luns, 14 de xuño de 2021

DO CASO QUE LLE ACONTECEU Á MÁSCARA DE XINZO DE LIMIA.

Vicente Risco escribiu “Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros” un conto onde o prodixioso e as ciencias ocultas levan ao protagonista a vivir unha extraordinaria aventura.

O propio Vicente Risco deixounos un enigma asociado á máscara de Xinzo de Limia. Vou intentar descifralo ou polo menos vou deixalos datos para quen queira tire as conclusións que estime oportunas. Modestamente, achego o que penso como veciño de Xinzo que disfrutou o que puido da Pantalla.

O caso xurde cando visito o sábado 27 de marzo de 2021 a exposición "Os nosos entroidos" que organiza Francisco González en Ourense, con grande éxito por certo. Dende o principio Francisco González ofreceuse a amosarnos a exposición a miña filla Uxia e a min. O percorrido durou unha hora e media e falamos moito do interesante mundo do entroido. Un dos comentarios que nos fixo Francisco foi: "Non te ofendas, pero a Pantalla era para xente pobre". E ollando as fotos que se conservan, a verdade é que a maioría das persoas, nomeadamente os nenos, visten roupas da casa e nas casas nese momento non había moitas cousas. Foron tempos moi difíciles. E caramba, todos temos dereito a divertirnos, digo eu.

No percorrido da exposición paramos un momento diante da Pantalla. MIÑA MADRIÑA!, non podía sacalos ollos da lámina que penduraba da parede detrás da máscara. A lámina é a seguinte:


Fundación Vicente Risco.

 

Carantoña e gorro dos cigarróns.

Hainos en Ginzo con unha vexiga e péganlle ô que pasa 

Entre 2 collen a calquera polas pernas, lévano â taberna e tenlles que pagar viño

Poden bater ôs demais, mais a iles non lles poden bater. Insúltanos.

 

Que???. Que está a pasar???. Como que "hainos en Ginzo"??? 

Francisco González díxome que a lámina era un préstamo da Fundación Vicente Risco. 

Cando chegamos a casa, comezo a busca. Primeiro na Revista Nós da que Vicente Risco foi director e na que escribiu moitos artigos. 

No número 35 da revista Nós do ano 1926, firmado por VR (Vicente Risco) aparecen dous artigos no "Archivo filolóxico e etnográfico de Galiza" O primeiro fala da Santa Cruz de Laza e o segundo fala dos Cigarróns. Di textualmente cando fala dos Cigarróns: 

" Os cigarrons "

“De Laza ven tamén o costume dos cigarróns, que s'estenden a Verín, e derradeiramente, tamén a Ginzo”.

No terceiro parágrafo di:

“O cigarrón ten dereito a bater coa vexiga a todol-os que pasan e ninguén lle pode bater a íl, faga o que faga. En troques, a xente anda atrás d'il aldraxandoo. Ás vegadas, xúntanse dous cigarróns, collen a calquera pol-as pernas, e lévano â taberna, e o interesado tenlles que pagar viño. Percorren moitas aldeias, e chegan nas suas escursiós deica os Milagros "

Existe una acuarela da man de Vicente Risco onde representa uns cigarróns:

Fundación Vicente Risco.


Sigo buscando nos traballos de Risco. Voume a impresionante e imprescindible “ETNOGRAFÍA” que no capítulo de “As Idades da Vida. Festas do Ano” volve ao mesmo argumento cando fala dos Cigarróns. Está na páxina 567.

Dinos que a tradición pon aos Cigarróns en Laza e que percorrían longas distancias ata chegar a Castela. Remata o parágrafo: "Hoxe non soen saír de Galicia nin case da provincia; en troques,  hainos en Verín, Xinzo e outras vilas".

No seguínte parágrafo fala da actitude do Cigarrón que é a comentada de bater co mallo ou vexiga e que entre dous collen a un home e que o levan á taberna onde ten que pagalo viño.

Julio Caro Baroja no seu libro El Carnaval, cita para o entroido na Galiza a Vicente Risco nun artigo publicado na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares: "Apuntes sobre el Carnaval en Galicia" do ano 1948. Tamén cita a  Fermín Bouza-Brey en "Máscaras Gallegas de origen prehistórico" en Homenagem a Martins Sarmento, Guimaraes do ano 1933. 

