flores vermellas e azuis.


Tamén como parte da entrada dunha pequena construcción temos esta cara que non sei se é dun ser humano ou dun animal.


Cara na parte superior dereita.







Detalle da cara.




Quero que sirva este pequeno artigo de homenaxe ao limiao Paco Franco que foi mestre, investigador, escritor e activista político e cultural. Cortegada foi a súa última parada.  

Deixou na súa casa unha mostra da continuidade da arte popular.






Quero agradecer a Belén a información sobre os encalados e encintados de Cortegada. 

Bibliografía:

Vega Pato, Tomás: Arquitectura Popular Ourensá. Deputación Provincila de Ourense. Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. 2007.

domingo, 3 de abril de 2022

PANTALLA 30 ANOS DESPOIS.

Decidín sair de Pantalla 30 anos despois de que o fixera alá polo ano 1992. Deixei de poñer a Pantalla porque non me gustaba a actitude das Pantallas. Pantallas borrachas. Pantallas golpeando coas vexigas na máscara. Pantallas mexando e trousando na rúa, mal vestidas e sen cumplir o rol que por herdanza están obligadas a cumprir.

Era unha falta de respecto que me fería no persoal. Estaban a faltarme a min e a miña nai. A miña nai que nunca saiu de Pantalla porque nos seus tempos só saían os homes. Ela si que me trasmitiu o que debía e non debía facer unha Pantalla. Cando me vestía recordábame que para poñer unha Pantalla había que ter respecto polo que herdabas e cariño, moito cariño. Tamén tiña que ser consciente que non era só eu o que levaba a Pantalla, representaba a toda a casa e non quería que lle comentasen xs veciñxs que o seu fillo fixera o parvo vestido de Pantalla.




Esa decepción por ver o que estaba a pasar coa máscara chegou ao seu cume cando o Domingo de Entroido do 1992 collimos, como todos os anos, ao Pepe Álvarez e dun manotazo nos sacou a Pantalla da cabeza aos meus compañeiros e a min. Estaba farto do trato que lle daban as Pantallas. Faltáronlle ao respecto. Aquel home que sempre se amosaba alegre e que nos ensinaba a multa que lle puxeran por entroidar e que nos contaba como o meteran na cadea xunto con outros compañeiros nos duros anos da dictadura. (Neste mesmo blog tendes unha foto dese momento).

Decidín non poñer a Pantalla esperando tempos mellores. Mas...

Os tempos mudaron e as Pantallas perderon moita da esencia do que era ser unha Pantalla. (As Pantallas actuais non me perdoaran porque pensan que o están facendo ben e faltaranme ao respecto, como xa o teñen feito; e dobremente, unha por pensar que non sei do que estou a falar e outra porque son maior que elxs e só por iso deberían escoitar o que digo. Alá elxs)




Cando saíamos de Pantalla o meu grupo e máis eu non corriamos tanto como se corre agora. Non tiñamos que facer os 50 metros lisos para coller a unha persoa que non estivera disfrazada e loitar por entrar na taberna. Nin andabamos tirados polo chan, con mancaduras no corpo e rompendo a roupa ou a propia máscara. Que falta de respecto ao traxe! Nós cando corriamos polas rúas era amodo, buscando a algún coñecido sen disfrazar e lucindo todo o posible a máscara, porque é para lucir non para andar polo chan. 

O que faciamos, porque o viramos facer aos maiores era: falarmos entre nós si aquel home que non vestía disfrace era coñecido por algún do grupo. Se non era non se collía. Para que se despois non tiñas nada de que falar con él. Se era coñecido acercabamonos bailando e pechabamoslle as saídas. Non ía correr, intentaría mesturarse entre a xente e entrar nalgunha taberna. Cando sabia que estaba rodeado de Pantallas, deixábase acompañar á taberna. Se viña acompañado entraban cos compañeiros ou quedaba con eles noutra taberna para non ter que andar buscandoos despois. Non lle botábamos a man, viña coa roupa do domingo. Nós tiñamos as mans cheas da graxa da vexiga!!! 

