sábado, 29 de febreiro de 2020

A AUGA EN AS PEGAS






As Pegas. Concello de Sandiás.


A auga é un ben escaso que debemos saber usar para que chegue para todos os seres vivos. Temos o dereito de acceder a este ben tan necesario e tamén temos a obriga de que as nosas actividades non a contaminen, nin que se malgaste!!!. Esto que comento era coñecido polos nosos avós, que ademais de para uso doméstico, necesitaban a auga para regar os eidos e as hortas. Era unha sociedade campesiña de mantenza.

Gostaríame comentar como solucionaban o abastecemento de auga en As Pegas, na Limia de Sandiás.
En As Pegas pasa un pequeno regato que nace no monte de S. Bieito e naquela altura morría na Lagoa de Antela. Hoxe morre nas leiras. No verán o regato seca, ainda que polos comentarios dos veciños, houbo algún inverno no que a auga baixaba con tanta forza que inundou os eidos. Como anécdota comentar que a forza da auga arrancou as táboas do cortello que se olla na foto, daquelas de madeira, e levou aos porcos. O dono tivo que rescatalos coa auga ata o pescozo.

Canle do Regato de As Pegas e cortello que se inundou en tempos.
Os veciños de As Pegas fixeron pozos para solucionar a escaseza de auga.

OS POZOS.

Pozo circular. Este tipo de pozo está tanto nas casas como nos eidos. Para sacar a auga usábanse os caldeiros, de cinz (naquela altura). O máis simple era atar unha corda ao aro do caldeiro que se metía no pozo. Unha vez que está na tona da auga hai que dar un golpe lateral forte na corda para que o caldeiro se tumbe e entre a auga. Unha vez cheo súbese coa forza dos brazos.

Para facilitar o de subir o caldeiro cheo de auga úsase a roldana.

Roldana de As Pegas


Roldanas hai varios modelos, máis decorativos ou menos, pero o que me interesa é a funcionalidade. A que vemos na foto é unha roldana de traballo. Tres ferros que apoian na boca do pozo e que fan ángulo na punta máis ou menos no centro da boca do pozo. Da punta colga a roldana que é unha roda acanalada pola que pasa unha corda que se ata ao caldeiro. Baixase o caldeiro soltando corda e que xire a roldana. Temos que facer que o caldeiro se tumbe co golpe do pulso. Cando o caldeiro está cheo de auga tiramos da corda nunha posición moito máis cómoda e fácil que cando tiramos da corda directamente.

Detalle da roldana


Para regar os eidos os nosos maiores tiñan un artiluxio que se chama CAMBÓN ou BIMBASTRO.

Cambón As Pegas..
Este primiero xa non existe. As fotos son do ano 1998, a de cor é unha diapositiva e as de branco e negro son dun carrete en branco e negro da mesma data. Estaba nunha horta na entrada oeste da aldea máis ou menos nas coordenadas X603785  Y4663591.

O cambón o que fai é empregar o sistema de palanca para levantar os pesos coa forza dos brazos. Nalgunhas ocasións ata os brazos dos nenos, que axudaban no que podían.
O cambón está dividido en tres partes. Unha rama grosa que ten a punta en forma de galla. Esta rama está espetada no chan e é a que soporta todo o peso do aparello. Outra rama máis longa que se fai pasar polo medio da galla da rama espetada no chan . Esta segunda rama era a que facía o movento de bambán. Para que pudera facer o bambán, esta rama estaba atravesada por unha peza de ferro, neste caso outras veces é de madeira, que á súa vez atravesaba cada unha das gallas do parte fixa.

Ferro que atravesa as gallas e a rama movíble.
A rama movíblel nun dos extremo tiña un peso, normalmente unha pedra que pesaba a metade do peso do caldeiro cheo de auga. Esta pedra amarrabase cunha corda ou con aramios. Neste caso a pedra metíase nun caldeiro vello. Esta pedra facía de contrapeso.

Punta do Cambón.

