jueves, 8 de agosto de 2019

OS CANASTROS DA LIMIA. A FONTEMOURA.

No ano 2002 publiquei no número 1 da revista O BOUZO da Asociación Cultural O BIÓN, un artigo sobre os canastros de A Fontemoura.


A Fontemoura é unha aldea do Concello de Porqueira.


Quero reproducilo agora como foi redactado naquelas datas. As fotografías foron feitas cunha cámara  RICOH SLX 500 (analóxica) e todo o procesado, dende cargar o carrete ata o positivado foi feito por min naquela altura.


OS CANASTROS DA LIMIA.

Introducción

Os canastros son, sen lugar a dúbidas, as construccións populares máis representativas de cantas temos no país. Na Limia non podían faltar. Ben é certo que só aparecen naqueles lugares onde o clima, intimamente unido á altitude, condicionan a aparición do cultivo que é o causante directo da súa presencia: o millo.
O millo é un cereal americano que chegou providencialmente para matar a fame que no país se pasaba. Tamén de América chegou outro producto que axudou moito a nosa xente: a pataca.
Din que o primeiro millo que se cultivou foi en Mondoñedo e que foi traído das Américas polo Gobernador da Florida o Almirante Gonzalo Méndez de Cancio e a súa dona Magdalena de Luances. Substituíu a outro cereal ata facelo desaparecer: o millo miúdo, do que tomou o nome para facelo seu: millo graúdo ou millo maízo. Cambiouse un cereal de inverno por outro de primavera.
O cereal trouxo unhas necesidades que antes non se coñecían. O millo precisa máis tempo de maduración despois de colleitado. Na Galiza este tempo non o hai, o inverno chega pronto. O proceso de secado ten que continuar por un tempo nun sitio onde a temperatura sexa constante, estea venteado, lonxe da humidade do chan e dos animáis. O enxeño do labrador creou ou recreou unha construcción que cumpre todos estes requisitos; O CANASTRO.

Historia.

As orixes dos canastros son escuras. O millo chega a Galicia no século XVII pero existen datos que fan o canastro anterior a esta data.

Na Cantiga CLXXXVI das que Alfonso X dedica a Sta. María aparecen os seguintes versos:

"E outro día acharon tanto pan
que os orreos foron cheos de pran..."

Acompaña esta cantiga unha miniatura na que se ve a representación duns monxes e tres canastros moi similares aos actuais. Estamos falando do século XIII. É un dos primeiros documentos gráficos que mostran este tipo de construccións.

Na escrita queda documentación dos tempos dos romanos, que cando chegaron a estas nosas terras, chamoulle moito a atención que os celeiros estivesen sobre a terra (granaria sublimia) e non baixo dela, como eles coñecían.
A discusión dos estudiosos, de diversas nacionalidades, sobre a orixe do canastros é moi controvertida e enfronta opinións variadas: uns din que o trouxeron os Suevos, outros que proveñen dos habitantes dos poboados castrexos, outros falan de que os que vivián nos palafitos xa os coñecían...Este interés demostra que o canastro merece un posto importante dentro das culturas dos pobos. Dá regaño ver como moitos están desaparecendo pola desidia dos donos e das autoridades que por lei deben protexelos.

Clasificación.

Existe tamén diversidade no intento de clasificar os canastros en Galicia. Todos destacan algunha peculiaridade que os fai diferentes e todos teñen razón.
Algúns destacan a forma: redonda, rectangular ou cadrada.
Outros o material do que están construídos: de varas entretecidas, madeira, madeira e pedra (mixtos) e de pedra.
Hainos que destacan a sustentación, pés (unha peza de pedra en cada esquina ou máis en función da lonxitude do canastro) cepas (unha peza de pedra do ancho da cámara en cada punta, se o necesita ten máis de dúas), celeiro (construcción que está debaixo da cámara e que serve de almacén), muro de cachotería moi concreto na zona que linda con Asturias.
Incluso polo material de cubrición, palla, lousa, madeira ou tella.

Ata agora a clasificación máis ampla é a de Ignacio Martínez Rodríguez que uniu tódolos elementos diferenciadores anteriores e ademais fixo unha calsificación xeográfica.
O que queira afondar no tema ten ao final uns cantos libros que tratan en profundidade este tema.

 Partes.

Para coñecer mellor estas construccións imos ver as partes das que se compón, comezando de abaixo a arriba.

