domingo, 8 de decembro de 2019

OS ELEMENTOS DE PECHE DAS PORTAS DE A FORXA. PORQUEIRA.




Casas de A Forxa.




En A Forxa, Concello de Porqueira, aínda se conservan casas tradicionais. O peor é que moitas están abandonadas e algunhas xa están esborralladas. O problema comeza cando entra auga polo tellado, podrece a madeira do tellado, podrece despois os pisos de madeira ata que os muros non aguantan e ven todo ao chan. Mentres os netos ou bisnetos dos que fixeron as casas, na diáspora, non teñen idea de voltar a terra e non teñen interés por recuperar o "capital" dos antepasados. Para o que quere comprar unha destas casas, sempre é caro, e arranxar a escritura de compraventa moitas veces unha odisea do quince: varios herdeiros (moitos no extranxeiro), firmar poderes, notario, rexistro, taxas...

O acceso á casa facíase moitas veces pola porta da corte do gando no andar terreo. Por esta porta ten que entrar e sair o carro, co que as dimensións están adecuadas ao volumen do carro. Cando é esta a única porta de acceso á vivenda, a escaleira ao segundo andar está no interior. Noutros casos xa se ve a escaleira exterior que remata nun balcón ou nun corredor onde está a porta pola que se accede ao segundo andar. Por suposto na planta terrea tamén teñen a porta da corte.

As portas das cortes son de dúas follas e para que estean pechadas emprégase un sistema  moi simple pero efectivo: os "pechos". Normalmente o pecho é de madeira cun pasador (este pasador é o que a xente chama pecho e que lle dá nome ao conxunto). Despois destes primeiros pechos os sistemas de cerramento fóronse complicando para impedir a entrada ou saída da corte. Porque os pechos basicamente son para manter a porta pechada para que non saia a facenda da corte (vacas, ovellas, chivas...), para que non entren animais e persoas non desexadas, para que o vento non abra as portas e que o frío, a auga, a neve ou a saraiva entre na casa.

 A Forxa.

O pecho simple de madeira é o que máis confianza facía na veciñanza. Logo os tempos trouxeron a desconfianza, e a guerra o medo. Os pechos reforzáronse con pezas de metal, trancas, etc. Finalmente os pechos fixéronse de ferro e engadironse ferrollos, chaves, cadeados...

Os pechos de madeira nesta localidade pódense clasificar en:

Grupo A: Pecho de amarre superior ao pasador.

Grupo B: Pechos con asa. (Polo espazo onde se mete a man para gurrar da porta).

Grupo B-1. Co pasador por riba da asa para meter a man.
Grupo B-2. Co pasador por debaixo da asa para meter a man.

GRUPO A: PECHOS CON AMARRE SUPERIOR AO PASADOR.

Este pecho ten un saínte na parte superior que se usa para amarrar cunha man e gurrar cara un cando se quere pechar. Cando as dúas follas están á mesma altura métese o pasador polo burato e queda pechada a porta. Tamén se usa cando se abre a porta unha vez que se libera do pasador. Para esta acción tamén chega con gurrar coa man en calquera parte da folla.

O pecho da foto está nunha porta que mide 210 cm de alta e 155 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 150 cm e ata a trave hai 30 cm.

O pecho mide 30 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5 cm de fondo. O pasador mide 31 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo. O pasador é totalmente plano e non ten os saíntres que impide que caia ao chan si se empurra con forza. O punto do pecho máis separado da parte de arriba son 10 cm. O pecho está na folla esquerda da porta da corte. A porta tamén ten unha pechadura con chave.



Pecho con amarre superior.

Este outro pecho ten un aspecto máis antigo e por iso quixen falar del. Tamén porque o pecho está en uso na actualidade. O José garda as ovellas e as chibas nesta corte.

Pecho con amarre superior.

O pecho está nunha porta que mide 195 cm de alta e 169 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 105 cm e ata a trave hai 57 cm.
O pecho mide 33 cm de alto, 7 cm de ancho e 7 cm de fondo. O pasador mide 18 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo.
Como se olla na foto o pasador si que ten saíntes. A separación da parte de arriba para meter os dedos é menor que no pecho antetior, é só de 3 cm.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.



Grupo B-1. CO PASADOR POR RIBA DA ASA PARA METER A MAN.

Pecho con pasador por riba da asa para meter a man.

Esta pecho está na porta da corte dunha casa dun só andar. Ao seu carón ten unha porta de man para a entrada das persoas.
Como se olla, o pecho ten una asa para meter a man. O pasador está pola parte de arriba da asa.
O pecho está nunha porta que mide 196 cm de alta e 170 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 110 cm e ata a trave hai 53,50cm.
O pecho mide 32,50cm de alto, 4 cm de ancho e 3,5cm de fondo. Está separado 6 cm da porta.
O pasador mide 16 cm de longo, 4,50 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
Un informante casual que pasaba por alí cando estaba medindo, díxome que no interior tiña unha tranca para asegurar a porta.

Grupo B-2. CO PASADOR POR DEBAIXO DA ASA PARA METER A MAN.

O pecho está na porta da corte e tanto a porta como o pecho estén en moi mal estado. O pecho está remendado con cintas de ferro para que aguante. Tamén a porta ten ferros para asegurar as madeiras. Como se olla na foto ten unha cadea con cadeado para pechar a porta.

Pecho con pasador por debaixo da asa para meter a man.
O pecho está nunha porta que mide 219 cm de alta e 192 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 117 cm e ata a trave 68cm.
O pecho mide 34 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5cm de fondo. Está separado e 4 cm da porta.
O pasador mide 13,5 cm de longo, 4 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
No interior a porta ten unha tranca e como xa comentei unha cadea cun cadeado.

Hai máis pechos nas portas das cortes de A Forxa pero non varían nas formas que comento máis arriba. Si que mudan en tamaño e en estado de conservación.