A terceria parte do artiluxio é unha rama máis fina na que está colgando o caldeiro. Vai amarrado primeiro cun aramio a unha cadea, que a súa vez está amarrado a outros aramios e cordas que finalmente van atados a unha cana de madeira que é a que soporta o caldeiro. A rama ao ser ríxida obriga ao caldeiro a entrar na auga sin a necesidade do golpe de corda para tumbar o caldeiro co que conseguimos moita rapidez. Comentan os veciños que o traballo do cambón era rápido e contínuo.

Cambón As Pegas.


Cando se quería regar, unha persoa facia a forza levantando a parte de atrás, a parte onde está a pedra, co que a parte de adiante baixaba e con ela o caldeiro cara o pozo. Unha vez cheo o caldeiro de auga, facíase forza para que subira a parte de adiante, caldeiro incluído, claro. Outra persoa estaba para coller o caldeiro e baleiralo nun rego directamente que repartía a auga pola horta. Tamén se podía encher un tanque para ter auga e regar máis tarde.

Cambón As Pegas.



Cambón As Pegas.
Nunha recente visista para recompilar información para outro artigo, atopei outro cambón en pé.

Está nas seguintes coordenadas X 604092 Y 4663504 e está con todos os elementos en moi bon estado. Só o caldeiro, de plastico, está roto. Cun de cinc campaba moito máis.

Cambón As Pegas.
No xeral é similar ao descrito anteriormente. Ten no pao que aguanta a rama que sube e baixa uns buratos para cambiar o ferro que atravesa as dúas ramas para adaptar todo o inxenio á profundidade cambiante da auga do pozo.

Buratos para cambiar a altura do inxenio.


Detalle da ferro que atravesa as gallas e a rama movible

Conserva as pedras do contrapeso que estaban amarradas cun aramio a un ferro que atravesa a rama movible.

Pedras do contrapeso.


Tamén ten un pilón para almacenar a auga e regar noutro momento ou para guiar a auga cando se quere regar. Vese que ten un caño metálico para valeirar a auga.

Pilón ao carón do pozo e do cambón.

Este pilón ten a peculariedade de que ten unha pedra para lavar a roupa.

Pedra de lavar do pilón.

Os veciños recordan que había máis cambóns na aldea e que pouco a pouco foron desaparecendo.


Pozo de pedra. Este pozo é para uso doméstico e está ubicado perto da cociña da casa. Nesta aldea localicei tres. Un deles está esborrallado. (Foi o propio dono que ao final dos seus días non era ben). O dono mesmo atribuíalle poderes sanadores, sobre todo para os dores de tripa. Os outros dous están en perfecto uso. Ata nas datas máis duras do verán teñen auga.



Pozo de As Pegas esborrallado.

Detalle do pozo. Escaleiras de acceso.


O segundo pozo esté dentro do patio da casa. Esté en perfecto estado e uso. A fábrica é toda de pedra e ten a coberta de pedra tamén. Case non sobresae do nivel do chao do patio.

Entrada do pozo con cuberta de pedra.
A baixada ata a auga faise cunhas escalerias tamén de pedra. A peculariedade é que coa escuridade e coa auga tan cristalina non se olla o nivel da auga e é facil mollar o pe.

Baixada ata o fondo do pozo.


Para descansar un pouco do peso das olas, este pozo ten un espazo onde se podían pousar.


Espazo para pousar as olas.


A casa do Benito ten un pozo que está sobre o nivel do chan. É unha pequena construcción de pedra cunhas escaleiras para chegar ata a auga e cuberto cun telladiño, si se pode chamar así, de pedra que está inclinado mantendo o desnivel das escaleiras. Ten unha porta de táboas que evita que entren animáis (ou persoas sen o permiso do dono).

Pozo sobre o nivel do chan.
No momento de sacar as fotos o pozo estaba a ser empregado para regar a horta. Vese que ten no fondo auga e tamén se ve o tubo de extracción. Tendo en conta que a visita foi a mediados de agosto de 2019 chama a atención que ainda tivera auga.

No fondo do pozo ainda vemos auga.


Vimos como nunha aldea como As Pegas, cunha lagoa moi perto, solucionaron o problema da agua facendo pozos para distintos usos e tamén empregaron diferentes sistemas para a extracción da auga.

