martes, 24 de agosto de 2021

ENCALADOS E ENCINTADOS EN SEIRÓ, VILAR DE BARRIO.

Quixo a casualidade que nunha visita a Seiró, Concello de Vilar de Barrio, ollase os encalados e encintados da aldea. Era o ano 2016. Volvín estes días de agosto de 2021 para ollar o estado de conservación dos encalados e encintados.

O encalado é unha das manifestacións do arte popular da que máis gosto. Os de Seiró están moi ben. 

Vou falar primeiro dos encintados e encalados desta casa que ao estar nun canellón dá traballo atopala.


Foto do 2021.


Parede parcialemente encintada e encalada. Foto do ano 2016.

A parede perdeu parte do encintado do medio para abaixo. Conserva na parte superior dereita un encintado ben traballado. Predominan as formas máis ou menos circulares que son as típicas de pedras que non está o suficientemente traballadas. Son pedras irregulares e cachotes, como se olla na parte de abaixo que perdeu o encintado.

É no lado esquerdo e por debaixo da xanela onde o artista se luciu máis.


Xanela con encalados. 2016.

Penso que podo dividir o encalado en tres partes.

A parte superior á esquerda.  O encintado é ancho e a parte negativa queda cunha forma redondeada que a min recórdame unha mazá. 

Banda de medios círculos. Aparece debaixo do encintado anterior unha banda de medios círculos. A parte de arriba da banda está formada pola metade de dous círculos e medio.(Parte inferior do círculo). A parte de abaixo ten dous medios círculos. (Parte superior do círculo) Están colocados para que non coincidan as partes anchas dos círculos.

Banda con círculos de menor tamaño. Esta banda en parte pasa por debaixo da xanela. Na parte de arriba da banda ollamos sete círculos e medio. Na parte de abaixo da banda temos as metades de sete círculos e medio (Parte superior do círculo). Esta vez o artista fai coincidir as partes anchas dos círculos. No medio, para completar o espazo, aparecen outros sete círculos de menor tamaño.

Seguramente o encintado e as bandas seguirían cara a esquerda. Parece que ainda quedan restos do encalado. Hoxe está perdido.


CASA QUE FOI TABERNA:

Porta e xanela da casa que foi taberna.

Esta casa ten uns encalados moi lindos. Na fachada da porta e tamén na lateral, debaixo das tellas que sobresaen do tellado, ten un encalado en banda que crea un xogo visual ben interesante co positivo e o negativo.

Encalado positivo, para entendernos o que é de cor branca, está composto por unha fileira de cálices. Entre cáliz e cáliz aparece un círculo. Pode ter un sentido relixioso que nos leva á parte máis importante da Misa que é a conmemoración da morte de Cristo ao consagrar o sangue de Cristo representada no cáliz e do corpo de Cristo representado na hostia que aquí serían os círculos brancos... Ou non. 

O encalado máis próximo ao tellado, que é bastante ancho, fai a intención de derramarse dentro do cáliz. Crea entre cáliz e cáliz, na parte superior, unha medio círculo en negativo.
O cáliz é a peza que aparece máis traballada. A parte do cáliz para conter o líquido son as partes superiores dos medios círculos que xa coñecemos. A base do cáliz está composta por un pequeno círculo e por un triángulo que é o pé do cáliz. 

A parte negativa está formada por un círculo que ten outro círculo no interior e que pola parte de arriba remata en punta. Recórdame as seteiras das ameas dos castelos.

Xanela da taberna.

Detalle da banda á dereita da xanela. O remate integra a forma do cáliz nos encintados anchos da dereita e da esquerda.


Detalle da banda á esqueda da xanela.


Detalle da banda debaixo da xanela que malamente conserva o encalado.

Fachada lateral da taberna con encalado no balcón. Continúa o mesmo patrón de cálices e de círculos.


Casa que en tempos foi taberna fachada con balcón..


