sábado, 26 de decembro de 2020

ENCALADOS EN FARAMIÑÁS. PORQUEIRA.

 De paseo co meu can polo río Fírbeda, Porqueira, chegamos a Faramiñás. Xa teño falado desta aldea nun artigo sobre os canastro neste mesmo blog. Gostei do encintado e do encalado da casa da foto.


Casa de Faramiñás.

Cando se facían as casas, o que podía económicamente trataba as pedras cos canteiros que as traballaban e as deixaban regulares. Entón a casa facíase de cantería. Os que podían menos axustaban as casas con pedras máis ou menos traballadas e que non gardaban as mesmas medidas. Por último estaban as casas que se facían aproveitando os cachotes de pedra.  
Tamén dependía moito que houbese pedra nos montes da bisbarra. E que a pedra se deixase traballar. 
Fosen como fosen as casas, as xuntas entre as pedras enchíanse dunha masa de cal, area e lama. O motivo era porque cando chegaba o mal tempo o vento empurraba a auga de choiva polas fendas cara o interior da casa. Ninguén quere ter humidade na casa.  

Se a casa é de cantería o encintado é regular. Pódémolo ollar no seguinte exemplo:

Casa de cantería con encintado en Parada de Ribeira.

 
Se a casa é de pedra irregular ou de cachote o encintado é irregular. Tamén o encintado é máis groso para tapar as irregularidades das xuntas nas pedras que como xa dixemos non son iguais. Cando o cachote é pequeno e difícil de encintar, recúrrese a encalar todo o muro e só se deixa á vista as pedras nas portas e xanelas. (Estas pedras que fan o oco son regulares).

Ademáis teño que decir que os donos das casas teñen unha comenencia estética; queren que a casa quede linda.

No muro da casa de Faramiñás ollamos un encintado irregular porque as pedras son irregulares. 

De cerca. (Todo o que puiden)


O encalado é ben lindo. Vémolo nas duas xanelas. O estado de conservación é bo e mostra o agarimo e a preocupación do propietario para que se vexa en perfecto estado. (Penso que están retocados con pintura. Non puiden achegarme máis e tocar co dedo)


Xanela da esquerda.


A xanela da esquera, comezando por abaixo ten tres pedras moi regulares. A primeira e a segunda pedra, dende abaixo, teñen un encintado ancho a cada lado. Na pedra inferior hai un encalado de media circunferencia centrada e que case chega ata a parte superior da pedra. Dende o máis alto da segunda pedra e na terceira e por toda a xanela arrinca un marco ancho de cinta paralela que rodea os lados e se intúe tamén na pola parte superior. 
O deseño é unha planta con follas que sobe como se fose unha enredadeira,. É a cal, (pintura?) a que fai a figura de planta, incluidas as follas. Quero decir que non é o espazo sen pintar o que crea a figura como veremos na seguinte xanela.

Neste detalle da planta enredadeira vemos as follas. Ata as cortinas teñen como adobío unas flores. 

Detalle da xenela da esquerda.

Na xanela da dereita o encintado comeza pola parte de abaixo da xanela con tres cintas paralelas. Dende a parte inferior da cinta que está máis abaixo, comeza un marco paralelo. Esta vez parece que non circunda a parte superior da xanela.

Na parte inferior e a cada lado da xanela temos dúas flores. Subindo paralela a xanela temos a figura doutra planta. Neste caso o que fai a figura das folla da planta é o espazo que non está encalado. Poderíase facer un símil fotógráfico. É como se na xanela da esquerda a planta estivera positivada e na xanela da dereira estivera en negativo.


Xanela da dereita.

                                 
No lado esquerdo do encalado saen dos laterais cara o centro unhas liñas paralelas que ollan cara arriba e que rematan nunha pequena bóla. O efecto óptico é dunhas follas escuras e anchas.
    

Detalle da xanela da dereita.


