sábado, 29 de febreiro de 2020

A AUGA EN AS PEGAS






As Pegas. Concello de Sandiás.


A auga é un ben escaso que debemos saber usar para que chegue para todos os seres vivos. Temos o dereito de acceder a este ben tan necesario e tamén temos a obriga de que as nosas actividades non a contaminen, nin que se malgaste!!!. Esto que comento era coñecido polos nosos avós, que ademais de para uso doméstico, necesitaban a auga para regar os eidos e as hortas. Era unha sociedade campesiña de mantenza.

Gostaríame comentar como solucionaban o abastecemento de auga en As Pegas, na Limia de Sandiás.
En As Pegas pasa un pequeno regato que nace no monte de S. Bieito e naquela altura morría na Lagoa de Antela. Hoxe morre nas leiras. No verán o regato seca, ainda que polos comentarios dos veciños, houbo algún inverno no que a auga baixaba con tanta forza que inundou os eidos. Como anécdota comentar que a forza da auga arrancou as táboas do cortello que se olla na foto, daquelas de madeira, e levou aos porcos. O dono tivo que rescatalos coa auga ata o pescozo.

Canle do Regato de As Pegas e cortello que se inundou en tempos.
Os veciños de As Pegas fixeron pozos para solucionar a escaseza de auga.

OS POZOS.

Pozo circular. Este tipo de pozo está tanto nas casas como nos eidos. Para sacar a auga usábanse os caldeiros, de cinz (naquela altura). O máis simple era atar unha corda ao aro do caldeiro que se metía no pozo. Unha vez que está na tona da auga hai que dar un golpe lateral forte na corda para que o caldeiro se tumbe e entre a auga. Unha vez cheo súbese coa forza dos brazos.

Para facilitar o de subir o caldeiro cheo de auga úsase a roldana.

Roldana de As Pegas


Roldanas hai varios modelos, máis decorativos ou menos, pero o que me interesa é a funcionalidade. A que vemos na foto é unha roldana de traballo. Tres ferros que apoian na boca do pozo e que fan ángulo na punta máis ou menos no centro da boca do pozo. Da punta colga a roldana que é unha roda acanalada pola que pasa unha corda que se ata ao caldeiro. Baixase o caldeiro soltando corda e que xire a roldana. Temos que facer que o caldeiro se tumbe co golpe do pulso. Cando o caldeiro está cheo de auga tiramos da corda nunha posición moito máis cómoda e fácil que cando tiramos da corda directamente.

Detalle da roldana


Para regar os eidos os nosos maiores tiñan un artiluxio que se chama CAMBÓN ou BIMBASTRO.

Cambón As Pegas..
Este primiero xa non existe. As fotos son do ano 1998, a de cor é unha diapositiva e as de branco e negro son dun carrete en branco e negro da mesma data. Estaba nunha horta na entrada oeste da aldea máis ou menos nas coordenadas X603785  Y4663591.

O cambón o que fai é empregar o sistema de palanca para levantar os pesos coa forza dos brazos. Nalgunhas ocasións ata os brazos dos nenos, que axudaban no que podían.
O cambón está dividido en tres partes. Unha rama grosa que ten a punta en forma de galla. Esta rama está espetada no chan e é a que soporta todo o peso do aparello. Outra rama máis longa que se fai pasar polo medio da galla da rama espetada no chan . Esta segunda rama era a que facía o movento de bambán. Para que pudera facer o bambán, esta rama estaba atravesada por unha peza de ferro, neste caso outras veces é de madeira, que á súa vez atravesaba cada unha das gallas do parte fixa.

Ferro que atravesa as gallas e a rama movíble.
A rama movíblel nun dos extremo tiña un peso, normalmente unha pedra que pesaba a metade do peso do caldeiro cheo de auga. Esta pedra amarrabase cunha corda ou con aramios. Neste caso a pedra metíase nun caldeiro vello. Esta pedra facía de contrapeso.

Punta do Cambón.

A terceria parte do artiluxio é unha rama máis fina na que está colgando o caldeiro. Vai amarrado primeiro cun aramio a unha cadea, que a súa vez está amarrado a outros aramios e cordas que finalmente van atados a unha cana de madeira que é a que soporta o caldeiro. A rama ao ser ríxida obriga ao caldeiro a entrar na auga sin a necesidade do golpe de corda para tumbar o caldeiro co que conseguimos moita rapidez. Comentan os veciños que o traballo do cambón era rápido e contínuo.

