domingo, 10 de abril de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN CORTEGA. A LIMIA. (REPORTAXE FOTOGRÁFICA).

No verán do 2021 achegueime ata Cotegada da Limia procurando os encalados e os encintados.

No centro da aldea atopei unha casa cun encalado semellante ao de Seiró, Vilar de Barrio. (Artigo neste mesmo blog). A parte positiva do encalado, próxima ao tellado, aparenta derramarse nos cálices que están debaixo. Entre cáliz e cáliz un círculo. A parte negativa ten a forma de seteiras pero non tan marcada como en Seiró.


Casa con encalado.

O cáliz está composto por un medio círculo. Debaixo un pequeno círculo e finalmente unha peza triangular que fai de pé do cáliz. Como a pedra é de perpiaño, con corte regular, debaixo do cáliz aparece unha liña do encintado.


Detalle do encalado con cálices e círculos.

O Encalado continúa polo balcón. Como ollamos, a porta do balcón ten un encintado ancho.


Encadado no balcón.


O encalado percorre os catro muros da casa. No balcón e nos cuñais da casa o encalado fai unha figura de "columnas" que lle dan moita máis beleza a construcción. No encalado superior permanece o medio círculo pero perde o resto das figuras que forman o cáliz. Complétase o conxunto engadindo uns círculos entre o encintado superior e o inferior. Se coincide o círculo nas esquinas das dúas paredes, o círculo dóblase adaptándose ao cuñal.

As columnas son dúas, unha para cada cara do muro. Cando chega á altura do encintado a columna estreitase con dous semicírculos en negativo. Xorde, entón, un capitel que chega ata o encintado do tellado. Este encintado superior faría a función de arquitrabe.



Detalle das "columnas" do balcón.



Detalle do cuñal dos muros cun dos círculo dobrado.


Noutra das construcción da aldea atopamos tamén o encalado ancho debaixo do tellado. Aparecen medios círculos sen as outras partes da figura do cáliz. 

Encintado con medos círculos.


Unha pequena fiestra da mesma casa presenta un encintado ancho ao redor que se perdeu na parte inferior. Temos uns medios círculos: catro debaixo do encintado do tellado e catro por riba do encintado da fiestra. Non están simétricos, existe unha pequena desviación debida ao encintado.


Pequena fiestra con encalado e medios círculos.


Outra das casas ten o encalado superior pero faltan os cálices. Ten ademais un encalado ancho na fiestra. Na fachada principal tamén ten un encalado ancho que enmarca a edificación.



A vivenda conserva os encintados e encalados na parte superior do paramento.


O máis interesante dos encalados de Cortegada é o encalado xeométrico na fachada principal da casa que vemos a continuación. Está ao lado da porta da corte.
Na fachada lateral vemos o encintado que está ben conservado, só perdeu na parte de abaixo. 


Casa con encalado xeométrico na fachada.


O encalado xeométrico son dúas Rosas. O encintado foi sustituido por cemento e parece que ao facelo quixeron respectar as rosas pero en xeral o conxunto perdeu moito. Non sabemos como sería enteiro porque quedan restos dun encintado groso descendente.


Rosas.

Nun detalle máis cercano podemos observar os restos do encintado e do encalado xeométrico.


Detalle do encintado e do encalado.


Nesta foto podemos ollar en detalle a feitura do encalado. Ainda se observan os riscos feitos para encadrar os círculos.  Supoño que as dúas flores estarían rodeadas dun encintado ancho como mostran os restos en tres lados, faltando case todo na parte dereita. Podemos pensar na posibilidade de que houbera máis rosas.  

As flores están en positivo. Debuxaronse sobre o cal e despois con moito tento foise quitando o cal ata que quedou a figura.

Encalado xeométrico en positivo.


Na cercana aldea de Meilás tamén encontrei algunha casa con encintado moi vistoso. 

Casa en Meilás.


Unha das edificacións ten unha fiestra coa decoración de cálices e círculos. O cemento desluce o conxunto pero supoño que rematou cos problemas de humidade.


Decoración na parte superior da fiestra en Meilás.


Nunha casa deste lugar atopamos debaixo do balcón da fachada principal, nun dos paramento laterais, un encalado de círculos e medios círculos.


Encalado xeométrico en Meilás.


No detalle podemos distinguir que é un conxunto de columnas formada por uns círculos centrais e medios círculos laterais. Están debaixo dun encintado ancho. Non quedan restos que nos indiquen que este encalado xeométrico tivese continuidade. 


Detalle do encaldo con círculos.

Os circulos centrais son tres ainda que o de abaixo é máis pequeno. Na parte superior e inferior presenta medios círculos. 
No lateral dereito ten dous semicirculos centrais e na parte superior e inferior temos cuartos de círculo. Tamén na parte inferior vese un arranque de encintado groso.

No lateral esquerdo adiviñanse a mesma cantidade e forma que no lateral dereito, mas están máis esnacados.



Como curiosidade, en Cortegada, unha casa ten un encalado lateral no balcón que presenta unha fita de cor vermello composta de flores vermellas e azuis. Esta fita enmanrca todo o encalado polos laterais. Quedan resto do encalado que cubriría a fachada frontal do balcón.

 
Lateral de balcón con encalado e policromía xeométrica.


 
Detalle da fita coas flores vermellas e azuis.


Tamén como parte da entrada dunha pequena construcción temos esta cara que non sei se é dun ser humano ou dun animal.


Cara na parte superior dereita.







Detalle da cara.




Quero que sirva este pequeno artigo de homenaxe ao limiao Paco Franco que foi mestre, investigador, escritor e activista político e cultural. Cortegada foi a súa última parada.  

Deixou na súa casa unha mostra da continuidade da arte popular.






Quero agradecer a Belén a información sobre os encalados e encintados de Cortegada. 

Bibliografía:

Vega Pato, Tomás: Arquitectura Popular Ourensá. Deputación Provincila de Ourense. Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. 2007.