E que nos di Julio Caro Baroja dos Cigarróns?. Pois que son típicos de Verín, do Val de Monterrei e de "Xinzo de Limia

Segue dicindo que os cigarróns levan un pao cunha vexiga de porco atada. E repite o de que entre dous collen a alguén e que o levan á forza a unha taberna para que pague o viño. Que se poden insultar e que son perseguidos por unha piollada de rapaces

Pero Risco fala na súa ETNOGRAFÍA doutra máscara que protagonizaba o entroido de Xinzo. Eran as Damas e galáns. Cóntanos que era moi común que estas máscaras levaran roupa branca e cintos con chocas. Di textualmente na páxina 570: "con camisetas e calzóns de punto, campaíñas e un vergallo de boi na man, en Xinzo de Limia"

É hora de visitala Fundación Vicente Risco que está en Allariz. Quedo citado co seu Vicepresidente, Antonio Blanco, que me recibe amablemente e que me facilita o camiño para conseguila documentación que pode achegarme á resolución do enigima da máscara de Xinzo.

Aos poucos días recibo, entre outras, esta nota que gardaba Risco dun tal Ángel Ramos de Xinzo de Limia, datada polos principios del siglo XX e que literalmente di:

"os omes con una camiseta yun calzoncillo de punto yoña faixa encarnada; con us collares de campanillas; yun bergallo de boy con una vesiga de porco atado na punta - yas mulleres vestidas de mulleres yalgunas dome; con roupas ben vellas para que causen ben risa ".

Quiero engadir aquí que en Xinzo algúns saben ou intúen que a Pantalla foi un invento dunha persoa. Fálase dunha maleta perdida nalgún faiado onde se garda o primeiro deseño da máscara. Parece que este home quería para Xinzo unha máscara distinta e propia de Xinzo

Volvo a Francisco González que también nos comentou que a Pantalla era un invento moderno e que non tiña nada de que avergoñarme. 

Ben, despois de darlle unhas cantas voltas cheguei ao seguinte:

A MÁSCARA DE XINZO NON TIÑA NOME E RISCO CHAMOUNA POLO XENÉRICO CIGARRÓN.

Pode ser que a Pantalla non tivera nome e que os informantes de Risco ou o propio Risco escolleran o nome xenérico da máscara cercana de Verín. 

NON EXISTIA UNHA MÁSCARA EN XINZO DE LIMIA.

Pode ser que en Xinzo non existise unha máscara de entroido?. Os veciños decidiron vestir a máscara máis coñecida, cercana e extendida: o Cigarrón. Entón para deter a expansión desta máscara na vila do Limia, algún veciño con coñecementos decide crear ou recrear unha máscara distinta.

Comenta Federico Cocho no seu libro O carnaval en Galicia, páxinas 192 e 193, que os maís recelosos pensan que a Pantalla foi inventada a comezos do século XX por un ilustrado local.

Dende logo se foi así, este home tivo un éxito absoluto. Só temos que ollar o inzamento de Pantallas que na actualidade enchen as rúas de Xinzo de Limia. Debería ter recoñecemento público.

CONVIVIRON DÚAS MÁSCARAS EN XINZO? 

Cigarrón

Sería moi importante porque pon a Xinzo na influencia dunha das máscaras máis emblemáticas da provincia de Ourense e máis alá. Máscara que mantén unhas características en cada localidade. En Xinzo como vimos tiña unhas actitudes definitorias comúns a outras zonas entroideiras como o que collían as persoas para que lle pagaran o viño e que levaban unha vexiga de porco. Actitudes que perduran agora noutra máscara, a Pantalla.

Madamita e galán

As máscaras brancas son moi comúns na Galiza e tiñan en contraposición unha máscara "negra", mal vestida con farrapos e pelicas. A descripción que nos dá Ángel Ramos de Xinzo de Limia é moi importante porque introduce a faixa vermella e o cinto de campaniñas. Sigue aparecendo a vexiga que continuará na Pantalla actual e nomea o vergallo. 

O NACEMENTO DUNHA NOVA MÁSCARA?

Pantalla

Aproveita a vestimenta do Galán cunha carauta deseñada por unha persoa concreta?. (Ese cartón do corno ... material moderno) A nova máscara recolle do Cigarrón o comportamento. Ahora leva a vexiga na man, non leva o mallo pero si que levaba o vergallo. Perdeuse o vergallo? Quen se fixe nalgunhas Pantallas, nomeadamente nos Villarino, verá que levan un vergallo colgando do pulso. Polo tanto existe unha lembranza de que as mácaras levaban vergallo. Falan de que era para axotar aos cans que asustados e violentos perseguían ás Pantallas. Ou sería que se usaba para espantar á rapacillada ou aos adultos nunha reminiscencia de que o cigarrón era insultado e perseguido? Ademais collen aos homes para que conviden a tomar un viño. 

Que nos di ademais Risco do que fai un Cigarrón na súa ETNOGRAFÍA?.  Pois dinos que non fala, que camiña a brincos, chouta e baila. Comportamento ben claro dunha Pantalla onde o de saber bailar ou non a Pantalla define ao que leva a máscara como unha boa ou mala Pantalla.