Aos veciños de A Forxa que levan con paciencia as miñas preguntas e deixan que fedelle nas súas propiedades. Obrigadinho.

mércores, 20 de novembro de 2019

OS CANCELÓNS.



Na visita que fixen o 17 de agosto de 2019 a As Pegas, concello de Sandiás, chamoume a atención que nalgunhas das porta das cortes, no andar terreo, tiñan outra porta diante dunha das follas: O CANCELÓN. Este cancelón chega aproximadamente ata a metade da altura da porta e en moitos casos ten o fondo suficiente como para apoiar os cóbados.

Tiña visto na Limia que unha folla da porta é dobre, permitindo que a corte se ventile sen que salgan os animais do interior e que non entren outros animais ou persoas que poden facer dano. Consíguese simplemente abrindo a parte superior da folla dobre.

En As Pegas as portas principais son enteiras e a función de ventilación faina ese cancelón que ten a maiores, cando unha das follas da porta está aberta, claro. Con esta solución evítase que unha das follas da porta estea dividida en dous, perdendo robustez. Este cancelón consigue darlle máis consistencia ao conxunto se se quere arrumbar.

Escollín oito cancelóns en diferentes partes da aldea, penso que poden dar idea dos diversos modelos.


Cancelón en porta nº 1.


O primeiro está localizado na estrada que percorre a aldea de Oeste a Este. A xeolocalización é:
X 603955 e Y4663550.

A porta mide 270 cm de alta e 260 cm de ancha.
O cancelón mide 128 cm de alto, 130cm de ancho e 16,50 cm de fondo.

Cando ten fondo o cancelón é como un caixón de madeira con bisagras.
Para pechar o cancelón úsase normalmente un pasador metálico simple que engancha nunha alcaiata.
Non necesita moito máis porque o que impide realmente o acceso á corte son as portas, e como vimos estas son enteiras.

Pasador para pechar o cancelón nº 1.

O segundo cancelón está nun canellón orientado cara o norte. Podemos topar cerca deste outros dous cancelóns a maoiores.

Os propietarios da vivenda dos cancelóns dous e tres son as mesmas persoas. Teño que decir que tiveron a sensibilidade de arranxar e manter as portas de madeira e non as mudaron por outras de aluminio co que manteñen esta peculariedade para que a podamos disfrutar todos os que gostamos da cultura popular.

Dentro do interese por conservar a porta, ademáis de darlle unha man de pintura, engadíronlle na parte de abaixo da folla esquerda da porta e no cancelón unha folla de latón para que a auga da choiva non as esnaque.

Cancelón en porta nº 2


A xeolocalización é X 603964 e Y 4663554.

A porta mide 210 cm de alta e 223 cm de ancha.
O cancelón mide 107 cm de alto, 113 cm de ancho e 13 cm de fondo.

O pecho deste cancelón é ainda máis simple que o anterior.

Detalle de pecho no cancelón nº 2

Podemos ver neste detalle que o cancelón é un caixón con dúas bisagras.


Interior do Cancelón nº 2

Vese na parte interior do cancelón que está reforzado na parte de abaixo cunha táboa máis ancha para facelo máis consistente.

O cancelón nº 3 é moi similar ao número dous. Está na casa contigua a do cancelón nº 2. Seguramente o constructor das vivendas fose o mesmo co que o carpinteiro tamén.

A xeolocalización é X 603965 e Y 4663559.

A porta mide 226 cm de alta e 208 cm de ancha.
O cancelón mide 109 cm de alto, 104 cm de ancho e 9 cm de fondo.

Vemos que ten na parte de abaixo da porta e do cancelón o mesmo sistema de protección con latón.


Cancelón en porta nº 3.

Nesta foto podemos ver que o cancelón tamén servia para que o propietario da vivenda socializase cos veciños xa que podía apoiarse e manter unha conversa tranquilamente.

Propietario apoiado no Cancelón nº3 mentres falamos.

Na seguinte foto podemos ver o detalle da táboa da parte de arriba do cancelón e dunhas das bisagras, o cancelón ten dúas, que soportan o peso e permiten o movemento de abrir e pechar.

Detalle de parte superior e da bisagra no cancelón nº 3

O cancelón número catro, como se pode ver na fotografía, está colocado "dado a volta". Se nos fixamos na pedra inferior da dereita podemos ver os buratos onde estaba amarrado orixinariamente o cancelón. Agora ten as bisagras nun listón da folla esqueda da porta. Este listón clavado á porta é o que sostén o peso e pernite abrir e pechar o cancelón e dar acceso á porta e á corte. Queda libera a entrada da folla da dereita. 

Cancelón reutilizado en porta nº4.

O  pecho tradicional de madeira está loxicamente na porta dereita que é a que abre e pecha. Ten un pasador tamén de madeira.

Detalle de pecho tradicional da porta nº4


A xeolocalización é X 603974 e Y 4663569.

A porta mide 218 cm de alta e 209 cm de ancha.
O cancelón mide 114 cm de alto, 106 cm de ancho e 4 cm de fondo.

O canelón número cinco muda cos anteriores en que non ten fondo. Son unhas táboas colocadas diante da porta. O estado é malo, non así a porta que presenta pintura recente. O propietario seguro que prefire o cambio ao arranxo. Está claro que a perda da funcionalidade da porta permite o amoeramento de material variado.

A xeolocalización é X 603974 e Y 4663567.

A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 130 cm de alto, 110 cm de ancho e 3 cm de fondo.

Porta e cancelón nº5

Quixen tomar as medidas da bisagra dun dos cancelón e fíxeno neste. A bisagra mide 24 cm de longa, 4 cm de ancha e 0,5 cm de grosa. Ten tres buratos para espetar os cravos na madeira.

Detalle da bisagra do cancelón nº 5.

