xoves, 17 de novembro de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN TRANDEIRAS. A LIMIA (REPORTAXE FOTOGRAFICA)

Na Limia é aconsellable a visita ao Bon Xesús de Trandeiras. O mosteiro que estaba ao pé dunha masa de auga que era o noso mar, a Lagoa de Antela.

Xa que estamos perto da aldea de Trandeiras podemos achegarnos e visitar os encalados e os encintados que tamén son un referente en A Limia. É merecente desta distinción, sobre todo por dúas casa que está fermosamente decoradas.

Vou describir algunhas casas da aldea que están encaladas e encintadas ata chegar as casas máis encaladas.

Aparecen encintados en paramentos para protexer o interior da vivenda da humidade.


Encintado illante.

 Tamén aparecen encintados grosos en xanelas con intención decorativa.

Encintado groso decorativo.

Temos encalados funcionais como os que cobren totalmente o paramento nas paredes dos balcóns e corredores.


Restos de encalado en antigo corredor agora desaparecido.


Nesta foto ollamos mellor o encalado de todo o paramento.


Encalado na parede do corredor.


Temos tamén restos de encalados decorativos nas colunmas dos balcóns, por certo as columnas son ben lindas. 



Casa con columnas encaladas.


Detalle do encalado nunha das columnas. O encalado está só na parte de arriba, non sei se neste caso é así ou se perdeu o encalado na parte de abaixo.


Columna encalada.


Temos outra casa con columnas e encalados semellantes.


Corredor con encalado en columnas e paramento.


Detalle da columna que neste caso tamén ten resto de encalado na parte de abaixo.


Columna encalada.


Outro exemplo máis de columna encalada. Neste caso quixen poñer esta foto polas ristras secas onde colgou o millo. 



Fermosura de balcón.


Paso agora a comentar a primeira das casas que destacan polo encalado decorativo. Ten ademais na fachada do balcón o paramento encalado, como xa vimos noutras casas.


Primeira das casas con encalado decorativo.


Pero o que nos interesa está na fachada lateal, nas xanelas e na lumieira da porta da corte.

A xanela da esquerda.



Xanela da esquerda.



Ten un encinado largo en todo o contorno. Na parte de arriba e na de abaixo do encintado é onde se atopan os encalados xeométricos. Na parte de arriba temos, empezando pola esquerda, dous medios círculos e a metade doutro en positivo rodeados por riba doutros tantos medios círculos en negativos. De fondo ha un encalado do que xa vai quedando pouca cousa. No centro temos un medio círculo grande que chega ao máis alto do encintado de fondo. Non se distingue moi ben pero parece que segue a serie de medios círculos. Na parte dereita é menos claro pero parece que tamén segue a serie de medios círculos.

A parte de abaixo está moi deteriorada e deberon existir figuras xeométricas en positivo enmarcadas nun rectángulo en negativo. Ollamos unha media lúa en minguante e restos de círulos. Unha mágoa.

A xanela da dereita.






Está pintada dun azul moi bonito. A xanela ten un encintado largo todo ao redor. Na parte de arriba fai unha forma decorativa. Por dentro leva tamén encalado que remarca en negativo a forma. Agora falta bastante na parte esquerda.
Na parte de abaixo aparecen catro letras sobre unha liña de encintado, que a vez crea un espazo libre entre a liña e o encintado natural da pedra. As letras como se ve son: R, D, P (pode ser) e D. Iniciais do dono ou dona da casa?

Na lumieira da corte aparece un encalado decorativo xeométrico.



Encalado decorativo xeométrico.

 
Dun pequeno círculo nace unha liña vertical. Dende o fondo desta liña vertical arrinca unha ondulación que  avanzaría por toda a lumieira. Na parte alta da ondulación, a altura do primeiro círculo, arranca outra liña vertical. Entre o pequeno círculo e a parte maís alta da onculación colócase a parte inferior dun medio círculo. Onde remata a parte inferior da ondulación volve a aparecer o pequeno círculo e a liña vertical e repítese toda a figura. 

Agora imos ver a casa que máis destaca en Trandeiras tendo en conta o encintado, o encalado e o estado de conservación.


Fachada principal onde destacan os elementos ornamentais.






Outra vista da fachada principal.



Como ollamos a casa está perfectamente encintada. O interestante desta fachada está na xanela e debaixo do tellado.



Xanela da fachada principal.



A xanela ten un encintado largo que a rodea por tres partes e é posible que a parte de arriba, no seu momento, tamén tivese o encintado. 



Detalle dos cálices e dos círculos da parte de arriba da xanela.


Dentro do encintado perimetral e na parte de arriba da xanela temos sete círculos e a cada lado dos círculos podemos ollar, ainda que deteriorados, dous cálices. Como xa temos ollado outras veces, os cálices están formados pola metade dun círculo, un círculo máis pequeno debaixo e un triángulo facendo de base. Todos eles en positivo.



Parte inferior da xanela.



A parte máis interesante do conxunto atopámolo na parte de abaixo da xanela. O encintado presenta, como ollamos noutras edificacións debaixo do tellado, un encalado que verte nos 8 cálices que están debaixo. Os cálices están formados por un medio círculo, un círculo máis pequeno debaixo e un triángulo de base. Son como os dous da parte superior da xanela. Entre os cálices aparecen sete círculos.
Debaixo dos cálices en positivo temos unha liña de encintado. Debaixo da liña aparecen 9 cálices que están formados en negativo. Os medios círculos son os que están en negativo, un círculo pequeno debaixo e o triángulo da base. Entre os cálices aparecen 9 círculos que para ben deberían ser 10 pero falta o primeiro pola esquerda. Debaixo dos círuculos uns pequenos cálices formados por un triángulo invertido e un intento de base debaixo. O último círculo da dereita non ten cáliz porque está como de máis. Unha liña de encintado pecha o conxunto.



Fachada principal.


Na fachada principal debaixo do tellado aparece unha fita de cálices. O medio círculo está en negativo. Debaixo ten o círculo pequeno e de base o triángulo. Entre os cálices aparecen uns círculos. Nesta foto vemos como se conserva a liña de encintado na parte superior dos cálices que noutras partes da fachada se perdeu, posiblemente por obras de mellora no tellado.


Nesta foto ollamos a destrucción de parte dos cálices.


Na parte superior dereita do encalado da fachada principal temos unha rosa celta de catro follas dentro dun círculo. Os pétalos non están totalmente desenrolados e perdeu un dos pétalos, o superior dereito.



Rosa celta en fachada principal.


Na fachada lateral temos a continuación da fita de cálices. Pero neste caso os cálices están formados por medios círuculos en positivo. Entre os cálices aparecen os círculos. Sobre o encintado esquerdo da xanela que é máis largo, e seguindo a liña de cálices aparece un cáliz máis grande. Supoño que sobre o encintado dereito da xanela habería outro cáliz máis grande, hoxe falta o encalado.


Fachada lateral.

Na parte superior esquerda debaixo dos cálices temos dúas rosas celtas completas de seis follas. Aparecen uns ángulos decorativos na parte dereita. 

Detalle das dúas rosas celtas. 


Sempre é moi agradable visitar Trandeiras polos atractivos que ten. O Mosteiro do Bon Xesús, as fontes, as carballeiras, a vista da antiga Lagoa de Antela e a peculiar arquitectura popular limiá.