Cambón As Pegas.


Cando se quería regar, unha persoa facia a forza levantando a parte de atrás, a parte onde está a pedra, co que a parte de adiante baixaba e con ela o caldeiro cara o pozo. Unha vez cheo o caldeiro de auga, facíase forza para que subira a parte de adiante, caldeiro incluído, claro. Outra persoa estaba para coller o caldeiro e baleiralo nun rego directamente que repartía a auga pola horta. Tamén se podía encher un tanque para ter auga e regar máis tarde.

Cambón As Pegas.



Cambón As Pegas.
Nunha recente visista para recompilar información para outro artigo, atopei outro cambón en pé.

Está nas seguintes coordenadas X 604092 Y 4663504 e está con todos os elementos en moi bon estado. Só o caldeiro, de plastico, está roto. Cun de cinc campaba moito máis.

Cambón As Pegas.
No xeral é similar ao descrito anteriormente. Ten no pao que aguanta a rama que sube e baixa uns buratos para cambiar o ferro que atravesa as dúas ramas para adaptar todo o inxenio á profundidade cambiante da auga do pozo.

Buratos para cambiar a altura do inxenio.


Detalle da ferro que atravesa as gallas e a rama movible

Conserva as pedras do contrapeso que estaban amarradas cun aramio a un ferro que atravesa a rama movible.

Pedras do contrapeso.


Tamén ten un pilón para almacenar a auga e regar noutro momento ou para guiar a auga cando se quere regar. Vese que ten un caño metálico para valeirar a auga.

Pilón ao carón do pozo e do cambón.

Este pilón ten a peculariedade de que ten unha pedra para lavar a roupa.

Pedra de lavar do pilón.

Os veciños recordan que había máis cambóns na aldea e que pouco a pouco foron desaparecendo.


Pozo de pedra. Este pozo é para uso doméstico e está ubicado perto da cociña da casa. Nesta aldea localicei tres. Un deles está esborrallado. (Foi o propio dono que ao final dos seus días non era ben). O dono mesmo atribuíalle poderes sanadores, sobre todo para os dores de tripa. Os outros dous están en perfecto uso. Ata nas datas máis duras do verán teñen auga.



Pozo de As Pegas esborrallado.

Detalle do pozo. Escaleiras de acceso.


O segundo pozo esté dentro do patio da casa. Esté en perfecto estado e uso. A fábrica é toda de pedra e ten a coberta de pedra tamén. Case non sobresae do nivel do chao do patio.

Entrada do pozo con cuberta de pedra.
A baixada ata a auga faise cunhas escalerias tamén de pedra. A peculariedade é que coa escuridade e coa auga tan cristalina non se olla o nivel da auga e é facil mollar o pe.

Baixada ata o fondo do pozo.


Para descansar un pouco do peso das olas, este pozo ten un espazo onde se podían pousar.


Espazo para pousar as olas.


A casa do Benito ten un pozo que está sobre o nivel do chan. É unha pequena construcción de pedra cunhas escaleiras para chegar ata a auga e cuberto cun telladiño, si se pode chamar así, de pedra que está inclinado mantendo o desnivel das escaleiras. Ten unha porta de táboas que evita que entren animáis (ou persoas sen o permiso do dono).

Pozo sobre o nivel do chan.
No momento de sacar as fotos o pozo estaba a ser empregado para regar a horta. Vese que ten no fondo auga e tamén se ve o tubo de extracción. Tendo en conta que a visita foi a mediados de agosto de 2019 chama a atención que ainda tivera auga.

No fondo do pozo ainda vemos auga.


Vimos como nunha aldea como As Pegas, cunha lagoa moi perto, solucionaron o problema da agua facendo pozos para distintos usos e tamén empregaron diferentes sistemas para a extracción da auga.

Agora que as aguas da Limia están contaminadas, que se lle perdeu o respeto que sempre se lle tivo, necesitamos botar unha ollada ao que fixeron os nosos avós e recuperar a salubridade e o pracer de beber en calquera fonte ou pozo sen poñer en risco a nosa saúde.


Bibliografía:
A Casa. Xaquín Lorenzo. Ed.Galaxia. 1982.

Quero agradecerlle ao meu pai, Pepe Macía, os seus coñecementos sobre este e outros temas. (Na súa terra, Feces de Abaixo, chamábanlle Balde ao Cambón)
Tamén agradezo aos veciños de As Pegas, Benito e Pablo a compañía que me fixeron no percorrido da aldea.