O cancelón número seis está nunha rúa que dende o medio da aldea xira cara o sul. A porta é nova pero o propietario quixo que mantivese os elementos constructivos que leva ollando toda a vida e que considera como propios.

A xeolocalización é X 604027 e Y 4663528.

A porta mide 234 cm de alta e 216 cm de ancha.
O cancelón mide 100 cm de alto, 114 cm de ancho e 6 cm de fondo.

Cancelón nº 6.

No detalle da fotografía podemos ollar que o sistema de peche é o tradicional. E xa se nota o paso do tempo e do uso na madeira que ten os suco da peza metálica.

Pecho do cancelón nº 6

O cancelón número sete está nun canellón que discurre cara o sur-este. É un pequeno barrio con aira e pozo. Por este canellón deixa a aldea o regato que en tempos desaugaba na Lagoa de Antela.

A xeolocalización é X 604068 e Y 4663511.

A porta mide 220 cm de alta e 204 cm de ancha.
O cancelón mide 126 cm de alto, 106 cm de ancho e 8,50 cm de fondo.

Cancelón nº 7

Destaca que o cancelón está na folla esquerda. Todos os vistos ata agora estában na folla dereita.
A feitura é similar aos outros. As bisagras tamén son diferentes ao ter catro buratos para as puntas.

O pecho do cancelón, como se pode ver, tamén é similar aos outros.

Detalle do pecho do cancelón nº 7.

Vemos con máis detalle a bisagra e o amarre na parede do gancho da bisagra do cancelón.

Detalle de bisagra e amarre á parede do cancelón nº 7.

E por último o cancelón número oito. Está no mesmo canellón que o número sete. A casa era dun carpinteiro e o cancelón foi renovado polo carpinteiro antes de morrer. O vello ainda está na leñeira para arder algún día ou apodrecer co tempo.

A xeolocalización é X 604085 e Y 4663548.

A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 111 cm de alto, 101 cm de ancho e 2 cm de fondo.
O vello cancelón mide 103 cm de alto, 96 cm de anchoe 5 cm de fondo.

Novo cancelón nº8.

Como o cancelón anterior está colocado na folla da esquerda. As bisagras parecen ser as mesmas do antigo pero adaptadas. Na bisagra de abaixo, o gancho da pedra aparece reforzado con cemento.

Poño un resumo das medidas de portas e cancelóns:

PORTAS
ALTA ANCHA FONDO
Nº 1 270 260 20,5
Nº 2 210 223 22
Nº 3 226 208 16
Nº 4 218 209 21
Nº 5 225 212 21
Nº 6 234 216 21
Nº 7 220 204 20
Nº 8 174 175 22
MEDIA 222,125 213,375 20,4375
CANCELÓN
ALTO ANCHO FONDO
Nº 1 128 130 16,5
Nº 2 107 112 13
Nº 3 109 104 9
Nº 4 114 106 4
Nº 5 130 110 3
Nº 6 100 114 6
Nº 7 126 106 8,5
Nº 8  111 101 2
MEDIA 115,625 110,375 7,75

Estas medidas en moitos casos pode que non sexan as orixinais. Os propietarios foron adaptando as portas ás modificacións dos camiños, rúas e entradas.

Non todas as portas das cortes de As Pegas teñen cancelón. Pero este elemento constructivo demostra unha utilidade que foi empregado polos moradores desta aldea.

Exemplo de porta sen cancelón.
Outro exemplo de porta sen cancelón.



Quero agradecer a Pablo, o meu afillado, a axuda nas medidas e a compañía nesa tarde de verán que pasamos xuntos. E ao seu pai que tamén nos acompañou.
Aos veciños de As Pegas que me mostraron as portas e cancelóns.



domingo, 20 de outubro de 2019

OS CANASTROS DE A LIMIA. FARAMIÑÁS.



A localidade que vou estudar é FARAMIÑÁS, do Concello de Porqueira, parroquia de S. Martiño de Porqueira. A aldea está na aba do monte de A Cidade.




Na localidade encontramos oito canastros. Todos de Madeira e con pés como modo de sustentación.







Coordenada: X596034, Y4652375.

Este canastro comparte o espazo con outros tres nunha aira que está elevada sobre o camiño principal que percorre a aldea. A aira está gañada ao monte. O terreo está en suave pendente. Para favorecer a sustentación do canastro, está apoiado nunhas pezas de pedra de 40x40 cm en cada pé.
Por riba das pedras van colocados os seis pés do canastro. Entre os pés créanse claros de 200 cm cada un. Os pés son de pedra de granito de cantería. A forma é troncopiramidal con esquinas cortadas. De alto miden 88 cm, a base mide 32x32 cm e na parte superior miden 24x24 cm.

Sobre cada parella de pés aparece unha mesa de pedra de granito de cantería. A base é rectangular coas esquinas curvas e a cara superior convexa. As medidas son 175 cm de larga, 66 cm de ancha e 20 cm de alta.

A cámara é de madeira e está apoiada sobre unhas traves lonxitudinais de madeira e o piso sobre pontóns transversais tamén de madeira. As grades lonxitudinais miden 546 cm de longo, 8 cm de ancho e 17 cm de alto. Algunhas están calzadas con pedras para axudar a  manter a horizontabilidade. Estas traves sobresaen polas paredes penais 38 cm.

A cámara mide 470 cm de longo, 115 cm de ancho e 175 cm ata o cumio. A separación do chan é de 108cm.

As paredes costais son de táboas de madeira verticais cunha separación de 1 cm e unidad por unhas cintas horizontais. Presenta debaixo das cintas e para reforzar a estructura unhas táboas en diagonal en forma de V. Verticalmente presenta catro columnas de madeira, dúas nas esquinas e outras dúas no medio da estructura co que o conxunto estaría dividido en tres panos.

