venres, 30 de decembro de 2022

ENTROIDO DE XINZO DE LIMIA. AS PARODIAS.

O entroido de Xinzo ten como protagonista a máscara propia: A PANTALLA.

Pantalla de Xinzo de Limia.


Pero o entroido é máis que a máscara. Sempre gostamos de falar de casos curiosos que pasaron e pasan no entroido que crea a xente que vivía e vive o entroido de forma intensa e que coas súas trasnadas fannos disfrutar e poñen un elo no engrandecemento do noso entroido.

Quería falar agora dunha parodia totalmente improvisada que vivín nos anos noventa e que ben pode explicar como se crea teatro de rúa.

PERSONAXES:

Muller maior 1: Totón.

Muller maior 2: Queta.

Garda Civil 1: Ricardo.

Garda Civil 2: Eduardo.

Criada de casa rica: María Isabel.

Mirón asombrado: Pepe Calleja.

Mañá do Luns de entroido dos anos noventa. Rúa dos viños a altura do actual Bar Trisquel. As dúas mulleres maiores visten de loito completamente con pano na cabeza. Veñen en bicicleta. Aquelas bicicletas negras de barra. No portavultos traen unhas cestas de vimbio. Os Gardas veñen co uniforme completo, con tricornio e unhas lentes que no nariz teñen a forma dun carallo. Ninguén máis na rúa.

O Mirón está observando a escena dende o canto da Rúa dos Viños e a Praza Maior.

Dende a Rúa dos Viños sobe a Garda Civil.

ESCENA ÚNICA.

As mulleres maiores falan co Mirón.

Muller maior 1: Neno, sabes onde está o veterinario?

Mirón: Sei. E logo que pasou?

Muller maior 1: E que esta a miña comadre ten que consultar con el porque ten un problema en xa sabes onde.

Muller maior 2: Ai fillo!. Teño un comechón que vaia por Deus. Eu non sei se será cousa do demo.

Muller maior 1: Nas cestas traemos o remedio, a ver se serve para o mal que ten.

Muller maior 2: Deus te oia, miña rola.

Chegan despacio os dous Gardas coas mans ás costas.

Garda Civil 1: Bo día.

Garda Civil 2: Bo día.

As dúas mulleres e o Mirón: Bo día.

Garda Civil 1: Entón, madrugaron moito.

As dús mulleres: Madrugamos si señor.

Garda Civil 2: Pero como hoxe por aiquí que non é feira?

Muller maior 1: Pois mire señor Garda, a miña comadre tenlle un problema ben grande co comechón que ten en xa sabe onde e vimos ao veterinario a ver si lle dá co mal.

Muller maior 2: Ai!. Canto teño sufrido. Pero penso que a solución ven nas cestas que traemos nas bicicletas.

Garda Civil 2: Fagan o favor, saquen o que traian nas cestas que queremos ver. Xa desconfio que sodes algo tortas.

Muller maior 1: Ai señor garda non diga tal. Nós sómoslle ben boas e nunca enganamos a ninguén nas feiras. Haille moita envexa e moito mentirán.

Garda Civil 1: Deixate de chácharas e sacade o que traedes nas cestas.

As dúas mulleres entre queixas baixan das bicicletas e abren as cestas. 

Para sorpresa de todos sacan uns nabos ben grandes. Os Gardas fan por non rir. Despois dun momento recuperan a compostura e moi serios:

Garda Civil 2: Eu penso que non teñen o tamaño reglamentario. Teremos que medilos e se non dan a medida xa vos podedes ir preparando.

O Garda Civil 1 mete a man no bolso e saca un metro co que os dous gardas póñense a medir os nabos.

Garda Civil 1: Estes nabos pásanse da medida por moito. Vamos a ter que denuncialas señoras.

As dúas mulleres de loito fan rogos e choran falsamente como carpideiras.

Muller maior 1: Meu Deus! Que fixemos nós! Somos duas velliñas que non facemos mal ningún!

Muller maior 2: Señores gardas teñan piedade que o facemos pola miña saúde! Non por mal.

Dende o medio da praza chega a Criada de casa rica camiñando rápido, levantando os brazos e botando berros. 

Criada de casa rica: Lobas!!! Lobas!! Sodes as que lle andades ao rabo ao meu marido!

Sen máis agarra polos cabelos a Muller maior 1. A Muller maior 2 tamén se mete na lea e acaban as tres aos bolouchóns no chan.

