sábado, 28 de novembro de 2020

ARTIGO NO LETHES Nº 1. A LABOR DOS CANTEIROS.

 No ano 1999 publicouse o número 1 de LETHES Cadernos Culturais do Limia. Pechando o índice aparecia un pequeno artigo meu que como non saiu anunciado na capa, a xente non soubo que dentro da revista estaba o meu artigo. Non fun nomeado nin unha vez na presentación. 

Para o artigo entrevistei a un dos canteiros que vivía en Xinzo e que se chamaba Antonio, por alcume "O Ranita". A entrevista foi curta e comezou cun "e para que carallo queres saber de todo isto?. O teu pai non ten un taller?" Convencino para que me falara do su oficio pero falou pouco. Hai anos que morreu pero recordo moitas veces a pregunta. E a verdade é que saber da vida dos nosos antepasados tenme servido para pouco. Ademáis por esta entrevista outro dos canteiros de Xinzo rifou comigo por non ter falado con el. Aínda hoxe, pasados máis de 20 anos, non me fala.

Agora quero retomar aquel pequeno artigo para recordar o duro traballo daquel home e de moitos coma el e o desagradable que é, por veces, manter unha afición. 

O tema escollido, o da casa, foi motivado pola lectura do que Xaquín Lorenzo deixo escrito no primeiro parágrafo do seu libro A Casa:

" O elemento mais interesante de toda a producción popular é, sen dúbida, a casa. Non enche soamente o papel de refuxio contra os ataques do medio ambiente senón que é tamén o aglutinante que une entre si ós membros dunha mesma familia"

O artigo ía acompañado de tres fotos que vou cambiar porque non eran de Xinzo.

Este pequeno artigo sería a introducción a unha serie de artigos centrados na casa e nas construccións adxectivas. Naquela altura a miña vida estaba mudando de maneira importante e a verdade é que non lle puxen moito interese.

O artigo:

A arquitectura popular fronte a culta é aquela que empregando unhas técnicas constructiva que se transmiten ó longo dos anos responde ás necesidades dos seus moradores empregando materiais da zona. Isto é sobradamente coñecido. O interesante é coñece-las peculariedades de cada lugar. Como a imaxinación popular respostou ós problemas que se lle formularon en cada lugar distinto e cos materiais atopados no entorno.


Vivenda cun vistoso encintado.


As diferencias fundamentais veñen nos materiais: pedra de gra, xisto, colmo, tella, etc. Tamén o emplazamento é decisivo: non se edifica igual na costa que na montaña. Pero dentro dunha mesma bisbarra podenselle dar distintas variantes ós mesmos problemas. Por iso, ainda que pareza que o lugar onde vivimos carece de interese, se buscamos un pouco atoparemos aquilo que nos diferencia dentro do conxunto harmonizado. Para seguir un método comezarei falando das diferentes construccións populares. Non só me centrarei na casa, tamén nas chamadas construccións adxectivas, ainda que desgraciadamente en Xinzo moitas xa forman parte da memoria dos maiores.

É no Barrio de Abaixo onde atopamo-las construccións de tipo popular, xa que é a zona máin antiga da vila. Tamén foi sempre a de máis movemento. En tempos foi o Camiño Real e na actualidade é a rúa dos viños. Nesta rúa é onde se centra o Entroido de Xinzo, por onde troulean aas pantallas. Pódense ver no verán partidas de ra ou de chave na que se xogan os viños.

Atopamos dous tipos de construccións ben diferenciadas: a casa e a palleira.


Barrio de Abaixo dende a Praza Maior.

A CONSTRUCCIÓN.

A labor dos canteiros comezaba procurando o material de construcción. A pedra de gra íana buscar á canteira que houbese no monte máis cercano a onde se proxectaba a obra (A Cabreira, O Cebreiro, Monte de Damil ou o Monte de Portoalto). A diferecia doutros lugares, eran os canteiros os que preparaban a pedra no monte coa que logo construían. Matizo isto porque o meu informador non fai referencia ós "pedreiros"que tiñan por oficio cortar e escuadra-la pedra para os canteiros. Para isto empregaban mallos, macetas, punteiros, guillos, etc.

O traslado da canteira ó solar facíase no carro das vacas.


Casas do Barrio de Abaixo.


Para os cimentos da casa facíase un burato de 1 m. ou de 1,20 m de profundidade, dependendo do nivel ó que se atopase a capa de area. A anchura rondaba o 1,20 m. máis ou menos. O traballo facíase a pico e pala. Xa feito o burato, enchíase de cachote ata arriba, nese momento facíase o ASOLEIRADO, que consistía en colocar unhas pedras a nivel chamadas SOLEIRAS, que eran a que non daban o grosor necesario para ser porpiaño de parede.

Unha vez asoleirado podíase facer de dúas maneiras: ou se subían fiadas de porpiaño, ou se construía en cachotería de 60 cm. de ancho e enchíase de cachote alí onde non se xuntaban as dúas pedras.

 Contratábase a obra por FIADAS. Por exemplo, unha parede de 12 fiadas viña sendo de 6 metros de altura.

A cara do paralelepípedo que forma o porpiaño ten distintos nomes segundo sexa colocado na parede. Así temos o LEITO que é a parte inferior que se apoia no SOBRELEITO ou parte superior do que está inmediatamente por debaixo. A cara á vista, a mellor traballada, chamábaselle PARAMENTO  e a cara interior TRASDOUS. As caras laterais son as XUNTAS.

Nas palleiras as paredes eran de cachotería e para reforza-la obra, cando o canteiro o consideraba oportuno, colocaba unha pedra que atravesaba de lado a lado o ancho do muro. É a chamada XUNTOIRA.


Barrio de Abaixo dende a rúa Outurelo.


Segundo se ía elevando a parede, xa se deixaban os ocos que formaban as portas e ventás, tamén as xanelas paa que respirase a corte. Tamén se deixaban os rebaixes para as traves que eran moito millor de castiñeiro que de carballo, pero pisar e apontonar xa era cousa dos carpinteiros.

Se se quería e daban permiso, o balcón faciase sainte. Sobresaía uns 40 cm. reforzando a suxeción con CANZORROS. Normalmente o balcón vai sobre a porta de entrada con varandas de ferro, medeira ou pedra. Se non daban permiso, o balcón quedaba a rentes de parede, coa varanda de madeira ou de ferro cara adentro e as contras, que abren cara fora, resguardando o interior.

Para coloca-los porpiaños en fiadas e ande a altura da parede o facía necesario empregábase o CABAZO e a MAROMA. Construíanse dous paos que se cruzaban na punta superior. Da intersección penduraba unha CADEA e alí era onde se colocaba o CABAZO e por el facíase pasar a MAROMA. Nun extremo atábase a cadea, que é a que agarraba a pedra, do outro tirábase ata levanta-la pedra e colocala no seu sitio.


Martelo de canteiro.

A ferramenta para prepara-la pedra antes de ser asentada era: PICOS, GUILLOS (cuñas), CURADEIRAS (punteiros de punta cuadrada) MARTELOS, PICA (para devasta-la pedra) MACETAS, PUNTEIROS, METROS, ESCUADRO...


Guillos (cuñas) de canteiro.




Martelo de canteiro.

O remata-la obra os canteiros colocaban un ramo de loureiro.

Remataba así a miña pequena e única aportación á LETHES. 

Estas fotos do Xinzo vello demostran o que foi Xinzo. 


Rúas de Xinzo.




Rúa do Barrio de Abaixo.