As paredes penais tamén son de madeira con táboas verticais. Na parede penal que está orientada cara o Este está a porta. Nesta zona a choiva e o vento provén maioritariamente do oeste, (da Feiranova) polo tanto a porta está orientada cara onde menos afectarían as choivas.

A porta ten a peculiaridade que está dividida en dous tramos, a inferior é maís alta de 82 cm e a supeiror ten 48 cm. Dalle á porta unha medida total de 130 cm de alta e 69 cm de ancha.

A parte de arriba permanecería aberta para que secase máis rápido o millo pero non impediría que entrasen os paxaros.

A cuberta é de tella plana a dúas augas. O voadizo nas paredes costais é de 40 cm e nas paredes costais de 55 cm. Para axudar a soportar o peso na parede penal da porta ten dúas táboas en ángulo.

Para facilitar o acceso á cámara hai varias pedras que non chegan ata a mesa deixando unha distancia de 20 cm. O canastro perdeu a súa función hai anos e é moi posible que continúe o lento pero implacable deterioro ata ruína.



Coordenada: X596052, Y4652379

Este é o segundo canastro da aira. A peculariedade deste canastro é que os catro pés están en posición horizontal en vez de vertical co que case non se separa do chan. Con esto perde parte da funcionalidade de curación do millo e facilita o acceso aos ratos. Os pés de largo miden 50 cm é son de forma rectangular. Por riba dos pés leva dúas mesas pouco traballadas sobre cada parella de pés. Son rectangulares coa parte de arriba plana para facilitar a horizontalidade. Miden: 200 cm de longo, 70 cm de ancho e 20 cm de alto. Con esta disposición deixa un claro de 196 cm.
A Cámara é totalmente de madeira de 310 cm de longo e 122 cm de ancho. A separación do chan son só 33 cm. A altura ata o cumio 175 cm e a altura total 208 cm.
A cámara ten unha faixa horizontal que a divide en dous. Na parte de abaixo da cinta ten unas táboas de reforzo en diagonal en forma de V. Coas cintas verticais, ten dúas en cada esquina e dúas no interior, a estructura presenta tres panos que serían seis partes.
A porta está na parede penal orientada cara o noroeste. A porta é dobre. A da parte de arriba é maís pequena de 40 cm e a de abaixo 90 cm. De ancha ten 67 cm.
As tellas do teito son do país e tando o voadizo da parede costal como da penal son de 45 cm
Como está tan baixo o acceso non necesita de escaleria. Ten unha pequena pedra fronte a porta.
O deterioro é evidente e sen arranxo seguro que esborralla.




Coordenada: X596059, Y4652383.

O canastro ten unha peza de pedra cadrada de 40 cm de lado debaixo de cada pé para darlle estabilidade. Ten catro pés de 86 cm e alto, troncopiramidales de esquinas cortadas de 40 cm por 25 cm na parte de abaixo e 30 cm por 25 na parte de arriba. Deixan un claro de 230 cm.
Sobre cada pé ten unha moa circular convexa de canteiría de 53 cm de diámetro e de 10 cm de alto.

A cámara é completamente de madeira e ten de longo 270 cm e de ancho 115 cm. Está separada do chan 80 cm. A altura ata o cúmio é de 162 cm e a altura total son 242 cm. A cámara está dividida por unha faixa horizontal.

Ten unha porta simple de 126 cm de alta por 67 cm de ancha orientada cara o este. Ten un voadizo na parte penal de 45 cm e con reforzos en ángulo para aguantar o voadizo. Na parade costal o voadizo é de 43 cm. A tella do teito é  curva do país.
Para facilitar o acceso ten unha pedra que obliga a levantar a perna uns 60 cm.
Para evitar que se venza cara un lado, ten un longo pao que lle axuda a manter o tipo. Vai camiño de desaparecer.





Coordenadas: X596070, Y4652371.

Este canastro está entre 5 e dez metros da casa. Ten unha pedra de 40cm por 40 cm debaixo de cada pé. Ten catro pés de 80 cm de altura. Son de cantería; cadrados de 34 cm por 34cm. Deixan un claro de 260 cm.
Ten unhas mesas transversais sobre cada parella de pés de forma rectangular convexa nas puntas. Son de canteiría e miden 190 cm de longo, 65 centímetros de ancha e 17 cm de alta.
A cámara é de madeira de 340 cm de longa, 120 cm de de ancha. Está separada do chan 100 cm. A altura ata o cumio é de 160 cm co que a altura total é de 260 cm.
Ten unha porta dobre orientada cara o este. A folla de abaixo mide 78 cm e a de arriba e 53 a de arriba para un total de 131 cm. De ancha mide 72 cm.
O voadizo costal é de 43 cm e o penal de 46 cm. Ten un reforzo en ángulo para mellor soportar o teito de tella curva. Ten unha pedra a unha distancia de 57 cm para facilítalo acceso.
Nesta foto pódese ver como a porta máis pequena está aberta para facilitar a ventilación.


Foto do canastro antes da restauración.


Coordenadas: X595975, Y465233

Este canastro arranxouno o Antonio, o seu propietario, coa axuda dunha subvención da Deputación que lle tramitei eu. Se pasa uns anos máis seguro que o canastro esborrallaba.
O canastro ten unha soleira en cada un dos seis pés. Os pés son de canteiria troncopiramidal coas esquinas cortadas. A parte de abaixo mide 33 cm por 27 cm. A superior é cadrada de 24 cm de lado. Deixa dous claros de 180cm e 160 cm cada un.
Ten tres mesas transversais por cada parella de pés. Son rectangulares e convexas nas puntas-. As medidas son 190 de longas, 62 cm de anchas e 18 cm de altas.
A cámara é totalmente de madeira de 410 cm de longo, 120 cm de ancha. A separación do chan é de  112 cm. A altura ata o cumio de 162 cm. A altura total é de 274cm.
Ten unha porta na parede penal orientada cara o este. A porta é dobre de medida total de 134 cm de alta por 71 cm de ancha. As follas só teñen 9 cm de diferencia sendo a de abaixo de 71 cm e a de arriba de 62 cm. Na parede penal que está orientada cara a chuvia, o oeste, está forrada cunha chapa metálica.
O teito é de tella curva e o voadizo costal é de 30 cm, o voadizo penal de 47 cm.
Para acceder ten unha pedra a 45 cm.