Agora que as aguas da Limia están contaminadas, que se lle perdeu o respeto que sempre se lle tivo, necesitamos botar unha ollada ao que fixeron os nosos avós e recuperar a salubridade e o pracer de beber en calquera fonte ou pozo sen poñer en risco a nosa saúde.


Bibliografía:
A Casa. Xaquín Lorenzo. Ed.Galaxia. 1982.

Quero agradecerlle ao meu pai, Pepe Macía, os seus coñecementos sobre este e outros temas. (Na súa terra, Feces de Abaixo, chamábanlle Balde ao Cambón)
Tamén agradezo aos veciños de As Pegas, Benito e Pablo a compañía que me fixeron no percorrido da aldea.

martes, 18 de febreiro de 2020

COLABORACIÓN NA REVISTA SOBRE O ENTROIDO DE O SIL 2020.


Levo tres anos colaborando con O SIL na revista monográfica do Entroido.

A primeira foi non ano 2018 na que fun entrevistado. No ano 2019 publiquei o primeiro artigo. Este ano publico o artigo que coloco a continuación.


Gracias a María por contar un ano máis coa miña colaboración.

Para ampliar o coñecemento sobre o entroido é moi recomendable a publicación de O SIL:

ENTROIDO EN GALICIA. Onde ir, que ver.

E remato como remato o artigo de O SIL:

Viva o entroido e vémonos polas terras onde o entroido resiste.

venres, 24 de xaneiro de 2020

A PALLEIRA DOS DIZ



Despois de falar da Tulla como un elemento constructivo, que forma parte da casa, quería falar dunha contrucción adxectiva que na Limia tiña moita utilidade: a Palleira. 

Como o nome indica servía para gardar a palla da colleita de cereal do ano. Pero non só para iso. Como veremos nos planos, que tan amablemente fai para min o meu amigo Manuel Diz, a Palleira era un espazo que contribuía a mantenza da familia coa cría do gando e da facenda.

Falarei de varios modelos de palleiras que se atopan na Limia, Nesta achega quero falar desta palleira en concreto.

Esta Palleira é unha mostra dunha construcción que pertenceu a unha familia dedicada totalmente a agricultura e con colleitas importantes. Está no Barrio de Abaixo de Xinzo de Limia e está feita en cantería en seco con algo de cachote. Ten unhas boas escaleiras e a fábrica é moi boa para ser unha construcción adxectiva. Anos despois foi utilizada como vivenda. A fachada principal está orientada cara o norte.

Foto da palleira:

A Palleira do Diz na actualidade.

Polo plano da fachada, vemos que ao subir as escaleiras damos a un pequeno corredor que apoiaba nas escaleiras e nun canzorro. O corredor ten unha varanda que non chega ata a ventá. Esa ventá ten unha misión específica. Por ela metíase a palla dende o carro ao segundo andar e deixábase almacenada na barrela. 
O tellado é a dúas augas e alongábase un pouco cara as escaleiras e cubre tamén parte da porta de acceso.


Fachada da Palleira do Diz.


A distribución da parte terrea demostra que o espazo estaba totalmente aproveitado. No espazo por diante da fachada facíase a malla, (si que existían airas comunais pero era moi común que se fixera a malla por barrios que aproveitaban unha praza ou unha zona da rúa que fose máis ancha. Tamén podía ser que cada quen fixera a súa malla. Neste caso a malla facíase neste espazo). Antes da malla traíanse os mollos dende a leria. Facíase a meda e agardábase polo día máis axeitado para facer a malla. Unha vez rematada, a palla metíase na palleira.
Tamén era o espazo para facer a matanza do porco que como vemos criábanse na planta terrea da palleira.
Era tamén onde podía estar o carro cando os traballos do campo así o esixía.


Planta terrea

Debaixo da escaleira había un espazo pechado onde se gardaban os apeiros para traballar a horta, os empregados na matanza e os arreos de cabalos e bestas.

