sábado, 26 de diciembre de 2020

ENCALADOS EN FARAMIÑÁS. PORQUEIRA.

 De paseo co meu can polo río Fírbeda, Porqueira, chegamos a Faramiñás. Xa teño falado desta aldea nun artigo sobre os canastro neste mesmo blog. Gostei do encintado e do encalado da casa da foto.


Casa de Faramiñás.

Cando se facían as casas, o que podía económicamente trataba as pedras cos canteiros que as traballaban e as deixaban regulares. Entón a casa facíase de cantería. Os que podían menos axustaban as casas con pedras máis ou menos traballadas e que non gardaban as mesmas medidas. Por último estaban as casas que se facían aproveitando os cachotes de pedra.  
Tamén dependía moito que houbese pedra nos montes da bisbarra. E que a pedra se deixase traballar. 
Fosen como fosen as casas, as xuntas entre as pedras enchíanse dunha masa de cal, area e lama. O motivo era porque cando chegaba o mal tempo o vento empurraba a auga de choiva polas fendas cara o interior da casa. Ninguén quere ter humidade na casa.  

Se a casa é de cantería o encintado é regular. Pódémolo ollar no seguinte exemplo:

Casa de cantería con encintado en Parada de Ribeira.

 
Se a casa é de pedra irregular ou de cachote o encintado é irregular. Tamén o encintado é máis groso para tapar as irregularidades das xuntas nas pedras que como xa dixemos non son iguais. Cando o cachote é pequeno e difícil de encintar, recúrrese a encalar todo o muro e só se deixa á vista as pedras nas portas e xanelas. (Estas pedras que fan o oco son regulares).

Ademáis teño que decir que os donos das casas teñen unha comenencia estética; queren que a casa quede linda.

No muro da casa de Faramiñás ollamos un encintado irregular porque as pedras son irregulares. 

De cerca. (Todo o que puiden)


O encalado é ben lindo. Vémolo nas duas xanelas. O estado de conservación é bo e mostra o agarimo e a preocupación do propietario para que se vexa en perfecto estado. (Penso que están retocados con pintura. Non puiden achegarme máis e tocar co dedo)


Xanela da esquerda.


A xanela da esquera, comezando por abaixo ten tres pedras moi regulares. A primeira e a segunda pedra, dende abaixo, teñen un encintado ancho a cada lado. Na pedra inferior hai un encalado de media circunferencia centrada e que case chega ata a parte superior da pedra. Dende o máis alto da segunda pedra e na terceira e por toda a xanela arrinca un marco ancho de cinta paralela que rodea os lados e se intúe tamén na pola parte superior. 
O deseño é unha planta con follas que sobe como se fose unha enredadeira,. É a cal, (pintura?) a que fai a figura de planta, incluidas as follas. Quero decir que non é o espazo sen pintar o que crea a figura como veremos na seguinte xanela.

Neste detalle da planta enredadeira vemos as follas. Ata as cortinas teñen como adobío unas flores. 

Detalle da xenela da esquerda.

Na xanela da dereita o encintado comeza pola parte de abaixo da xanela con tres cintas paralelas. Dende a parte inferior da cinta que está máis abaixo, comeza un marco paralelo. Esta vez parece que non circunda a parte superior da xanela.

Na parte inferior e a cada lado da xanela temos dúas flores. Subindo paralela a xanela temos a figura doutra planta. Neste caso o que fai a figura das folla da planta é o espazo que non está encalado. Poderíase facer un símil fotógráfico. É como se na xanela da esquerda a planta estivera positivada e na xanela da dereira estivera en negativo.


Xanela da dereita.

                                 
No lado esquerdo do encalado saen dos laterais cara o centro unhas liñas paralelas que ollan cara arriba e que rematan nunha pequena bóla. O efecto óptico é dunhas follas escuras e anchas.
    

Detalle da xanela da dereita.


No lado dereito parece que se descontrolou un pouco o tamaño e a orde das líñas paralelas.


Detalle da xanela da dereita.


No que se refire ao encintado e na clasificación de Tomás Vega Pato sería: REMIX, unha reserva mixta. Este autor diferencia entre cinta e reserva. A cinta, como xa vimos, é a masa que se mete nas fendas e que vai en liña recta polas formas das pedras. As reservas son encintados máis anchos que queren amosar algo de pedra.

Clasifica o encalado, Tomás Vega Pato, dentro dos engadidos decorativos en encintados e encalados. Son engadidos decorativos de carácter fitomorfo (que ten apariencia de planta).

Ás veces atopamos pequenos tesouros da arte popular que mostran o interese da nosa xente para que as cousas digan lindas.

O normal é que estes tesouros da arte popular se perdan cando a casa esborralla. Con tempo neste blog falarei dalgún caso de desaparición ou case desaparición do que foi un encalado ben interesante. Temos que disfrutar do que vai quedando. Contar coa sensibilidade e orgullo dos propietarios por conservar un sinal identificativo da súa propiedade, como neste caso.  

Bibliografía:

VEGA PATO, Tomás. Arquitectura Popular Ourensá. Pechos de clausura simple e complementos. Encintados, encalados e engadidos decorativos. Deputación Provincial de Ourense. 2007.

LORENZO, Xaquín. A Casa. Editorial Galaxia, S.A. 1982.

*O agradecemento é para o meu can JUNO, (lluno), por este descubrimento. Ás veces a súa curiosidade de can lévanos por camiños inesperados. 


O Juno bebendo no río Fírbeda