Foto de Canastro despois da restauración.








COORDENADAS: X596032, Y4652331.


Este canastro ten unha pedra debaixo de cada pé de diversas medidas. Os pés son de canteiria de 87 cm, troncopiramidais coas esquinas cortadas. A parte de abaixo cadrada de 34 cm de lado e a parte de arriba tamén cadrada de 30 cm de lado. Deixan un claro de 214 cm.

Ten dúas mesas transversais sobre cada parella de pés. A forma é rectangular convexas nas puntas. Son de canteiria de 165 cm de longo, 73 cm de ancho e 20 cm de alto.
A cámara é totalmente de madeira con catro panos e mide de longo 275 cm e de ancho 112 cm. A separación do chan é de 112 cm e a altura ata o cumio de 158 cm. A altura total é de 270 cm.
Ten unha porta simple orientada cara o este de 126 cm de alta por 61 cm de ancha. A parede penal que ésta cara a choiva, a do oeste, está cuberta cunha chapa metálica. O teito é de tella curva e os voadizo costal mide 30 cm e o voadizo penal 34 cm. O acceso é facilitado cunha pedra a 80 cm co que o máis fácil é que se subise cunha escada.
Ao lado dereito da porta ten un pao da punta da trave ao cumio para reforzar o teito. Ademáis ten nas paredes penais da porta dous paus en ángulo para reforzar o voadizo.




COORDENADAS: X595937, Y4652341.

Esta canastro está elevado sobre a estrada que abandona a aldea cara o oeste.

O canastro ten seis pés de 91 cm de alto, son cadrados de 30 cm de lado. Ten dous claros de 148 cm e 170 cm.
A sustentación da cámara  varía nas paredes penais, onde presenta mesas transversais sobre cada parella de pés de 205 cm de longo, 68 cm de ancha e 20 cm de alta. Nos pés centrais ten dúas moas que miden 20 cm de alto e 75 de diámetro.

A cámara é totalmente de madeira de 395 cm de longa, 124 cm de ancha. A separación de chan é de 124 cm. A altura ata o cumio é de 150 cm. En total a altura é de 274 cm.
Ten unha porta dobre orientada cara o este, e como os anteriores ten na parede penal que está orientada cara o oeste, unha chapa metálica.
A porta mide 126 cm de alta e 65 cm de ancha. A folla de abaixo mide 72 cm e a de arriba 53 cm.
A tella do teito é curva e o voadizo costal de 37 cm. O voadizo penal é de 43 cm.
Na parede costal, na parte inferior que divide una cinta, ten tres reforzos en forma de V.
Ten unha pedra que axuda ao acceso que nos fai dar unha paso de 65 cm.



COORDENADAS: X595932, Y4652326.

Como o canastro anterior este canastro tamén está elevado sobre a estrada que abandona a aldea cara o oeste.

Este canastro ten catro pés apoiados directamente no chan. Os pés miden 55 cm de altura e son de pedra pouco traballada. Son cadrados coas esquinas cortadas de 20 cm de lado.

A cámara está apoiada directamente na trave sin pés nin mesas. Ten un claro de 164 cm.
A cámara mide 200 cm de longo, 115 cm de ancho e está separada do chan 55 cm. A altura ata o cumio é de 147 cm e unha altura total de 202 cm.
Ten unha porta simple orientada cara o este de 117 cm de alta e 65 cm de ancha. A parede penal que está orientada cara o oeste está cuberta cunha chapa de metal.
O teito é de tella curva o os voadizos miden 30 cm na parade costal e 34 cm na parede penal.
Ten unha pedra a 60 cm para o acceso.


GLOSARIO:

Aira: espazo onde se malla o centeo (moitas veces comunal) e onde se colocan os canastros cando non hai outro espazo (porque os propietarios non tiñan outro sitio e empegan este espazo de todos).

Cámara: é a parte esencial do canastro porque nela é onde se garda o cereal. Pode ser de varas entrelazadas, madeira, madeira e pedra ou toda de pedra.

Canastro: construcción adxectiva especializada na curación e conservación do millo. Noutras zonas de Galiza ten o nome de hórreo, cacipo, horro, etc.

Cinta: listón de madeira clavado a media altura na cámara que reforza a estructura.

Claro: espazo que se forma entre os pés.

Grade: estructura que se fai con catro traves de madeira, con forma rectangular ou cadrada, sobre a que se constrúe a cámara.

Mesa: lousa rectangular de granito que se coloca transversalmente encima dos pés e que dá sustento a cámara.

Parede costal: son as paredes máis longas dos canastros. Estas paredes teñen sepracións entre as madeiras ou as pedras para que circule o aire e cure o cereal.

Parede penal: son as paredes estreitas e nas que normlamente está a porta. (Ás veces a porta está na parede costal, ou teñen portas nas dúas paredes).

Pé: columna de pedra de granito que sustenta a cámara (tamén coñecido como pé dereito).







xoves, 8 de agosto de 2019

OS CANASTROS DE A LIMIA. A FONTEMOURA.

No ano 2002 publiquei no número 1 da revista O BOUZO da Asociación Cultural O BIÓN, un artigo sobre os canastros de A Fontemoura.


A Fontemoura é unha aldea do Concello de Porqueira.


Quero reproducilo agora como foi redactado naquelas datas. As fotografías foron feitas cunha cámara  RICOH SLX 500 (analóxica) e todo o procesado, dende cargar o carrete ata o positivado foi feito por min naquela altura.