O primeiro que hai que determinar é si o canastro está sobre o chan directamente ou si está pousado sobre unhas lousas de pedra que se chaman SOLEIRAS ou sobre unha soa pedra na que descansan os pés. Tamén poden estar sobre un pequeno muro ou onde a imaxinación do propietario o quixo poñer, pero sobre todo o que se intenta con esto é que o canastro quede nivelado, nun bo sitio onde lle dea o ar e fora do alcance dos ratos e da humidade.
Para elevar o graneiro na Galiza coñécense varias maneiras: pés, cepas, celeiro e muro de cachotería. Nalgún caso pode ir directamente sobre o muro prescindindo dos elementos de elevación.
Non existe unha norma en referencia a forma de cada un destes elementos. Así os pés poden ter un tamaño pequeno como nos cabazos de varas de S. Martiño de Moreiras ou exceder a altura dunha persoa nos orros de tipo asturiano de O Piornedo. O material de construcción empregado pode ser a madeira, a pedra (que é o máis normal) ou cachote. Pola contra as cepas son de pedra e o que varía é a forma que lle deu o canteiro, a economía do paisano e o material da zona.
O Celeiro é unha intelixente forma de aproveitar o espazo que queda entre o chan e o graneiro (OS CLAROS). Moitos gardan neste espazo a leña, o carro, (no caso dos cadrados tipo asturiano) e pouco a pouco fóronnos pechando ata que apareceu en espazo onde gardar as patacas e os trebellos do traballo e todas esas cousas que a nosa xente gusta de gardar.
Os que se sustentan sobre muro, moi altos, só teñen dous muros de cachote en cada esquina e normalmente aparecen asociados aos orros asturianos, e para diferncialos chámanlle cabazos.

Coroando os anteriores elementos de sustentación aparece case sempre a moa (tamén ten o nome máis clarificador de tornarratos). A súa misión é impedir que os ratos cheguen o gran trepando polos pés. Pode aparecer unha soa peza sobre cada pé, normalmente a parte inferior plana e as superior convexa, ou unha peza transversal que une dous pés que chaman MESA e que cumpre tamén a función de facilitalle á xente o acceso ao graneiro.
Colocado sobre a moa ou a mesa está o graneiro, o espazo onde se colocan as mazarocas, tamén chamada cámara. Esta cámara pode estar construída de varas entreteciadas, de madeira, de pedra e madeira ou enteiramente de pedra (só empregando a madeira para a porta).
O material de construcción está supeditado por unha parte aos posibles do agricultor e por outra as materias primas que haxa na contorna.
O tellado pode ser en forma de cono invertido nos de varas entretecidas e nos de tipo asturiano con esquinas máis marcadas ao ser cadrados e moito máis grandes.Para poder adoptar a forma de cono o material empregado é a palla.
O tellado a dúas augas é o máis extendido e pode ser de palla, xa poucos debido a pouca resistencia desta, de tella, lousa ou pedra. O tellado a catro augas aparece nos orros de tipo asturiano.
Dependendo das zonas nas esquinas dos tellados aparecen adornos que son xeralmente unha cruz e un picachón de forma piramidal rematado ás veces cunha bola. Bo gusto e uns elementos de protección para que nada poda estragar a colleita que está a secar.

Nomenclatura.

Os canastros teñen diferentes nomes segundo a parte da Galiza onde nos atopemos (uns 28 segundo Begoña Bas). Na Limia chámanse CANASTROS, CAPIPOS e derivacións desta última como Cacifo ou Cacifro. Canastro ven de canasto que non é outra cousa que un cesto ("canistrum"; canasto, cesto). Unha cana é unha póla dunha árbore. Con esta fanse os canastos e se este canasto é de grande tamaño é un canastro.
Está é unha das razóns pola que os estudiosos pensan que os primeiros canastros en aparecer foron os de varas, destes pasouse aos de madeira e finalmente incormporouse a pedra tomando aos de madeira como modelo.

Na Limia.

O meu interese vaise centrar nos que existen na Limia. A intención é facer estudios dos canastros en cada localidade. Saberemos así as diferencias que presentan nunha mesma localidade e ao mesmo tempos as diferencias con outras aldeas.
Vou comezar cos Canastros de A Fontemoura. Lugar da Parroquia de Sta. María de Porqueira, do concello de Porqueira.
Aquí atopamos once canastros en pé. Poderiamos distribuílos en dous grupos que estarían cinco á dereita e outros cinco á esquerda do forno comunal, quedando un illado do referente do forno, estando este na estrada.

Comezo a clasificación decindo que son canastros de madeira con pés como elemento de sustentación; tellado a dúas augas de tella. Non teñen adornos.

Fontemoura 1.