Os dous gardas ao ver a liorta dan a volta e de costas póñense a asubiar mirando cara arriba e pouco a pouco vanse marchando.

Ao fin os Gardas acoden ás mulleres e levántanas do chan.

Esta é unha mostra do moito que se viviu e vive no entroido. Non necesitamos que nos "axuden" a facer o entroido. Necesitamos recuperar o que se vivía na rúa, a complicidade dos que vivimos na vila e arredores. Necesitamos "o noso entroido".

Muller maior de loito.



Grazas a estes actores tan caralludos por manter o lume do entroido. 

Un recordo agarimoso para Eduardo que nos deixou.





xoves, 17 de novembro de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN TRANDEIRAS. A LIMIA (REPORTAXE FOTOGRAFICA)

Na Limia é aconsellable a visita ao Bon Xesús de Trandeiras. O mosteiro que estaba ao pé dunha masa de auga que era o noso mar, a Lagoa de Antela.

Xa que estamos perto da aldea de Trandeiras podemos achegarnos e visitar os encalados e os encintados que tamén son un referente en A Limia. É merecente desta distinción, sobre todo por dúas casa que está fermosamente decoradas.

Vou describir algunhas casas da aldea que están encaladas e encintadas ata chegar as casas máis encaladas.

Aparecen encintados en paramentos para protexer o interior da vivenda da humidade.


Encintado illante.

 Tamén aparecen encintados grosos en xanelas con intención decorativa.

Encintado groso decorativo.

Temos encalados funcionais como os que cobren totalmente o paramento nas paredes dos balcóns e corredores.


Restos de encalado en antigo corredor agora desaparecido.


Nesta foto ollamos mellor o encalado de todo o paramento.


Encalado na parede do corredor.


Temos tamén restos de encalados decorativos nas colunmas dos balcóns, por certo as columnas son ben lindas. 



Casa con columnas encaladas.


Detalle do encalado nunha das columnas. O encalado está só na parte de arriba, non sei se neste caso é así ou se perdeu o encalado na parte de abaixo.


Columna encalada.


Temos outra casa con columnas e encalados semellantes.


Corredor con encalado en columnas e paramento.


Detalle da columna que neste caso tamén ten resto de encalado na parte de abaixo.


Columna encalada.


Outro exemplo máis de columna encalada. Neste caso quixen poñer esta foto polas ristras secas onde colgou o millo. 



Fermosura de balcón.


Paso agora a comentar a primeira das casas que destacan polo encalado decorativo. Ten ademais na fachada do balcón o paramento encalado, como xa vimos noutras casas.


Primeira das casas con encalado decorativo.


Pero o que nos interesa está na fachada lateal, nas xanelas e na lumieira da porta da corte.

A xanela da esquerda.



Xanela da esquerda.



Ten un encinado largo en todo o contorno. Na parte de arriba e na de abaixo do encintado é onde se atopan os encalados xeométricos. Na parte de arriba temos, empezando pola esquerda, dous medios círculos e a metade doutro en positivo rodeados por riba doutros tantos medios círculos en negativos. De fondo ha un encalado do que xa vai quedando pouca cousa. No centro temos un medio círculo grande que chega ao máis alto do encintado de fondo. Non se distingue moi ben pero parece que segue a serie de medios círculos. Na parte dereita é menos claro pero parece que tamén segue a serie de medios círculos.

A parte de abaixo está moi deteriorada e deberon existir figuras xeométricas en positivo enmarcadas nun rectángulo en negativo. Ollamos unha media lúa en minguante e restos de círulos. Unha mágoa.

A xanela da dereita.






Está pintada dun azul moi bonito. A xanela ten un encintado largo todo ao redor. Na parte de arriba fai unha forma decorativa. Por dentro leva tamén encalado que remarca en negativo a forma. Agora falta bastante na parte esquerda.
Na parte de abaixo aparecen catro letras sobre unha liña de encintado, que a vez crea un espazo libre entre a liña e o encintado natural da pedra. As letras como se ve son: R, D, P (pode ser) e D. Iniciais do dono ou dona da casa?

Na lumieira da corte aparece un encalado decorativo xeométrico.



Encalado decorativo xeométrico.

 
Dun pequeno círculo nace unha liña vertical. Dende o fondo desta liña vertical arrinca unha ondulación que  avanzaría por toda a lumieira. Na parte alta da ondulación, a altura do primeiro círculo, arranca outra liña vertical. Entre o pequeno círculo e a parte maís alta da onculación colócase a parte inferior dun medio círculo. Onde remata a parte inferior da ondulación volve a aparecer o pequeno círculo e a liña vertical e repítese toda a figura. 