OS CANASTROS DA LIMIA.

Introducción

Os canastros son, sen lugar a dúbidas, as construccións populares máis representativas de cantas temos no país. Na Limia non podían faltar. Ben é certo que só aparecen naqueles lugares onde o clima, intimamente unido á altitude, condicionan a aparición do cultivo que é o causante directo da súa presencia: o millo.
O millo é un cereal americano que chegou providencialmente para matar a fame que no país se pasaba. Tamén de América chegou outro producto que axudou moito a nosa xente: a pataca.
Din que o primeiro millo que se cultivou foi en Mondoñedo e que foi traído das Américas polo Gobernador da Florida o Almirante Gonzalo Méndez de Cancio e a súa dona Magdalena de Luances. Substituíu a outro cereal ata facelo desaparecer: o millo miúdo, do que tomou o nome para facelo seu: millo graúdo ou millo maízo. Cambiouse un cereal de inverno por outro de primavera.
O cereal trouxo unhas necesidades que antes non se coñecían. O millo precisa máis tempo de maduración despois de colleitado. Na Galiza este tempo non o hai, o inverno chega pronto. O proceso de secado ten que continuar por un tempo nun sitio onde a temperatura sexa constante, estea venteado, lonxe da humidade do chan e dos animáis. O enxeño do labrador creou ou recreou unha construcción que cumpre todos estes requisitos; O CANASTRO.

Historia.

As orixes dos canastros son escuras. O millo chega a Galicia no século XVII pero existen datos que fan o canastro anterior a esta data.

Na Cantiga CLXXXVI das que Alfonso X dedica a Sta. María aparecen os seguintes versos:

"E outro día acharon tanto pan
que os orreos foron cheos de pran..."

Acompaña esta cantiga unha miniatura na que se ve a representación duns monxes e tres canastros moi similares aos actuais. Estamos falando do século XIII. É un dos primeiros documentos gráficos que mostran este tipo de construccións.

Na escrita queda documentación dos tempos dos romanos, que cando chegaron a estas nosas terras, chamoulle moito a atención que os celeiros estivesen sobre a terra (granaria sublimia) e non baixo dela, como eles coñecían.
A discusión dos estudiosos, de diversas nacionalidades, sobre a orixe do canastros é moi controvertida e enfronta opinións variadas: uns din que o trouxeron os Suevos, outros que proveñen dos habitantes dos poboados castrexos, outros falan de que os que vivián nos palafitos xa os coñecían...Este interés demostra que o canastro merece un posto importante dentro das culturas dos pobos. Dá regaño ver como moitos están desaparecendo pola desidia dos donos e das autoridades que por lei deben protexelos.

Clasificación.

Existe tamén diversidade no intento de clasificar os canastros en Galicia. Todos destacan algunha peculiaridade que os fai diferentes e todos teñen razón.
Algúns destacan a forma: redonda, rectangular ou cadrada.
Outros o material do que están construídos: de varas entretecidas, madeira, madeira e pedra (mixtos) e de pedra.
Hainos que destacan a sustentación, pés (unha peza de pedra en cada esquina ou máis en función da lonxitude do canastro) cepas (unha peza de pedra do ancho da cámara en cada punta, se o necesita ten máis de dúas), celeiro (construcción que está debaixo da cámara e que serve de almacén), muro de cachotería moi concreto na zona que linda con Asturias.
Incluso polo material de cubrición, palla, lousa, madeira ou tella.

Ata agora a clasificación máis ampla é a de Ignacio Martínez Rodríguez que uniu tódolos elementos diferenciadores anteriores e ademais fixo unha calsificación xeográfica.
O que queira afondar no tema ten ao final uns cantos libros que tratan en profundidade este tema.

 Partes.

Para coñecer mellor estas construccións imos ver as partes das que se compón, comezando de abaixo a arriba.

O primeiro que hai que determinar é si o canastro está sobre o chan directamente ou si está pousado sobre unhas lousas de pedra que se chaman SOLEIRAS ou sobre unha soa pedra na que descansan os pés. Tamén poden estar sobre un pequeno muro ou onde a imaxinación do propietario o quixo poñer, pero sobre todo o que se intenta con esto é que o canastro quede nivelado, nun bo sitio onde lle dea o ar e fora do alcance dos ratos e da humidade.
Para elevar o graneiro na Galiza coñécense varias maneiras: pés, cepas, celeiro e muro de cachotería. Nalgún caso pode ir directamente sobre o muro prescindindo dos elementos de elevación.
Non existe unha norma en referencia a forma de cada un destes elementos. Así os pés poden ter un tamaño pequeno como nos cabazos de varas de S. Martiño de Moreiras ou exceder a altura dunha persoa nos orros de tipo asturiano de O Piornedo. O material de construcción empregado pode ser a madeira, a pedra (que é o máis normal) ou cachote. Pola contra as cepas son de pedra e o que varía é a forma que lle deu o canteiro, a economía do paisano e o material da zona.
O Celeiro é unha intelixente forma de aproveitar o espazo que queda entre o chan e o graneiro (OS CLAROS). Moitos gardan neste espazo a leña, o carro, (no caso dos cadrados tipo asturiano) e pouco a pouco fóronnos pechando ata que apareceu en espazo onde gardar as patacas e os trebellos do traballo e todas esas cousas que a nosa xente gusta de gardar.
Os que se sustentan sobre muro, moi altos, só teñen dous muros de cachote en cada esquina e normalmente aparecen asociados aos orros asturianos, e para diferncialos chámanlle cabazos.

