luns, 25 de decembro de 2023

O REPARTO DA BURRA. ENTROIDO DE GUDES. XINZO DE LIMIA.

Este "O REPARTO DA BURRA" do entroido de Gudes chegou ás miñas mans a través de Daniel López dos "Ferreiros de Parada" 

Non teño información da data en que foi escrito. Pero é o testemuño de que existiu entroido en Gudes.

No testamento vaise repartir entre os veciños da aldea unha burra que acaba de morrer. Cada veciño, que é nomeado, leva unha parte da burra que dependendo do caracter ou da actitude durante o ano será apetecible ou aborrecible. No testamento son os veciños, ás veces, os que piden a parte da burra que queren. O último cuarteto exculpa a quen fixo o testamento, fórmula moi empregada, e no que se pide perdón polas molestias. Neste caso a culpa é do alcalde, outra burla.

Dou mostras de que o entroido na Limia era e é unha festividade importante na que os veciños participaban e participan activamente. 



O REPARTO DA BURRA.

Vouvos decir unha cousa
que vos a de facer rir
morreulle a burra o Lelo
indo cara o o Mouril. 

E il a culpa non a tuvo
que a tuvo a súa señora
facelo ir o muiño
estando tan ruin hora.

Morreulle a burra o Lelo
ises días na nevada
e a burra non morría
se estivera ben coidada.

O Enrique do Caveiro
el non merece perdón
quitoulle o coiro a burra
nas touzas de Carrión.

E o Felipe vello dixo:
"mirai ben o que facedes
quitádeslle o coiro a burra
unhas coplas merecedes".

Tamén a señora Carmen
pronto foi onda o seu fillo:
"Vaille quitar o coiro a burra
que o quero para un abrigo,

E eino facer enteirizo
para que o vexa toda a xente
e digan desta maneira:
aí vai a muller do presidente"

O Felipe da Lucrecia
o primeiro que viu a burra
díxolle desta maneira:
"Deixademe a dentadura".

Estas son cousas do entroido
que nos vos sirvan de risa
pero a cabeza da burra
e para o Plácido e para a Luisa.

Ise señor D. Bernardino
é unha bella persoa
quédalle as pernas da burra
pel e para a súa señora.

Ese señor Don Cotilla
é un rapá moi educado
quédanlle un lacón de burra
para él e máis para a súa Amparo.

Ese señor D. Eduardo
señor de pouca parola
por eso vaille quedar
un cacho da paxarola.

Alá ven o Alfredo
il coa súa boa intención:
"Daime o bandullo da burra
que a quere a miña Asunción"

Esa señora Josefa
é unha señora moi fina
que lle quede o redeño da burra
para que faga unha toquilla.

Tanto ten que se enfaden
como que miren para min
pero o corazón da burra
é para o Julio do tío Delfín.

Unha cousa que é moi fina
dicen que é o costillar
para iso vaille quedar
a ese señor D.Vilar.

Ese Señor D. Lisardo
como é algo presumido
quédalle unha canilla da burra
para que faga un asuvío.

Eí vena señora Anuncia
xa ben sacudindo o Cisco:
"Daime un xamón enteiro
para min e para o meu Francisco"

A vuxiga da burra
é un bocado moi fino
por iso vaille quedar
a ese Señor D. Higinio.

Ese Señor Don Pedaneo
é decir, o Antonio do Roquiño
quédalle a metade do rabo
e a puntilla do fuciño.

Alá ven o Sergio
xa non ten onde escoller
quédalle o outro xamón enteiro
para que teña que comer.

A Señora Baselisa
por ser tan reparona
quédalle a outra mitad do rabo
e un cachiño da pasmona.

ISTO A MIN NON ME ERA DADO
VEN O PODEDES COMPRENDER
MANDOUME O SEÑOR ALCALDE
E TIVENO QUE OBEDECER.