Xa na taberna descubriamonos e él buscaba ao mozo ou á moza que era da familia ou amigx da familia. Saudábao e preguntaba pola saúde dos parentes ou amigos e despois quería saber da identidade dalgún que non coñecía e facíanos comentarios ou contaba anécdotas que recordaba dos seus entroidos e da complicidade e amizade con algún dos nosos pais. Porque eramos todos coñecidos. 



Se a aquel señor o collíamos o Domingo de Entroido non se volvía a coller no que quedaba de entroido. O saúdo estaba feito, xa falaramos, xa nos invitara. 

E non sempre se collía á xente sen disfrace na rúa. As Pantallas bailaban en fronte das persoas coñecidas (que moitas veces estaba disfrazadas). Facíase por respecto. Era un baile en solitario porque querías agasallar co teu baile a un familiar ou a un amigo da familia. Normalmente era xente maior, homes e mulleres indistintamente. Moitas veces era á parella que saía a pasear o Entroido. Esas persoas sabían que a Pantalla que bailaba era unha persoa íntima e recibiano como un presente. Nese momento era onde a Pantalla se tiña que lucir bailando. O orgullo de facelo ben e o orgullo das persoas por que o fixeras ben era o mesmo. Normalmente o home, como fora Pantalla, sempre se é, acababa bailando contigo dentro das súas posibilidades, levanba os brazos e agachábase ata onde podía e animábate marcando os tempos do baile. (Meu Deus que emoción, só de contalo se me arrepía o corpo). E despois descubríaste, si na rúa, descubríaste para saúdar, para falar, para mostrar a túa educación cara aos teus maiores. Cando rematabas de cumplimentar, puñas a máscara e saías na procura dos teus compañeiros.  

Outro momento moi emotivo era cando sen aviso, as Pantallas do grupo formabamos un circulo no medio da rúa e comenzabamos a bailar unhas para as outras. E intentabas facelo o mellor posible porque estabas cos teus amigos, cos teus compañeiros. Era un baile de unión, de irmandade do grupo, de ser Pantallas como o foran antes outros e de como eramos nós naquel momento.  

Apunteime ao obradoiro de Arte Arrebol para facer a miña Pantalla. Baixo a sabiduría de Santi e Aurora fomos os dos grupo de traballo creando as nosas máscaras. Dende mediados de setembro e ata febreiro todos os sábados de seis a oitos fomos traballando baixo a supervisión dos mestres. E non era só traballar; o obradoiro cheiraba a entroido: recordabamos anécdotas, falabamos dos entroideiros, de como e o que fai unha Pantalla e o que non, faciamos bromas, axudabamonos uns aos outros, fixémonos amigos. 


Pantalla de Calleja.


Encagueille a camisa, o pantalón, a capa e as polainas a unha modista artesá que se chama Mercedes Veites de Lumecú. Quixen que a camisa e o pantalón fosen de algodón e a capa de tela que non fose de raso porque non me gusta o raso.



Fun Pantalla o Domingo de Entroido, como de mozo. Quixen recordar os momentos de baile. Os movementos. Recuparar as sensacións. Non saín a tomar un viño cos coñecidos. Quixen sair para mín. Para que agromase esa vella amiga que levo no corpo dende que me vestín de Pantalla por primeira vez. E foi moi emocionante redordar na Praza de Oriente os movementos que lle tiña visto aos maiores e repetilos. Foi un desfile de antigas Pantallas, ata onde me deu a memoria, e recordar como saltaban, como movían o corpo para que soase o cinto de campás, como golpeaban as vexigas. Como bailaban

E bailei para os nenos pequenos, aos que cumprimentei como compañeiros. E bailelle aos meus coñecidos disfrazados ou non. E bailei con outras Pantallas mostrando a complicidade de ser máscara.


Foto das redes sociais.

Se a saúde me acompaña no ano 2023 e non se acaba o mundo, que camiño levamos, volverei a sair de Pantalla para disfrutar do que significa enmascararse coa Miña Máscara.  

  

As fotos son da miña filla Uxía Calleja. Obrigado.  


Remato este artigo recordando a un amigo que nos deixou. O meu compañeiro do grupo de Pantallas da xuventude Rodolfo Carlos Latussek Martínez, O Rudi. 

Por aqueles anos da adolescencia nos que compartimos inquedanzas e soños de futuro. 

Unha grande aperta amigo.


Rudi e Calleja.