Balcón con encalado ano 2016.


O balcón é unha beleza de forxa, que cos encinados e encalados fai un conxunto ben lindo. 2016

Detalle do encalado e encintado da parede do balcón. 2016.




Detalle da banda á esquerda do balcón.


Casa no centro da aldea.

Esta casa conserva o encintado na parte máis alta da parede e o encalado na parte superior da xanela. Segurmente porque é a parte onde non chega a auga da choiva pola protección do tellado. Formalmente o encalado é o que xa vimos na casa que foi taberna: cálices e círculos.

Restos de encintado e encalado na parte superior da xanela.


Detalle do encalado na parte superior da xanela. Os que instalaron o cable deberían pagar en galeras a desfeita.


Como podemos ollar nas fotos os encalados están esnacados polo abandono, pola humidade e pola falta de sensibilidade dos instaladores de cables. Os tellados están cedendo por que non se arranxan e co tempo caerá todo ao chan. Non só se perderán os encalados. A propia construcción desaparecerá. Vemos o fin dunha cultura e o malo é que a cultura que desaparece é a nosa.

Tomás Vega Pato no seu libro Arquitectura Popular Ourensá, clasifica estos encalados dentro dos de "Decoración xeométrica en paramentos verticais". E pon varios exemplos similares con fotos nas seguinte aldeas:

Cortegada, Sarreaus (pax. 366). 
Viladerrei, Trasmiras. Mesmo tema pero con diferenzas na feitura do cáliz e sen o círculo branco.
Trandeiras, Xinzo de Limia, nun caso co cáliz en negativo (pax. 370). 
Solveria, Xinzo de Limia co mesmo tema pero con diferenzas. O cáliz ten o pé máis curto e falta o círculo branco. (pax. 370-371).
Damil, Xinzo de Limia. Recorda o motivo do cáliz pero están feitos con dous círculos (pax. 371).
 

Bibliografía: 

Vega Pato Tomás, Arquitectura Popular Ourensá. Ed. Deputación Provincial de Ourense. 2007.
Vega Pato Tomás, Encalados decorativos no contorno da Lagoa de Antela. Lethes nº 9. 2006.


O meu agradecemento xs veciñxs de Seiró pola amabilidade. 

martes, 3 de agosto de 2021

ACESO AO PRIMEIRO ANDAR NAS CASAS DE XINZO.

Moitas das casas do Barrio de Abaixo de Xinzo de Limia son de dous andares. O andar terreo era onde se gardaban e criaban os animais. O primiero andar era a morada das persoas, onde está o lar e os dormitorios. 

Casa con escaleira interior con dúas portas, unha para a corte e outra para a vivenda.



Ao primeiro andar sóbese polas escaleiras. As escalerias poden estar dentro ou fóra da construción. Vemos as diferenzas. 

Comezamos polas escaleiras interiores. Normalmente arrincan dende a corte dos animais. Son escaleiras de madeira estreitas. Moitas veces cóbrense totalmente con táboas de madeira facendo paredes. Para evitar que non suba ninguén dende a corte, e como non decilo, para evitar os cheiros, pónselle unha porta na parte de arriba. Se se quería reforzar a seguridade púñanse dúas portas, unha na arrancada das escaleiras e outra no cumio.

Unha evolución desta escaleiras de madeira, foi a de separar de construcción a porta da corte da porta do primeiro andar. Son dúas portas independentes dende a rúa ainda que se deixa unha porta interior de acceso dende o portal á corte. Esta escaleira constrúese de pedra e recentemente con novos materiais. 

As escaleiras exteriores presentan diversos modelos. O modelo mais simple é a escaleira directa á porta da vivenda. O acceso é dende o último chanzo no que nos temos que parar para sacar a chave a abrir a porta.

Os tempos forom adaptando as escadas ás novas necesidades e así ollamos como esta escaleira modificouse para aprovietar os espazos deixando, eso si, uns poucos chanzos ao exterior recolocando a porta mais abaixo.