Agora imos ver a casa que máis destaca en Trandeiras tendo en conta o encintado, o encalado e o estado de conservación.


Fachada principal onde destacan os elementos ornamentais.






Outra vista da fachada principal.



Como ollamos a casa está perfectamente encintada. O interestante desta fachada está na xanela e debaixo do tellado.



Xanela da fachada principal.



A xanela ten un encintado largo que a rodea por tres partes e é posible que a parte de arriba, no seu momento, tamén tivese o encintado. 



Detalle dos cálices e dos círculos da parte de arriba da xanela.


Dentro do encintado perimetral e na parte de arriba da xanela temos sete círculos e a cada lado dos círculos podemos ollar, ainda que deteriorados, dous cálices. Como xa temos ollado outras veces, os cálices están formados pola metade dun círculo, un círculo máis pequeno debaixo e un triángulo facendo de base. Todos eles en positivo.



Parte inferior da xanela.



A parte máis interesante do conxunto atopámolo na parte de abaixo da xanela. O encintado presenta, como ollamos noutras edificacións debaixo do tellado, un encalado que verte nos 8 cálices que están debaixo. Os cálices están formados por un medio círculo, un círculo máis pequeno debaixo e un triángulo de base. Son como os dous da parte superior da xanela. Entre os cálices aparecen sete círculos.
Debaixo dos cálices en positivo temos unha liña de encintado. Debaixo da liña aparecen 9 cálices que están formados en negativo. Os medios círculos son os que están en negativo, un círculo pequeno debaixo e o triángulo da base. Entre os cálices aparecen 9 círculos que para ben deberían ser 10 pero falta o primeiro pola esquerda. Debaixo dos círuculos uns pequenos cálices formados por un triángulo invertido e un intento de base debaixo. O último círculo da dereita non ten cáliz porque está como de máis. Unha liña de encintado pecha o conxunto.



Fachada principal.


Na fachada principal debaixo do tellado aparece unha fita de cálices. O medio círculo está en negativo. Debaixo ten o círculo pequeno e de base o triángulo. Entre os cálices aparecen uns círculos. Nesta foto vemos como se conserva a liña de encintado na parte superior dos cálices que noutras partes da fachada se perdeu, posiblemente por obras de mellora no tellado.


Nesta foto ollamos a destrucción de parte dos cálices.


Na parte superior dereita do encalado da fachada principal temos unha rosa celta de catro follas dentro dun círculo. Os pétalos non están totalmente desenrolados e perdeu un dos pétalos, o superior dereito.



Rosa celta en fachada principal.


Na fachada lateral temos a continuación da fita de cálices. Pero neste caso os cálices están formados por medios círuculos en positivo. Entre os cálices aparecen os círculos. Sobre o encintado esquerdo da xanela que é máis largo, e seguindo a liña de cálices aparece un cáliz máis grande. Supoño que sobre o encintado dereito da xanela habería outro cáliz máis grande, hoxe falta o encalado.


Fachada lateral.

Na parte superior esquerda debaixo dos cálices temos dúas rosas celtas completas de seis follas. Aparecen uns ángulos decorativos na parte dereita. 

Detalle das dúas rosas celtas. 


Sempre é moi agradable visitar Trandeiras polos atractivos que ten. O Mosteiro do Bon Xesús, as fontes, as carballeiras, a vista da antiga Lagoa de Antela e a peculiar arquitectura popular limiá.






venres, 30 de setembro de 2022

PANTALLA DE FINS DOS OITENTA COMEZO DOS NOVENTA. (DO JUANILLO).

Esta Pantalla tamén é da miña compañeira de traballo Mónica Seguín Martínez. Neste caso era a que usaba, pouco, o seu irmao. Foi feita polo Juanillo.

As medidas son en centímetros e a Pantalla sempre é ollada de fronte.



O perímetro da cara é de 30 cm. Da fronte ao queixo ten 20 cm.

A BARBA.

A barba nace dende os cornos e fai unha soa ondulación a cada lado da cara. No queixo ten unha ondulación. A barba é irregular e de fronte deixa ver a diferenza. A barba é de cor negra.

BARBA LADO ESQUERDO.

Ten de longo 6 cm do corno ata a parte máis estreita. A parte máis alta, a que está pegada a orella ten 6,70 cm. A parte máis estreita mide 2,80 cm.

BARBA LADO DEREITO.

