sábado, 6 de abril de 2024

ENCALADOS NA ANTIGA ESCOLA DE SAN MARTIÑO DOS PEROS, CONCELLO DE BALTAR.

A visita a San Martiño dos Peros, Concello de Baltar, foi no mes de agosto de 2021 para documentar o "Xogo de Os Vintos".

Aparcamos en fronte da Casa do Boi. Un pouco máis arriba, pasada a fonte, está a casa que foi a antiga escola e que rematou sendo vivenda particular. 

Nesta antiga escola é onde están os encalados que aínda perduran.


Encalado con data.

O encalado é unha data. Nun rectángulo cos lados curtos rematados en dous semicírculos aparecen as letras e os número en negativo. Empezando pola esquerda aparecen dúas letras. Primeiro unha "B" en maiúscula seguida do que pode ser unha "J" maiúscula. Poden ser as iniciais do nome do dono da casa. Despois un rombo marcado con liñas sobre o encaldo. Ten buratos nas catro puntas e un no centro. Sigue unha "A" maiúscula que é a inicial de ano. Despois está a data "1932". Á dereita, separada, aparece dentro dun círculo a flor da vida que tantas veces se usa como decoración dende tempos recuados na nosa cultura. 


Encalado circular.


Temos á dereita do encalado con data, un encalado círcular que eu penso que representa o sol. O círculo ten restos de encalado. Ten un burato central. Ao redor do burato temos un círculo marcado cunha liña negra. Marcando un círculo máis grande temos outra liña negra. Sobre esta liña temos o encalado que pecha o círculo e que é o que mellor se conserva. Na parte de arriba aparecen unhas pequenas "V" en negro que poderían ser os raios do sol. Ten resto de policromía vermella na parte superior. Un tubo do desaugadoiro colocado por diante impide a observación con comodidade.

Desboto a posibilidade dun reloxo de sol porque está moi alto e as propias tellas fanlle sombra.

Por último aparece un encalado antropomorfo composto por dúas figuras que teñen entre elas unha planta ou árbore. Usan o encintado de abaixo como chan.


Encalado de Adán e Eva e a árbore do ben e do mal.

Eu penso que son Adán e Eva e a árbore da sabiduria do ben e do mal. As figuras son moi básicas. Están cos brazos abertos. A da esquerda ten o nariz e un ollo que se distinguen perfectamente. A man esquerda, dereita según se mira, ten intención de coller algo. Penso na mazá que podería ser ese pequeno encalado redondo que ten a uns centímetros ao alcance da man. A figura da dereita non ten o rostro definido. O que ten é unhas mans enormes e restos de policromía en vermello en brazos e peito. Normalmente na iconografía relacionado con este tema, a figura da esquerda é o home e da dereita é a muller. No centro teríamos a árbore dentro dunha pía. (Na pía é onde se bautizan con auga bendita aos nenos católicos que precisan purificar este primeiro pecado orixinal). Dende esta pía arrancan dúas pólas cara os lados con dúas follas cada unha. Aparece tamén unha póla central que ramifica tamén en dúas follas que deixan un espacio central que é ocupado por unha cabeza de serpe en vermello. A serpe que incitou á parella a comer da mazá e así segundo as crenzas cristiás comezou o pecado no mundo. Para outros comezou o libre pensamento. 


No retábulo da Igrexa de Laroá temos o desenlace da desobediencia divina. O Anxo San Uriel (Lume/luz de Deus) expulsa a Adán e a Eva do paraíso. 


 Retablo da igrexa de Laroá.

O meu agradecemento á familia de Enesio Fidalgo Nocelo por tratarnos tan ben cada vez que nos invitan a visitar San Martino dos Peros.