No lado dereito parece que se descontrolou un pouco o tamaño e a orde das líñas paralelas.


Detalle da xanela da dereita.


No que se refire ao encintado e na clasificación de Tomás Vega Pato sería: REMIX, unha reserva mixta. Este autor diferencia entre cinta e reserva. A cinta, como xa vimos, é a masa que se mete nas fendas e que vai en liña recta polas formas das pedras. As reservas son encintados máis anchos que queren amosar algo de pedra.

Clasifica o encalado, Tomás Vega Pato, dentro dos engadidos decorativos en encintados e encalados. Son engadidos decorativos de carácter fitomorfo (que ten apariencia de planta).

Ás veces atopamos pequenos tesouros da arte popular que mostran o interese da nosa xente para que as cousas digan lindas.

O normal é que estes tesouros da arte popular se perdan cando a casa esborralla. Con tempo neste blog falarei dalgún caso de desaparición ou case desaparición do que foi un encalado ben interesante. Temos que disfrutar do que vai quedando. Contar coa sensibilidade e orgullo dos propietarios por conservar un sinal identificativo da súa propiedade, como neste caso.  

Bibliografía:

VEGA PATO, Tomás. Arquitectura Popular Ourensá. Pechos de clausura simple e complementos. Encintados, encalados e engadidos decorativos. Deputación Provincial de Ourense. 2007.

LORENZO, Xaquín. A Casa. Editorial Galaxia, S.A. 1982.

*O agradecemento é para o meu can JUNO, (lluno), por este descubrimento. Ás veces a súa curiosidade de can lévanos por camiños inesperados. 


O Juno bebendo no río Fírbeda


luns, 14 de decembro de 2020

OS SONS DA MÁSCARA DO ENTROIDO DE XINZO DE LIMIA. (Reportaxe fotográfica)


Cando se nace nunha localidade na que existe un elemento cultural con tanta potencia como é unha máscara de entroido, está claro que a vida vai xirar en torno a esa circunstancia. 

Foto antiga de nenos de Pantalla no entroido de Xinzo.


Un dos elementos no mundo da máscara que é común e pecular a cada máscara e localidade é o que xera os sons que acompañan o ir e vir da mácara. Un dos xeradores de sons colga da cintura da persoa que leva a máscara. Un cinto que leva chocas ou campás para que co movimento ao andar ou correr produzan o son. En Xinzo de Limia é o cinto de campás e axouxeres. É tan protagonista este son nas nosas vidas que unha vez rematado o entroido está presente varios días máis zumbando nos ouvidos.

Polas fotografías antigas e polos relatos dos máis vellos, sabemos que o cinto era un elemento que non todo o mundo tiña. O cinto aproveitaba as campás das ovellas, chibas e vacas das cortes que por uns días saían a pastar sen elas. O elemento animal tan presente nas máscaras!!!. No cinto das Pantallas de Xinzo, as campás e axouxeres colgan pola parte de diante do corpo. Nas outras máscaras e debido ao tamaño das chocas o normal é que colguen polas costas. En moitas fotos o cinto vai cruzado no peito dos nenos porque os cintos eran dos maiores. Os buratos non daban para apertar unhas cinturas tan estreitas. Non importaba, por uns momentos os nenos podían disfrutar e ir aprendendo a conducta da máscara.

Cinto en movemento cando produce o son.


Imos ver a través das fotos que fixen no ano 2019 o proceso de elavoración dun cinto de campás para pequenxs e ás veces para un adulto. Vou intercalar como se colocan as campás ou unhas pequenas chocas nun cinto dun adulto para que se vexa o proceso. Volverei ao cinto de nenx para o remate final.

O primeiro é escoller a banda de coiro e cortala para que sexa una tira uniforme.




Escollese unha medida e faise o corte ao longo da banda de coiro.




Como o cinto é para nenx, coa metade chega.




Detalle de como queda a banda unha vez cortada pola metade.