Seis dos canastros presentan unha pedra debaixo de cada pé que formaría a SOLEIRA. Cinco van directamente sobre o chan.

Nº pés Altura Material Formas Ancho
1 6 131/117 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 30
2 4 1ºd=78/2ºd=60   1ºe=58/2ºe=52 Pedra pouco traballada Rectangular  34*19
3 4 70 Canteria Rectangular con esquinas cortadas 20*30
4 6 62/95 Canteria Medio circular          2 cadr.extremos 30                                       26
5 6 73/80 Canteria Troncocónico 50*22
6 6 92/97 Canteria Rectangular con esquinas cortadas 30*29
7 6 60 Pedra pouco traballada Rectangular 20*36
8 6 83 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 28
9 6 65/87 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 28
10 4 80 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 29
11 4 68 Canteria Cadrada con esquinas cortadas 25

Fontemoura 2.


Sempre son empregados PÉS para elevar, sustentar e separar o depósito da humidade que hai no chan. Os Pés son de diversa feitura, destacando os cadrados con esquinas cortadas en cinco ocasións, rectangulares en catro casos e un troncocónico. Hai un canastro que ten catro cadrados con esquinas cortadas e no centro dous circulares.
En nove canastros os pés están traballados con coidado polos canteiros e só en dous deles o traballo é inferior.
Abundan máis os que teñen seis pés por canastro, que son sete, que os que teñen catro, que son catro. Os pés máis altos miden 117 cm e os máis baixos 52 cm. O máis normal é que midan entra 60 e 80 cm. De ancho cara os 30 cm.

Tipo Forma Material
1 Transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
2 Individual sobre cada pé Circular-convexa Pouco traballada
3 individual sobre cada pé Circular-convexa Canteria
4 Individual sobre cada pé no medio. Transversais sobre parella de pé nas penais Circular-convexa Canteria
5 Individual. 5 circulares e 1 cadrado Circular-convexa Boa canteria
6 transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
7 Individual sobre cada pé En madeira ou non ten
8 Transversal sobre parella de pés Rectangular convexas nas puntas Canteria
9 Individual sobre cada pé no medio. Transversais sobre parella de pé nas penais Circular-convexa Canteria
10 Transversal sobre parella de pés 1 rectangular convexas nas puntas     1 Plano Canteria
11 Transversal sobre parella de pés na porta Individuais sen porta Case plano. Convexo Pouco traballada

Fontemoura 3.


Dos once canastros estudados, catro teñen mesas en tódolos casos. Outros catro teñen moas exclusivamente, coa particularidade que nun caso son unhas táboas de madeira nuns pés e noutros simplemente non ten.
En dous canastros que presentan tres parellas de pés os do medio teñen moa e as outras dúas parellas mesas. E finalmente hai un de dúas parellas de pés que ten na parella onde está situada a porta do graneiro presenta mesa, facilita o acceso, e na outra moas.

Longo Ancho Altura ata o cumio
1 410 122 165
2 293 133,5 167
3 292 140 170
4 332 126 160
5 424 133 160
6 413 130 161
7 425 135 163
8 494 124 162
9 420 120 159
10 308 127 173
11 216 123 180

Fontemoura 4.
A Cámara é integramente de madeira. A cámara máis longa mide 494 cm e a a máis corta 216 cm. A máis ancha mide 140 cm e a máis estreita 120 cm. Nin que dicir ten que o propietario do canastro facíao tendo en conta o tamaño da colleita e os medios económicos de que dispuña. A altura oscila entre os 180 cm e os 159 cm., a altura máis común ten os 160 cm.
A cámara está formada por unhas trabes: A Armazón (que sobresaen entre 20 e 30 cm da cámara) que soporta os balaústres, que son unhas táboas colocadas en vertical paralelamente deixando uns espazos (ventos) entre cada táboa que miden entre un e dous centímetros. Polos espazos é por onde entra o ar que ten que completar a curación do gran. Ao mesmo tempos son pequenos para que os paxaron non podan meter o peteiro e que a choiva non entre con facilidade.
Para reforzar a construcción a cámara leva unha cinta que a divide en dous tramos horizontais. Outras veces leva unha cinta vertical que divide a cámara en dous tramos verticais. O máis normal é que aparezan as dúas cintas conviandas dividindo a cámara en cadrados, (falamos do exterior).
Moitas veces os canastros levan na cámara unhas faixas, máis na parte de abaixo, en forma de zic-zac ou V para reforzar as madeiras onde máis sofren o peso da colleita. No caso que nos ocupa na Fontemoura dáse en sete casos da aparición da faixa na parte inferior. Nun caso quedan restos de dúas faixas que cortan en diagonal os dous cadrados que forman as cintas.