Xa dentro da palleira o espazo estaba dividido para ter aos animáis de traballo e de alimentación.
Na parte central estaba o cabalo ou a vaca. Á dereita gardábanse as ovellas e seguramente algunha chiba.
O cortello dos porcos cara o fondo á esquerda. A facenda menuda tiñan pequenas construccións contra a fachada posterior. Escolleron esta localización porque esta fachada está orientada cara o sur, a máis solleira.
O espacio sobrante que queda ao carón da palleira usábase para poñer a horta: verzas, pementos, tomates, cebolas, allos, etc que tanto axudan na alimentación da familia.


Segundo andar

O segundo andar estaba adicado ao almacenaxe da palla. Como vimos cando falei da tulla neste mesmo blog, a palla era aprovitada para moitas cousas: alimento, cama para os animáis, na martanza para chamuscar o porco, fachóns, xergóns, etc.
Vese como o corredor seguía ata a parede lindante pero non a varanda para facilitar a carga da palla dende o carro.

A Limia foi sempre terra de centeo e en Xinzo as edificacións estaban preparadas para almacenar as colleitas. O gran en tullas que forman parte das casas. A palla nas palleiras. Neste caso unha palleira de dous andares que aproveitaba o espazo para criar e gardar os animáis necesarios para o traballo e alimentación da familia.


Como sempre moi agradecido a Manuel Diz polos planos.
A Maria Isabel Calleja, miña nai, polo información.

domingo, 8 de decembro de 2019

OS ELEMENTOS DE PECHE DAS PORTAS DE A FORXA. PORQUEIRA.




Casas de A Forxa.




En A Forxa, Concello de Porqueira, aínda se conservan casas tradicionais. O peor é que moitas están abandonadas e algunhas xa están esborralladas. O problema comeza cando entra auga polo tellado, podrece a madeira do tellado, podrece despois os pisos de madeira ata que os muros non aguantan e ven todo ao chan. Mentres os netos ou bisnetos dos que fixeron as casas, na diáspora, non teñen idea de voltar a terra e non teñen interés por recuperar o "capital" dos antepasados. Para o que quere comprar unha destas casas, sempre é caro, e arranxar a escritura de compraventa moitas veces unha odisea do quince: varios herdeiros (moitos no extranxeiro), firmar poderes, notario, rexistro, taxas...

O acceso á casa facíase moitas veces pola porta da corte do gando no andar terreo. Por esta porta ten que entrar e sair o carro, co que as dimensións están adecuadas ao volumen do carro. Cando é esta a única porta de acceso á vivenda, a escaleira ao segundo andar está no interior. Noutros casos xa se ve a escaleira exterior que remata nun balcón ou nun corredor onde está a porta pola que se accede ao segundo andar. Por suposto na planta terrea tamén teñen a porta da corte.

As portas das cortes son de dúas follas e para que estean pechadas emprégase un sistema  moi simple pero efectivo: os "pechos". Normalmente o pecho é de madeira cun pasador (este pasador é o que a xente chama pecho e que lle dá nome ao conxunto). Despois destes primeiros pechos os sistemas de cerramento fóronse complicando para impedir a entrada ou saída da corte. Porque os pechos basicamente son para manter a porta pechada para que non saia a facenda da corte (vacas, ovellas, chivas...), para que non entren animais e persoas non desexadas, para que o vento non abra as portas e que o frío, a auga, a neve ou a saraiva entre na casa.

 A Forxa.

O pecho simple de madeira é o que máis confianza facía na veciñanza. Logo os tempos trouxeron a desconfianza, e a guerra o medo. Os pechos reforzáronse con pezas de metal, trancas, etc. Finalmente os pechos fixéronse de ferro e engadironse ferrollos, chaves, cadeados...

Os pechos de madeira nesta localidade pódense clasificar en:

Grupo A: Pecho de amarre superior ao pasador.

Grupo B: Pechos con asa. (Polo espazo onde se mete a man para gurrar da porta).

Grupo B-1. Co pasador por riba da asa para meter a man.
Grupo B-2. Co pasador por debaixo da asa para meter a man.

GRUPO A: PECHOS CON AMARRE SUPERIOR AO PASADOR.

Este pecho ten un saínte na parte superior que se usa para amarrar cunha man e gurrar cara un cando se quere pechar. Cando as dúas follas están á mesma altura métese o pasador polo burato e queda pechada a porta. Tamén se usa cando se abre a porta unha vez que se libera do pasador. Para esta acción tamén chega con gurrar coa man en calquera parte da folla.

