domingo, 22 de marzo de 2020

O PETO DE ÁNIMAS DE XINZO DE LIMIA.





O patrimonio material de Xinzo de Limia foi desaparecendo pouco a pouco da vila. A falsa idea de que todo o que sexa tradicional, ou que veña da cultura popular é un atraso fixo moito dano. Tamén teño que decir que os políticos que mandaron na vila foron persoas que viñeron de fóra e que non coñecian ou non quixeron coñecer/recoñecer a cultura máis tradicional que tiñan os que vivían no Barrio de Abaixo.(Zona da vila onde se vivía como en calquera aldea da Galiza, así a súa subsistencia dependía da terra, do gando, dos oficios populares, das tabernas, etc).

Un dos elementos patrimoniais que desapareceu foi o Peto de Ánimas. Un peto é unha pequena construcción relixiosa na que os veciños ofrecen unha esmola en forma de moeda, flores, mazarocas de millo, pan, feixes de herba, etc., para que as almas que están no purgatorio, entancia temporal na que as almas están purgando os pecados antes de entrar no ceo, acorten a estancia coa axuda das esmolas. A verdade é que a esmola é interesada porque a persoa que a ofrece pensa que cando lle toque estar a ela no purgatorio conta con que outras persoas fagan o mesmo. Tamén se pedía sorte para unha viaxe, para conseguir un amor, para gañar cartos na feira, etc

Nunha foto publicada no Facebook, pudemos ver como era o Peto de Ánimas que estaba na actual Rúa do Peto, que aínda conserva o nome do elemento patrimonial.

Estivo nese emplazamento polo menos ata finais dos anos cincuenta, que foi cando se construíron as Casas Baratas, Grupo Sta Mariña, que se ven ao fondo á dereita.


Foto dende o campanario da Igrexa Vella de Xinzo de Limia.

Estaba ao norte da Casa Rectoral que é o edificio que se olla en primer plano á dereita e que corta a imaxe en perperdicular.

Nesta ampliación podemos ver con máis detalle o Peto de Ánimas.


Peto de Ánimas.

A foto do Peto que ollamos foi sacada dende o campanario da Igrexa Vella de Xinzo de Limia.
A foto é distante pero podemos afirmar que o peto é moi semellante ao que está en Ponte Liñares, (A Feira Nova). Vexamos unha foto do Peto de Ponte Liñares:

Peto de Ponte Liñares.
A miña mai tíñame falado da localización do Peto e recorda que tiña unha virxe ou un santo de pedra. Despois dubidou e xa me falou dun de madeira. O que si recorda é que os nenos e as nenas levaban flores que deixaban no Peto. Tamén recorda que había veces que os rapaces e as rapazas falaban sentados no fornelo. (É o espazo que ocupa o santo/a ou a Virxe no Peto e que na foto se ve no centro do Peto máis escura).

As imaxes que estaban no fornelo eran moi parecidas a esta que aparece no retablo da Igrexa de Laróa. Un santo/a, a Virxe, Anxos, etc intentando agarrar ás ánimas e tiralas das lapas do lume purificador. Entre os pecadores moitas veces aparecen relixiosos e relixiosas que tampouco se libran dos pecados do mundo.

Detalle de parte do retablo da Igrexa de Laroá.

O Peto estaría clasificado, según Ángel Cerrato, entre os Petos esmoleiros: por debaixo da figura ou do pequeno retablo facíase un burato na pedra para que collera un caixón de madeira ou simplemente unha tapa de madeira cun burato para as moedas. Para evitar os roubos tiña un cadeado.

Pola súa forma este autor clasifica o Peto entre os anchos dun só corpo. Petos con pedra de cantería ancha. O de Xinzo tiña un fornelo grande. O remate superior tiña un saínte pero non se aprecia se ten cruces ou pináculos.

O Peto pola localización, clasificaríase entre os que están ao carón das igrexas. Este ademáis estaba na influenza do Camiño de Santiago. Moitos Petos estaban en camiños; colocalos por onde pasa a xente coa función de axudar no comezo dunha viaxe, previa a ofrenda da esmola.

Cando se perde un elemento patrimonial deste tipo, a comunidade perde un referente importante. Todo o que significaba desapareceu. Cando pasan un par de xeracións moitas veces nin o recordo queda. Eu este Peto non o recordo, a miña irmá que me leva catro anos sí.

Así é como a modernidade mal entendida rompe o elo que nos une aos nosos antepasados e fai que se perdan os significados das singularidades.

Como sempre quero dar as grazas aos meus pais por ser uns pacientes informantes.

Bibliografía:

Cerrato Álvarez, Ángel. O mundo dos cruceiros, cruces e petos de ánimas na bisbarra da Limia. Editorial AGCE, S.L.