Fontemoura 5

Outro elemento importante con que conta a cámara é coa porta de acceso para gardar as mazarocas e ir tirando delas cando fagan falta. As portas tamén están feitas de balaústres  para facilitar a entrada do ar.

Fontemoura 6.


Nº portas Simple Doble Orientación
1 2 si O-E
2 1 si E
3 1 si E
4 1 si E
5 2 si O-E
6 2 si O-E
7 2 si E-O
8 2 si O-E
9 2 si O-E
10 1 si N
11 1 si E


Unha peculariedade destaca na feitura das portas en sete dos canastros: son dobres, é dicir, está dividida en dous tramos podendo abrir só a parte de arriba e así ventilar moito máis, son como as cancelas das cortes. Outra peculariedade é que en seis ocasións os canastros teñen dúas portas coas seguintes conbinacións.


  • Dos que teñen dúas portas son dobres en tres casos.
  • Dos que teñen dúas portas son simples en tres casos.
  • Dos que teñen unha porta son dobres en catro casos.
  • Dos que teñen unha porta é simple e nun só caso.
Fontemoura 7
Aproveitando que estamos a falar das portas podemos engadir que:

  • Dos cinco que teñen unha porta, catro están orientadas ao este e un o norte.
  • Dos sein que teñen dúas portas, pola máis usada están orientadas cara ao oeste, loxicamente a outra porta mira cara ao este.
  • Nun só caso a colocación é a contraria: este - oeste.
Coñecendo a zona vemos que están colocados coa parte estreita cara a onde veñen as choivas. Só nun caso falla esta colocación.
Para acceder dende o chan a elevación que supón a entrada da cámara empréganse pedras que deixan un espazo, é como si lles faltase un chanzo, para impedir que os ratos chequen ao graneiro. Noutras ocasións accédese directamente dende o chan.

Fontemoura 8.

Voadizo costal Voadizo penal
1 60 48
2 48 48
3 45 34
4 39 44
5 40 46
6 40 60
7 58 60
8 50 44
9 34 49
10 48 60
11 48 65



Fontemoura 9

O Tellado é sempre a dúas augas que é ,como vimos, un dos elementos diferenciadores a hora de clasificar os canastros. O material empregado é sempre a tella do país. Os voadizos son elegantes nalgúns canastros nas paredes onde están as portas (Parede penal). É o único adorno que se permitiron nestes canastros xa que non teñen os elementos decorativo-protector que aparecen noutros casos como son as cruces e os pináculos ou pimpinelas.
O voadizo alcanza os 65 cm como máximo e os 34 cm como mínimo nas paredes penais.
Nas paredes laterais (Parede Costal) o voadizo sobresae como máximo 60 cm e como mínimo 34 cm.
Sobre as tellas vemos colocadas pedras que impiden que os días de moito vento se movan as tellas ou caian ao chan.

Fontemoura 10.
Ata aquí a descrición destes canastros que como vemos nacen claramente para cumprir unha misión moi específica: almacenar a colleita de millo sen que os elementos externos poidan derramala.
Coñecendo os canastros doutras comarcas da Galiza, vemos que son canastros sinxelos, que cumpren a súa función e non destacan pola elegancia, nin polo seu grande tamaño. Son canastros de labregos sen moitos recursos. A vida na Limia non foi nada fácil e non valía andar con adobíos cando o importante era sacar a familia adiante.

Fontemoura 11.
Bibliografía:

Alfonso X "O Sabio". Cantigas de Sta. María. Ed. Sálvora.
Bas López, B. Arquitectura para a producción campesina. Ed. Hercules
                        As construccións populares: un tema de Etnografía de Galicia. Ed. do Castro.
                        Os nomes galegos dos Hórreos e dos seus elementos. Revista Verba nº 7.
Bouza-Brey, F. Etnografía y Folklore de Galicia. (2), ed. Xerais.
Caamaño Suarez, M. As construccións adxectivass.M.P.G.
De Llano,P. Arquitectura popular en Galicia. C.O.A.G.
Lorenzo Fernández, X. A casa. Ed. Galaxia.
Martínez Rodríguez, I.El Hórreo Gallego. Fund. Pedro Barrié de la Maza.
Pérez González, L.M. Os Hórreos. Univ. de Santiago de Compostela.
Rivas Quintas, E. Millo e hórreo. Legumia e cestos. Ed. Laiovento.