O pecho da foto está nunha porta que mide 210 cm de alta e 155 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 150 cm e ata a trave hai 30 cm.

O pecho mide 30 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5 cm de fondo. O pasador mide 31 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo. O pasador é totalmente plano e non ten os saíntres que impide que caia ao chan si se empurra con forza. O punto do pecho máis separado da parte de arriba son 10 cm. O pecho está na folla esquerda da porta da corte. A porta tamén ten unha pechadura con chave.



Pecho con amarre superior.

Este outro pecho ten un aspecto máis antigo e por iso quixen falar del. Tamén porque o pecho está en uso na actualidade. O José garda as ovellas e as chibas nesta corte.

Pecho con amarre superior.

O pecho está nunha porta que mide 195 cm de alta e 169 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 105 cm e ata a trave hai 57 cm.
O pecho mide 33 cm de alto, 7 cm de ancho e 7 cm de fondo. O pasador mide 18 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo.
Como se olla na foto o pasador si que ten saíntes. A separación da parte de arriba para meter os dedos é menor que no pecho antetior, é só de 3 cm.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.



Grupo B-1. CO PASADOR POR RIBA DA ASA PARA METER A MAN.

Pecho con pasador por riba da asa para meter a man.

Esta pecho está na porta da corte dunha casa dun só andar. Ao seu carón ten unha porta de man para a entrada das persoas.
Como se olla, o pecho ten una asa para meter a man. O pasador está pola parte de arriba da asa.
O pecho está nunha porta que mide 196 cm de alta e 170 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 110 cm e ata a trave hai 53,50cm.
O pecho mide 32,50cm de alto, 4 cm de ancho e 3,5cm de fondo. Está separado 6 cm da porta.
O pasador mide 16 cm de longo, 4,50 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
Un informante casual que pasaba por alí cando estaba medindo, díxome que no interior tiña unha tranca para asegurar a porta.

Grupo B-2. CO PASADOR POR DEBAIXO DA ASA PARA METER A MAN.

O pecho está na porta da corte e tanto a porta como o pecho estén en moi mal estado. O pecho está remendado con cintas de ferro para que aguante. Tamén a porta ten ferros para asegurar as madeiras. Como se olla na foto ten unha cadea con cadeado para pechar a porta.

Pecho con pasador por debaixo da asa para meter a man.
O pecho está nunha porta que mide 219 cm de alta e 192 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 117 cm e ata a trave 68cm.
O pecho mide 34 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5cm de fondo. Está separado e 4 cm da porta.
O pasador mide 13,5 cm de longo, 4 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
No interior a porta ten unha tranca e como xa comentei unha cadea cun cadeado.

Hai máis pechos nas portas das cortes de A Forxa pero non varían nas formas que comento máis arriba. Si que mudan en tamaño e en estado de conservación.

Aos veciños de A Forxa que levan con paciencia as miñas preguntas e deixan que fedelle nas súas propiedades. Obrigadinho.

mércores, 20 de novembro de 2019

OS CANCELÓNS.



Na visita que fixen o 17 de agosto de 2019 a As Pegas, concello de Sandiás, chamoume a atención que nalgunhas das porta das cortes, no andar terreo, tiñan outra porta diante dunha das follas: O CANCELÓN. Este cancelón chega aproximadamente ata a metade da altura da porta e en moitos casos ten o fondo suficiente como para apoiar os cóbados.

Tiña visto na Limia que unha folla da porta é dobre, permitindo que a corte se ventile sen que salgan os animais do interior e que non entren outros animais ou persoas que poden facer dano. Consíguese simplemente abrindo a parte superior da folla dobre.

En As Pegas as portas principais son enteiras e a función de ventilación faina ese cancelón que ten a maiores, cando unha das follas da porta está aberta, claro. Con esta solución evítase que unha das follas da porta estea dividida en dous, perdendo robustez. Este cancelón consigue darlle máis consistencia ao conxunto se se quere arrumbar.

Escollín oito cancelóns en diferentes partes da aldea, penso que poden dar idea dos diversos modelos.