Coroando os anteriores elementos de sustentación aparece case sempre a moa (tamén ten o nome máis clarificador de tornarratos). A súa misión é impedir que os ratos cheguen o gran trepando polos pés. Pode aparecer unha soa peza sobre cada pé, normalmente a parte inferior plana e as superior convexa, ou unha peza transversal que une dous pés que chaman MESA e que cumpre tamén a función de facilitalle á xente o acceso ao graneiro.
Colocado sobre a moa ou a mesa está o graneiro, o espazo onde se colocan as mazarocas, tamén chamada cámara. Esta cámara pode estar construída de varas entreteciadas, de madeira, de pedra e madeira ou enteiramente de pedra (só empregando a madeira para a porta).
O material de construcción está supeditado por unha parte aos posibles do agricultor e por outra as materias primas que haxa na contorna.
O tellado pode ser en forma de cono invertido nos de varas entretecidas e nos de tipo asturiano con esquinas máis marcadas ao ser cadrados e moito máis grandes.Para poder adoptar a forma de cono o material empregado é a palla.
O tellado a dúas augas é o máis extendido e pode ser de palla, xa poucos debido a pouca resistencia desta, de tella, lousa ou pedra. O tellado a catro augas aparece nos orros de tipo asturiano.
Dependendo das zonas nas esquinas dos tellados aparecen adornos que son xeralmente unha cruz e un picachón de forma piramidal rematado ás veces cunha bola. Bo gusto e uns elementos de protección para que nada poda estragar a colleita que está a secar.

Nomenclatura.

Os canastros teñen diferentes nomes segundo a parte da Galiza onde nos atopemos (uns 28 segundo Begoña Bas). Na Limia chámanse CANASTROS, CAPIPOS e derivacións desta última como Cacifo ou Cacifro. Canastro ven de canasto que non é outra cousa que un cesto ("canistrum"; canasto, cesto). Unha cana é unha póla dunha árbore. Con esta fanse os canastos e se este canasto é de grande tamaño é un canastro.
Está é unha das razóns pola que os estudiosos pensan que os primeiros canastros en aparecer foron os de varas, destes pasouse aos de madeira e finalmente incormporouse a pedra tomando aos de madeira como modelo.

Na Limia.

O meu interese vaise centrar nos que existen na Limia. A intención é facer estudios dos canastros en cada localidade. Saberemos así as diferencias que presentan nunha mesma localidade e ao mesmo tempos as diferencias con outras aldeas.
Vou comezar cos Canastros de A Fontemoura. Lugar da Parroquia de Sta. María de Porqueira, do concello de Porqueira.
Aquí atopamos once canastros en pé. Poderiamos distribuílos en dous grupos que estarían cinco á dereita e outros cinco á esquerda do forno comunal, quedando un illado do referente do forno, estando este na estrada.

Comezo a clasificación decindo que son canastros de madeira con pés como elemento de sustentación; tellado a dúas augas de tella. Non teñen adornos.

Fontemoura 1.


Seis dos canastros presentan unha pedra debaixo de cada pé que formaría a SOLEIRA. Cinco van directamente sobre o chan.

Nº pés Altura Material Formas Ancho
1 6 131/117 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 30
2 4 1ºd=78/2ºd=60   1ºe=58/2ºe=52 Pedra pouco traballada Rectangular  34*19
3 4 70 Canteria Rectangular con esquinas cortadas 20*30
4 6 62/95 Canteria Medio circular          2 cadr.extremos 30                                       26
5 6 73/80 Canteria Troncocónico 50*22
6 6 92/97 Canteria Rectangular con esquinas cortadas 30*29
7 6 60 Pedra pouco traballada Rectangular 20*36
8 6 83 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 28
9 6 65/87 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 28
10 4 80 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 29
11 4 68 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 25

Fontemoura 2.


Sempre son empregados PÉS para elevar, sustentar e separar o depósito da humidade que hai no chan. Os Pés son de diversa feitura, destacando os cadrados con esquinas cortadas en cinco ocasións, rectangulares en catro casos e un troncocónico. Hai un canastro que ten catro cadrados con esquinas cortadas e no centro dous circulares.
En nove canastros os pés están traballados con coidado polos canteiros e só en dous deles o traballo é inferior.
Abundan máis os que teñen seis pés por canastro, que son sete, que os que teñen catro, que son catro. Os pés máis altos miden 117 cm e os máis baixos 52 cm. O máis normal é que midan entra 60 e 80 cm. De ancho cara os 30 cm.

Tipo Forma Material
1 Transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
2 Individual sobre cada pé Circular-convexa Pouco traballada
3 individual sobre cada pé Circular-convexa Canteria
4 Individual sobre cada pé no medio. Transversais sobre parella de pé nas penais Circular-convexa Canteria
5 Individual. 5 circulares e 1 cadrado Circular-convexa Boa canteria
6 transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
7 Individual sobre cada pé En madeira ou non ten
8 Transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
9 Individual sobre cada pé no medio. Transversais sobre parella de pé nas penais Circular-convexa Canteria
10 Transversal sobre parella de pés 1 rectangular convexas nas puntas     1 Plano Canteria
11 Transversal sobre parella de pés na porta Individuais sen porta Case plano. Convexo Pouco traballada

Fontemoura 3.


Dos once canastros estudados, catro teñen mesas en tódolos casos. Outros catro teñen moas exclusivamente, coa particularidade que nun caso son unhas táboas de madeira nuns pés e noutros simplemente non ten.
En dous canastros que presentan tres parellas de pés os do medio teñen moa e as outras dúas parellas mesas. E finalmente hai un de dúas parellas de pés que ten na parella onde está situada a porta do graneiro presenta mesa, facilita o acceso, e na outra moas.