Márcanse e córtanse as puntas da banda de coiro para que quede recto.





Agora faiselle unha fenda á banda de coiro case no bordo. Esta fenda serve de guía  para coser unha banda de coiro ao cinto pola parte interior. Axuda a protexer o corpo da persoa que vai coa máscara.


Fenda ao longo da cinta de coiro.

Esta ferramenta fai un burato no coiro para colocar a fibela.





Unha vez feito o burato colócase a fibela.




Córtase un anaco de coiro a medida.




Colócase o anaco de coiro para calcular a lonxitude.




Colócase.




Faise o burato para colocar un remache.



Colócase o remache.



Ata aquí o cinto prepárase sen diferencias cos cintos de uso normal: termar de saias e pantalóns.

Agora imos ver como se prepara un cinto de campás, axouxeres e choquiñas.

Primeiro a ferramenta.



O seguinte paso e dividir no cinto os elementos de son.




Unha vez medido, cun punteiro faise unha marca. Coa ferramenta de facer buratos fanse os buratos ao longo do cinto.



Agora colócase un ferriño doblado para meter no elemento do son e aseguralo no cinto.


As dúas puntas do ferriño métense no burato feito no cinto.


De seguido colócase unha arandela, no caso dos cintos dos adultos. No cinto dxs nenxs colócase un anaco de coiro. Dóbranse as dúas puntas do ferro cara abaixo e métense por debaixo da arandela quedando así as puntas cara o coiro. Evita que se crave na persoa que leva a máscara.


Unha vez colocadas as campás compróbase que quedan á distancia que se quere.




Para protexer o corpo da persoa que leva a máscara colócase unha banda de coiro máis branda que ten que ter a medida do cinto. Esta banda ten a lonxitude da parte onde colgan as campás.


O seguinte paso é encolar a banda de coiro ao cinto. Dáselle cola á banda e ao cinto.


Cinto encolado.


Para que o encolado sexa rápido e forte a banda quéntase na grella.




Con xeitiño vanse colando os dous coiros.




E finalmente queda todo perfectamente axustado.



No cinto dos adultos esta cinta de coiro ademáis de pegada vai cosida para que non se descole. O cinto tamén queda máis lindo.

Si clicades nesta ligazón poderedes ver brevemente como se cose coa máquina:




E nesta outroa ligazón poderedes escoitar como soan os cintos das Pantallas na Praza de Oriente de Xinzo de Limia. O día é o martes de entroido do ano 2020:



Quero agradecer a amabilidade e a paciencia dos propietarios de "O Zapateiro-Multiservicios" de Xinzo de Limia por invitarme a ver e fotografiar o proceso de elevoración dun cinto. Esta repotaxe fotografica fíxose en datas próximas ao entroido. O traballo no obradoiro era moito e esta circunstancia deume a oportunidade de ollar como se preparan un cinto para nenxs e para adultos.




sábado, 5 de decembro de 2020

O MILLO SEN CANASTROS NA LIMIA.

 O millo é unha planta que chegou de América para axudar a matar a fame dos nosos avós que eran comedores de castañas.  Á península chegou o millo en dúas arcas que o gobernador e capitán xeral da Florida Don Gonzalo Méndez de Cancio trouxo das Américas cando retornou a súa terra, Asturias, no 1603. 

Na Galiza, o primeiro millo parece que se sementou ao norte de Lugo. A muller de Don Gonzalo Méndez de Cancio era galega de Mondoñedo. Dende alí esparexeuse pouco a pouco polo país.

Millo rei ou espiga reina.

Na Limia temos unhas terras que se chaman A TERRA DO MILLO.  Están no Concello de Porqueira. Calquera que visite as aldeas deste concello verá que inzan os canastros. Son un indicativo que a producción de millo era importante. 

Volvemos encontrar canastros en  Folgoso e Cortegada no Concello de Sarreaus. No Concello de Rairiz de Veiga e no de Vilar de Barrio temos bos e lindos canastros.