Cancelón en porta nº 1.


O primeiro está localizado na estrada que percorre a aldea de Oeste a Este. A xeolocalización é:
X 603955 e Y4663550.

A porta mide 270 cm de alta e 260 cm de ancha.
O cancelón mide 128 cm de alto, 130cm de ancho e 16,50 cm de fondo.

Cando ten fondo o cancelón é como un caixón de madeira con bisagras.
Para pechar o cancelón úsase normalmente un pasador metálico simple que engancha nunha alcaiata.
Non necesita moito máis porque o que impide realmente o acceso á corte son as portas, e como vimos estas son enteiras.

Pasador para pechar o cancelón nº 1.

O segundo cancelón está nun canellón orientado cara o norte. Podemos topar cerca deste outros dous cancelóns a maoiores.

Os propietarios da vivenda dos cancelóns dous e tres son as mesmas persoas. Teño que decir que tiveron a sensibilidade de arranxar e manter as portas de madeira e non as mudaron por outras de aluminio co que manteñen esta peculariedade para que a podamos disfrutar todos os que gostamos da cultura popular.

Dentro do interese por conservar a porta, ademáis de darlle unha man de pintura, engadíronlle na parte de abaixo da folla esquerda da porta e no cancelón unha folla de latón para que a auga da choiva non as esnaque.

Cancelón en porta nº 2


A xeolocalización é X 603964 e Y 4663554.

A porta mide 210 cm de alta e 223 cm de ancha.
O cancelón mide 107 cm de alto, 113 cm de ancho e 13 cm de fondo.

O pecho deste cancelón é ainda máis simple que o anterior.

Detalle de pecho no cancelón nº 2

Podemos ver neste detalle que o cancelón é un caixón con dúas bisagras.


Interior do Cancelón nº 2

Vese na parte interior do cancelón que está reforzado na parte de abaixo cunha táboa máis ancha para facelo máis consistente.

O cancelón nº 3 é moi similar ao número dous. Está na casa contigua a do cancelón nº 2. Seguramente o constructor das vivendas fose o mesmo co que o carpinteiro tamén.

A xeolocalización é X 603965 e Y 4663559.

A porta mide 226 cm de alta e 208 cm de ancha.
O cancelón mide 109 cm de alto, 104 cm de ancho e 9 cm de fondo.

Vemos que ten na parte de abaixo da porta e do cancelón o mesmo sistema de protección con latón.


Cancelón en porta nº 3.

Nesta foto podemos ver que o cancelón tamén servia para que o propietario da vivenda socializase cos veciños xa que podía apoiarse e manter unha conversa tranquilamente.

Propietario apoiado no Cancelón nº3 mentres falamos.

Na seguinte foto podemos ver o detalle da táboa da parte de arriba do cancelón e dunhas das bisagras, o cancelón ten dúas, que soportan o peso e permiten o movemento de abrir e pechar.

Detalle de parte superior e da bisagra no cancelón nº 3

O cancelón número catro, como se pode ver na fotografía, está colocado "dado a volta". Se nos fixamos na pedra inferior da dereita podemos ver os buratos onde estaba amarrado orixinariamente o cancelón. Agora ten as bisagras nun listón da folla esqueda da porta. Este listón clavado á porta é o que sostén o peso e pernite abrir e pechar o cancelón e dar acceso á porta e á corte. Queda libera a entrada da folla da dereita. 

Cancelón reutilizado en porta nº4.

O  pecho tradicional de madeira está loxicamente na porta dereita que é a que abre e pecha. Ten un pasador tamén de madeira.

Detalle de pecho tradicional da porta nº4


A xeolocalización é X 603974 e Y 4663569.

A porta mide 218 cm de alta e 209 cm de ancha.
O cancelón mide 114 cm de alto, 106 cm de ancho e 4 cm de fondo.

O canelón número cinco muda cos anteriores en que non ten fondo. Son unhas táboas colocadas diante da porta. O estado é malo, non así a porta que presenta pintura recente. O propietario seguro que prefire o cambio ao arranxo. Está claro que a perda da funcionalidade da porta permite o amoeramento de material variado.