Longo Ancho Altura ata o cumio
1 410 122 165
2 293 133,5 167
3 292 140 170
4 332 126 160
5 424 133 160
6 413 130 161
7 425 135 163
8 494 124 162
9 420 120 159
10 308 127 173
11 216 123 180

Fontemoura 4.
A Cámara é integramente de madeira. A cámara máis longa mide 494 cm e a a máis corta 216 cm. A máis ancha mide 140 cm e a máis estreita 120 cm. Nin que dicir ten que o propietario do canastro facíao tendo en conta o tamaño da colleita e os medios económicos de que dispuña. A altura oscila entre os 180 cm e os 159 cm., a altura máis común ten os 160 cm.
A cámara está formada por unhas trabes: A Armazón (que sobresaen entre 20 e 30 cm da cámara) que soporta os balaústres, que son unhas táboas colocadas en vertical paralelamente deixando uns espazos (ventos) entre cada táboa que miden entre un e dous centímetros. Polos espazos é por onde entra o ar que ten que completar a curación do gran. Ao mesmo tempos son pequenos para que os paxaron non podan meter o peteiro e que a choiva non entre con facilidade.
Para reforzar a construcción a cámara leva unha cinta que a divide en dous tramos horizontais. Outras veces leva unha cinta vertical que divide a cámara en dous tramos verticais. O máis normal é que aparezan as dúas cintas conviandas dividindo a cámara en cadrados, (falamos do exterior).
Moitas veces os canastros levan na cámara unhas faixas, máis na parte de abaixo, en forma de zic-zac ou V para reforzar as madeiras onde máis sofren o peso da colleita. No caso que nos ocupa na Fontemoura dáse en sete casos da aparición da faixa na parte inferior. Nun caso quedan restos de dúas faixas que cortan en diagonal os dous cadrados que forman as cintas.

Fontemoura 5

Outro elemento importante con que conta a cámara é coa porta de acceso para gardar as mazarocas e ir tirando delas cando fagan falta. As portas tamén están feitas de balaústres  para facilitar a entrada do ar.

Fontemoura 6.


Nº portas Simple Doble Orientación
1 2 si O-E
2 1 si E
3 1 si E
4 1 si E
5 2 si O-E
6 2 si O-E
7 2 si E-O
8 2 si O-E
9 2 si O-E
10 1 si N
11 1 si E


Unha peculariedade destaca na feitura das portas en sete dos canastros: son dobres, é dicir, está dividida en dous tramos podendo abrir só a parte de arriba e así ventilar moito máis, son como as cancelas das cortes. Outra peculariedade é que en seis ocasións os canastros teñen dúas portas coas seguintes conbinacións.


  • Dos que teñen dúas portas son dobres en tres casos.
  • Dos que teñen dúas portas son simples en tres casos.
  • Dos que teñen unha porta son dobres en catro casos.
  • Dos que teñen unha porta é simple e nun só caso.
Fontemoura 7
Aproveitando que estamos a falar das portas podemos engadir que:

  • Dos cinco que teñen unha porta, catro están orientadas ao este e un o norte.
  • Dos sein que teñen dúas portas, pola máis usada están orientadas cara ao oeste, loxicamente a outra porta mira cara ao este.
  • Nun só caso a colocación é a contraria: este - oeste.
Coñecendo a zona vemos que están colocados coa parte estreita cara a onde veñen as choivas. Só nun caso falla esta colocación.
Para acceder dende o chan a elevación que supón a entrada da cámara empréganse pedras que deixan un espazo, é como si lles faltase un chanzo, para impedir que os ratos chequen ao graneiro. Noutras ocasións accédese directamente dende o chan.

Fontemoura 8.

Voadizo costal Voadizo penal
1 60 48
2 48 48
3 45 34
4 39 44
5 40 46
6 40 60
7 58 60
8 50 44
9 34 49
10 48 60
11 48 65



Fontemoura 9

O Tellado é sempre a dúas augas que é ,como vimos, un dos elementos diferenciadores a hora de clasificar os canastros. O material empregado é sempre a tella do país. Os voadizos son elegantes nalgúns canastros nas paredes onde están as portas (Parede penal). É o único adorno que se permitiron nestes canastros xa que non teñen os elementos decorativo-protector que aparecen noutros casos como son as cruces e os pináculos ou pimpinelas.
O voadizo alcanza os 65 cm como máximo e os 34 cm como mínimo nas paredes penais.
Nas paredes laterais (Parede Costal) o voadizo sobresae como máximo 60 cm e como mínimo 34 cm.
Sobre as tellas vemos colocadas pedras que impiden que os días de moito vento se movan as tellas ou caian ao chan.

Fontemoura 10.
Ata aquí a descrición destes canastros que como vemos nacen claramente para cumprir unha misión moi específica: almacenar a colleita de millo sen que os elementos externos poidan derramala.
Coñecendo os canastros doutras comarcas da Galiza, vemos que son canastros sinxelos, que cumpren a súa función e non destacan pola elegancia, nin polo seu grande tamaño. Son canastros de labregos sen moitos recursos. A vida na Limia non foi nada fácil e non valía andar con adobíos cando o importante era sacar a familia adiante.

Fontemoura 11.
Bibliografía:

Alfonso X "O Sabio". Cantigas de Sta. María. Ed. Sálvora.
Bas López, B. Arquitectura para a producción campesina. Ed. Hercules
                        As construccións populares: un tema de Etnografía de Galicia. Ed. do Castro.
                        Os nomes galegos dos Hórreos e dos seus elementos. Revista Verba nº 7.
Bouza-Brey, F. Etnografía y Folklore de Galicia. (2), ed. Xerais.
Caamaño Suarez, M. As construccións adxectivass.M.P.G.
De Llano,P. Arquitectura popular en Galicia. C.O.A.G.
Lorenzo Fernández, X. A casa. Ed. Galaxia.
Martínez Rodríguez, I.El Hórreo Gallego. Fund. Pedro Barrié de la Maza.
Pérez González, L.M. Os Hórreos. Univ. de Santiago de Compostela.
Rivas Quintas, E. Millo e hórreo. Legumia e cestos. Ed. Laiovento.