O longo do lado dereito  mide 7.50 cm. De alto ata a orella é de 4,30 cm. A parte máis estreita mide 3,20 cm.

BOCA.

A boca é de cor vermella. Sobresae a cor no labio superior. De longa na parte exterior mide 7,10 cm. A abertura máxima é de 1,30 cm. O labio superior ten de ancho 1 cm e o inferior 0,90 cm.

BIGOTE.

O bigote está pintado sobre a máscara en dous trazos. O lado dereito ten 3,90 cm de longo e a parte máis ancha chega a medir 0,75 cm. O lado esquerdo tamén ten 3,90 cm de longo e a parte máis ancha ten 0,70 cm.

COLORETES.

Os colorentes son dous círculos de cor vermella de 1,30 cm de diámetro. A separación entre eles é de 4,60 cm.

O NARIZ.

É o típico nariz triangular. De longa mide 3,30 cm. De alta 2,60 cm e de ancha 0,60 cm.

OLLOS.

O ollo dereito mide de longo 3,90 cm e de alto 3,10 cm. O ancho da parte de arriba e da parte de abaixo miden o mesmo 0,50 cm. Ten na parte de arriba 6 pestanas e na parte de abaixo 5 pestanas.

O ollo esquerdo ten de longo 3,90 cm e de alto 3,10 cm. O ancho da parte de arriba e da parte de abaixo miden o mesmo 0,50 cm. Ten na parte de arriba do ollo 7 pestanas visibles e na parte de abaixo 2 pestanas visibles.

CELLAS.

As cellas son unhas pinceladas máis ou menos regulares. A cella dereita mide de longa 7,20 cm. e de ancho 0,70 cm. A cella esquerda mide 7 cm de longa e 0,60 de ancha.

OS CORNOS OU ORELLAS.





As medidas do corno son:

Dende o trapo que colga da parte traseira da máscara, medido onde remata o corno, ata o punto máis alto da Pantalla a medida é de 31 cm.
O ancho na parte inferior é de 24 cm.
O ancho na parte media dende a punta do corno é de 33 cm.
O pequeno corno sainte que está por riba da cara da Pantalla mide de ancho 7,5 cm. Dende onde dá a volta ata o cumio ten 8,5 cm.

O corno ten polos dous lados o mesmo fondo e os mesmos deseños. O fondo é negro con pintas de cor brancas. Ten unha fita de cor plata. A un centímetro da fita ten un cordón dourado.









No medio do corno ten unha estrela de seis puntas formada por 6 rombos de 4 cm de lado.
Por debaixo da estrela, a dereita, aparece un círculo rosa de 3,10 cm de diámetro. Por riba das estrela ten dous círculos máis. Un dourado de 3,10 cm de diámetro á esquerda e un de cor verde de 3,10 cm de diámetro á dereita. Enchendo a parte dianteira do corno ten un círculo vermello de 3,10 cm de diámetro.



O TRAPO.

O trapo é de cor vermella e na parte inferior remata con forma dentada. Ten oito dentes nos que aparecen 5 cortes irregulares. De longo mide 67 cm e de ancho 56 cm.

O FLOCO.

O floco colócase por baixo da barba e é o típico das colchas. O floco vai cosido á Pantalla. Ten 11,50 cm de longo e a parte cosida á Pantalla é de 3,20 cm.

A Pantalla pesa 640 gramos.


O meu agradecemento á gatiña Catuxa pola axuda.








domingo, 26 de xuño de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN SOLVEIRA. A LIMIA. (REPORTAXE FOTOGRÁFICA).

 

No verán do 2021 fun ata Solveria no Concello de Xinzo de Limia. Varias casas amosan os encalados de cálices que imos coñecendo polos artigos deste blog.

Esta primeira casa que está construída en cachote ten restos dun encintado que é irregular. Está bastante esnacada.

Debaixo do tellado atopamos os encalados en forma de cáliz. Como ata agora o cáliz está formado por un medio círculo e un triángulo. Non aparecen círculos entre os cálices.


Casa de Solveira con encalado.

Debaixo dos cálices temos un encintado horizontal que fai a función de balda. Supoño que o encalado e o encintado percorrerían toda a fachada principal. O tempo xa traballou e falta na xanela.


Pormenor do encalado.


Como ollamos na foto, o cáliz está formado por un medio círculo e un triángulo. Na parte superior o encalado derrámase dentro dos cálices. A verdade é que crea unhas formas moi agradables. No negativo parecen uns cogomelos de pé largo.