QUE SIGNIFICA ESE: "derradeiramente, tamén en Xinzo"?

(Recordo o comentario da Revista NÓS: “De Laza ven tamén o costume dos cigarróns, que s'estenden a Verín, e derradeiramente, tamén a Ginzo”).

Chegaban os Cigarróns dende outras localidades?

Pode ser que os Cigarrón chegasen dende Sarreaus?. Falan que en Freixo e Freande aínda se conservan traxes antigos de Cigarróns. Naquela altura os de Laza viñan alugar os traxes a estas localidades. 

Durante os años 90 do século pasado era normal ver Cigarróns da zona de Sarreaus no desfile do martes de entroido de Xinzo. Este costume dos Cigarrones de Freixo o Freande seguen una tradición de achegarse até Xinzo para troulear no entroido? E se foi así, dende cando levan practicando este costume?


Peliqueros de Sarreaus.


Ou foron os Zarramoncalleiros de Cualedro os que viñan até Xinzo? Os deseños das mitras teñen elementos vexetais, como antigamente en Laza, e un elemento central como ten a lámina custodiada pola Fundación Vicente Risco.


Zarramoncalleiro de Cualedro.

*Na entrada á exposicion "Os nosos entroidos" teñen unha máscara de finais do século XIX  ou principios do XX de Espiño, Oimbra que ten un dibuxo cunha lúa central que é parello ao da lámina.




Temos unha foto máis recente (Rizo) onde ollamos tres máscaras xuntas: Cigarróns, Pantallas e Capuchóns. Podemos decir que as tres son as máscaras de Xinzo? 

É de destacar na foto a convivencia normal de Cigarróns e Pantallas, algo que agora é impensable. Durante moitos anos crearon en nós un rencor contra os nosos veciños, sobre todo con Verín, que non ten ningunha razón de ser. 


Foto de Xinzo de Limia onde ollamos un Cigarrón a esquerda, duas Pantallas a carón do Cigarrón e dous Capuchóns.


E as Pantallas de Xinzo, que opinarán deste datos que pouco se coñecen ou que se ocultaron?
O entroido está moi presente nas nosas vidas e a Pantalla é un elemento fundamental, até marca as idades das nosas vidas. Eu fun e son Pantalla. Non se deixa de ser nunca porque as sensacións que trasmite esta máscara son únicas. Si á forza que dá a máscara lle engadimos esa oportunidade de ser outra entidade, de deixar a individualidade. Se lle sumamos o viño, na súa xusta medida, que sirve de apócema para desinhibir os sentidos e facer de elo coa outra dimensión. Pois todo iso xunto fai que te sintas como Deus, nunca mellor dito, sínteste un Deus.


Pantalla de Xinzo de Limia.

Penso que non son un bo detective e que como o protagonista do conto de Risco, o Dr. Alveiros, quedo ben amolado. Eu non puiden aclarar o enigma. Ademais apareceron outros enigmas que tal vez non teñan solución. Unha maleta que agora é un tesouro perdido nun faiado. Convivencia de varias máscaras no entroido de Xinzo. Máscaras que chegan de visita ao entroido de Xinzo. Posible inexistencia dunha máscara orixinaria. En fin... 

O ENIGMA CONTINÚA.


O meu agradecemento á Fundación Vicente Risco pola atención e pola amabilidade. (Á que ultimamente non estou moi afeito). Obrigado por permitirme usar os seus fondos no artigo do blog. Obrigadisimo ao Vicepresidente Antonio Blanco. Obrigadisimo ao Secretario Xosé Rodríguez e obrigadisimo a Arquiveira Carmen Blanco. Foron moi considerados con este amante das tradicións galegas en xeral e das tradicións da Limia en particular. O meu sincero reconoñecemento polo seu bo facer e ao seu profundo compromiso coa Galiza.

Obrigadisimo a Francisco González pola exposición, pola atención que nos mostrou e por encirrar a miña curiosidade cara un tema tan interesante para un veciño de Xinzo.

Bibliografía:

Ares Pérez, Carlos X. Festividades de inverno na Provincia de Ourense. Máscaras, personaxes e rituais. Ed. Dr. Alveiros, un selo da Fundación Vicente Risco. 2019. 
Caro Baroja, Julio. El Carnaval. Alianza Editorial. 2006. Páxinas 409-410.
Cocho, Federico. O carnaval en Galicia. Ed. Xerais de Galicia, S.A. 1990.
Dasairas Xerardo. O entroido en Terras de Monterrei. Edicións do Cumio, S.A. 1990.
Risco, Vicente. Obras completas 3.Etnografía. Editorial Galaxia.1994.
Revista NÓS.
Prieto Alonso, Domingos. As origens trácias do cigarrón.2012.