No resto da Limia o millo sementábase para que o gando o consumira en verde. Collíase a parte máis alta da planta que tamén é a máis verde e branda. A falta do cultivo de millo é pola dificultade para que madure o cereal; a baixa temperatura e a alta humidade non favorecen este proceso de secado.

En lugares como Xinzo, as mazarocas enrastrábanse e pendurábanse dos balcóns ao sol e ao vento para que madurase o froito. De feito unha das teorías que existen sobre a aparición dos canastros é a de que co tempo se cubriu o balcón cun tellado para que a choiva non mollase as mazarocas. Despois pechouse o balcón cunhas paredes para protexer aínda máis o gran. O seguinte paso foi separar da vivenda este balcón pechado con paredes e tellado.  

Podemos ver nestas dúas fotos de Xinzo de Limia como se penduraban as rastras de millo dos balcóns das vivendas. 

  

Balcón con ristras de millo en Xinzo.

Puñanse as rastras de mazarocas pola mañá e recolleríanse pola noite. Nas fotografías vese que a roupa que teñen postas as persoas que saen nas fotos é roupa de abrigo polo que o proceso de secado era longo no tempo.


Balcón con ristras de millo en Xinzo.

Neste outro caso, a foto é en Congostro, Rairiz de Veiga, sacada no ano 1996, podemos ver como o millo colga enrastrado das traves dun alpendre. Comparte espazo cun carro, caixas, leña, etc. O importante é que o ar entra e sae secando o millo. Non se dificulta que entren os paxaros e os ratos a comer o cereal. Tendo en conta que en Congostro hai unha cantidade importante de canastros, pódese pensar nunha colleita residual. 



Coa chegada do millo reinventouse unha pequena edificación que servía para gardar os cereais. Podemos ollar como era esa edificación por unha miniatura que aparece nas Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio, (século XIII, catro séculos antes que se sementara o primeiro millo na Galiza) que é un horreo, canastro, cacipo... que é como son nomeados na Limia. 


Miniatura da Cantiga nº 187 do Rei Alfonso X o Sabio.

Os monxes están agradecedo a Virxe María que aparecesen cheos os canastros que estaban baleiros,.

"Como huos monges non avían que comer e rogaron Sancta Maria que os acorresse. Como os monges s'acharon outro dia os orrios cheos de muy boo trigo"


Millo no canastro.

Agora as paredes non son pechadas, están abertas para que entre o ar pero non tan abertas como para que podan os paxaros comer o gran. Esta construcción fíxose exclusiva para almacenar e curar o gran do millo e inzou por toda Galiza.


Millo no canastro.

E creouse toda unha tradición ao redor do millo. Sobre todo no momento da esfolla, que é cando se lle tira a cobertura á mazaroca e quedan os grans ao ar. Na esfolla os mozos e mozas apuraban en espir as mazarocas porque o que atopaba unha espiga reina (unha mazaroca morada como a da primeira foto deste artigo que me regalaron en A Forxa) o mozo ou a moza berraba: "reinei" e acadaba o dereito a bicar e dar apertas a esgalla. Moitas e moitos tentaban fuxir e comezaba a festa; aparecían as pendeiretas e os pandeiros, latas, tambores e cun pouco de sorte unha gaita... e a cantar e bailar.

  

Millo no canastro.


Ribas Quintas, E., Millo e hórreo. Legumia e cestos. Edicións Laiovento, S. L. 1996.

De Llano, P., Arquitectura Popular en Galicia. C.O.A.G. 1983.

Lorenzo, X., A Casa. Editorial Galaxia, S.A. 1982.


Im memoriam do que foi o meu xefe, mestre, compañeiro e amigo Amador Conde da Academia Castelao, na que traballei varios anos. Amador e Esperanza, a súa dona, déronme unha oportunidade nos tempos difíciles. Non o esquezo nunca.                                         
 "Sit tibi terra levis"