Pormenor do encalado.


Esta outra casa é de perpiaño e ao ser as pedras regulares o encintado tamén o é. A casa ten encalado de cálices debaixo do tellado. 


Casa en Solveira.


Pormenor da xanela con encintado e o encalado de cálices. Neste caso non ten a balda de encintado para soportar os cálices.


Xanela con encalado.


O encalado está estragado en partes da fachada. Chega a faltar en moitas ocasións. O cambio de tellado e a colocación do caleiro son unha máis que posible causa da perda.

Pormenor do encalado.


Nesta casa a novidade é que o encalado que se derrama no cáliz ocupa todo o largo da boca do cáliz. O efecto é dunha ondulación ben linda.

Pormenor do encalado que crea un efecto de ondulación.



Esta casa de Solveria presenta unhas diferenzas importantes ao ollado ata agora. O encalado non está debaixo do tellado. A casa ten un longo corredor e o paramento do corredor está encalado na súa totalidade.
O que interesa está debaixo do corredor. 


Casa en Solveira.

A fachada principal ten un engadido que non souberon dicirme para que serve. Esta construcción divide a fachada en dúas partes.  


Parte dereita da fachada principal.


Ollamos na seguinte foto os cálices. Facendo de base temos unha balda de encintado. O encalado superior derrámase no cáliz. 



Pormenor dos cálices da parte dereita.


O máis interesante está na parte esquerda da fachada principal.


Parte esquerda da fachada principal.


Temos a continuación dos encalados de cálices que supoño acupaba toda a fachada principal. Debaixo dos cálices aparece un deseño xeométrico moi interesante.

O deseño ten na parte superior o encintado que serve de base aos cálices. Na parte esqueda ten un encintado groso que supoño chegaría ao chan. Na parte inferior tamén ten unha liña de encintado. Pode que tivese encintado na parte dereita, non se distingue moi ben.

Deseño xeométrico.

O deseño esté inscrito nun cadrado. Centrado na parte interior de cada lado do cadrado temos uns medios círculos en negativo. Non están cheos de cal e só se distingue o contorno. Como os círculos non chegan ao bordo do cadrado, trázanse unhas liñas rectas que completan a figura. O remate é en punta. No centro do cadrado aparece outro círculo en negativo que rodea unha rosa de seis follas en positivo, "a flor da vida" . O conxunto é harmonioso e dunha beleza singular.

Ainda temos outra casa con encalados.

Casa con encalados.

A casa ten o encalado debaixo do tellado só na parte da dereita, onde está a xanela. Destaca tamén o encintado no paramento de cachote. O balcón ten un encintado groso pero non hai máis encintado na parede. É posible que o tellado xunga estas dúas casas.
 
Pormenor da parte da fachada onde están os encalados.


Os cálices teñen unha pequena diferenza aos ollados ata agora nesta aldea. Entre os medios círculos e os triángulos temos uns pequenos círculos que engaden maís beleza ao conxunto. Teñen unha balda de encintado onde descansan os cálices. Na parte superior o encalado que se derrama dentro do cáliz é máis estreito.

Pormenor dos cálices.


A xanela presenta un interese especial. Na parte superior ten o encintado base dos cálices. Está rodeada por un encintado groso xunguido aos encintados elípticos das pedras cercanas.  

Na parte inferior do encintado groso da xanela aparece un encintado de dentes de serra da mesma lonxitude. Despois temos un encintado dobre que alonga o medio círculo que aparece inmediatamente debaixo. Supoñemos que eran seis os medios círculos porque falta un e o da dereita de todo deixase albiscar. Debaixo do conxunto temos un encintado recto onde descansan os medio círculos e que pecha o deseño da xanela.

 


Xanela con encintados e encalados.


Quería rematar falando de dúas casas que chamaron a  miña atención.

A primeira ten un encintado antigo sobre o paramento de cachote. Fíxose un encintado xeométrico, que eu penso posterior, que non coincide coas formas das pedras e que crea unha distorsión na parede.  

Casa con encintado sobreposto.

A outra casa ten o cuñal que ata o primeiro andar é dobre. O encintado faise dobre e remata subindo por cada paramento ata o tellado.

Pormenor do encintado dobre.



A cantidade de casas esborralladas está aumentando moito. Perdemos definitivamente o que durante tantos anos levantou a nosa xente. É TRISTE SER TESTEMUÑA DA DESFEITA. 



Cazado en Solveira por unha amiga da miña filla Uxía.