A xeolocalización é X 603974 e Y 4663567.

A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 130 cm de alto, 110 cm de ancho e 3 cm de fondo.

Porta e cancelón nº5

Quixen tomar as medidas da bisagra dun dos cancelón e fíxeno neste. A bisagra mide 24 cm de longa, 4 cm de ancha e 0,5 cm de grosa. Ten tres buratos para espetar os cravos na madeira.

Detalle da bisagra do cancelón nº 5.

O cancelón número seis está nunha rúa que dende o medio da aldea xira cara o sul. A porta é nova pero o propietario quixo que mantivese os elementos constructivos que leva ollando toda a vida e que considera como propios.

A xeolocalización é X 604027 e Y 4663528.

A porta mide 234 cm de alta e 216 cm de ancha.
O cancelón mide 100 cm de alto, 114 cm de ancho e 6 cm de fondo.

Cancelón nº 6.

No detalle da fotografía podemos ollar que o sistema de peche é o tradicional. E xa se nota o paso do tempo e do uso na madeira que ten os suco da peza metálica.

Pecho do cancelón nº 6

O cancelón número sete está nun canellón que discurre cara o sur-este. É un pequeno barrio con aira e pozo. Por este canellón deixa a aldea o regato que en tempos desaugaba na Lagoa de Antela.

A xeolocalización é X 604068 e Y 4663511.

A porta mide 220 cm de alta e 204 cm de ancha.
O cancelón mide 126 cm de alto, 106 cm de ancho e 8,50 cm de fondo.

Cancelón nº 7

Destaca que o cancelón está na folla esquerda. Todos os vistos ata agora estában na folla dereita.
A feitura é similar aos outros. As bisagras tamén son diferentes ao ter catro buratos para as puntas.

O pecho do cancelón, como se pode ver, tamén é similar aos outros.

Detalle do pecho do cancelón nº 7.

Vemos con máis detalle a bisagra e o amarre na parede do gancho da bisagra do cancelón.

Detalle de bisagra e amarre á parede do cancelón nº 7.

E por último o cancelón número oito. Está no mesmo canellón que o número sete. A casa era dun carpinteiro e o cancelón foi renovado polo carpinteiro antes de morrer. O vello ainda está na leñeira para arder algún día ou apodrecer co tempo.

A xeolocalización é X 604085 e Y 4663548.

A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 111 cm de alto, 101 cm de ancho e 2 cm de fondo.
O vello cancelón mide 103 cm de alto, 96 cm de anchoe 5 cm de fondo.

Novo cancelón nº8.

Como o cancelón anterior está colocado na folla da esquerda. As bisagras parecen ser as mesmas do antigo pero adaptadas. Na bisagra de abaixo, o gancho da pedra aparece reforzado con cemento.

Poño un resumo das medidas de portas e cancelóns:

PORTAS
ALTA ANCHA FONDO
Nº 1 270 260 20,5
Nº 2 210 223 22
Nº 3 226 208 16
Nº 4 218 209 21
Nº 5 225 212 21
Nº 6 234 216 21
Nº 7 220 204 20
Nº 8 174 175 22
MEDIA 222,125 213,375 20,4375
CANCELÓN
ALTO ANCHO FONDO
Nº 1 128 130 16,5
Nº 2 107 112 13
Nº 3 109 104 9
Nº 4 114 106 4
Nº 5 130 110 3
Nº 6 100 114 6
Nº 7 126 106 8,5
Nº 8  111 101 2
MEDIA 115,625 110,375 7,75

Estas medidas en moitos casos pode que non sexan as orixinais. Os propietarios foron adaptando as portas ás modificacións dos camiños, rúas e entradas.

Non todas as portas das cortes de As Pegas teñen cancelón. Pero este elemento constructivo demostra unha utilidade que foi empregado polos moradores desta aldea.

Exemplo de porta sen cancelón.
Outro exemplo de porta sen cancelón.



Quero agradecer a Pablo, o meu afillado, a axuda nas medidas e a compañía nesa tarde de verán que pasamos xuntos. E ao seu pai que tamén nos acompañou.
Aos veciños de As Pegas que me mostraron as portas e cancelóns.