Casa da Praza de Oriente



Podemos ollar que algunhas casas fixeron mais grande o último chanzo para facilitar o acceso. A este chanzo máis grande chamanlle patamal ou patín.

Podemos ver uns exemplos:

Casa con patím ou patamal.

Modificouse a entrada a corte, engadindo muro e unha pequena porta de acceso.


Casa con patín ou patamal e varanda metálica.

Nesta outra casa ollamos como o patín protexe a entrada da corte. Emprégase un canzorro para sustentar as pedras do patin. O espazo debaixo da escada tamén é aproveitado para gardar apeiros. Esta casa pasou de ter escada interior a exterior en algún momento pois pode verse como a escaleira cegou o que parece unha porta ou unha xanela.
Nestes casos as escadas aparecen como un engadido exterior á fachada principal da vivenda.



Albergue de Peregrinos de Xinzo de Limia.


Na reconstrucción da casa para albergue de peregrinos do Camiño de Santiago de Xinzo de Limia pechouse o patin e creouse um novo espazo que fai as veces de recibidor. 
 
Cando se estende o patin crease o corredor. E o corredor ofrece un espazo extra para poñer a secar o cereal como o millo, facer traballos miudos cando o tempo non e bon, poden brincar os rapaces pequenos, falar os namorados, etc.
A escaleirada segue a ser un anexo a fachada principal da casa, no está dentro do volume da casa. Vemos tamén que a escaleira cegou unha porta que agora fai as veces de xanela.


Podemos ollar a escaleira, a porta do corredor e o corredor. A varanda do corredor está fermosamente traballada.

O corredor con máis detalle. Canzorro para soster o corredor e porta da corte modificada. A trave do corredor tamén é de madeira.

A mesma casa nunha foto do outono de 1996.






Esta casa con diversas modificacións mostra a escaleira e o corredor. Parece que as divisións entre parentes acurtou o corredor.

Nesta outra casa o corredor fíxose con novos materiais constructivos. A casa ou casas son un pouco peculiares porque vemos a esquerda parte da escada fazendo de muro e outra escada que daba acceso ás dúas vivendas. Unha delas está esborrallada. Ben, o importante é que se mantivo o modelo de escaleira de corredor.




Podemos ollar como a porta metálica da acceso a dúas escaleiras a dereita e a esquerda.

Foto do outono de 1996 onde ollamos a escaleira que agora está tapada pola porta metálica.



Tamén chega um momento no que se pecha o corredor. Cando esto sucede a escaleira pasa a formar parte do volume da edificación. A escaleira aparece paralela ao muro.









Ten tamén unha xanela á dereita da escaleira. Ollamos que se emprega noutras moradas.

Outro exemplo podemolo ver na casas que sempre coñecín como a casa da Peregrina, que foi a propietaria e que era amiga da miña avoa Julia.





A casas e as escaleiras foro renovadas pero manteñen a distribución de sempre. Escaleira que sobe paralela á parede. Adaptouse a porta para facela máis pequena e colocouse un pasamanos aos lados da escaleira.
As adataptacións posteriores tamén modificaron os espazos para aproveitar unha vivenda que xa non depende do gando e das colleitas. Conservaron unha porta de acceso ao andar terreo.
Tamén vemos a xanela por riba da escaleira.

Os tempos mudaron e as necesidades da xente da vila tamén. Impuxéronse os edificios de vivendas e as casas perderon funcionalidade, nin hai vacas, nin facenda que atender, nin apeios e ferramentas que gardar...
A vila sufriu uns cambios importantes na súa fisionomía que eu penso que o tempo está a demostrar que provoca unha importante perda de identidade dos que somos da vila con tanta mudanza. O noso entorno é moi importante pola identificación e a localización dos espazos. É fundamental para a nosa vida afectiva. Xa o imos pagando, xa... 






.